xoves, 25 de xuño de 2020

DIAS DE RADIO


Por Pepe de Rocaforte

Atrévome a copiar este título coa esperanza de que Woody Allen non me vaia demandar; pero é que, salvadas as distancias estratosféricas entre a Galicia e a Nova York dos anos corenta e cincuenta do século pasado, a película de Allen paréceme retratar con certa fidelidade moitas das vivencias lembradas con motivo das miñas últimas colaboracións semanais.

Para levar as cousas cunha certa orde, á cal son tan remiso, mesmo inconscientemente, empezarei polo fútbol nas tardes de domingo en que saiamos dar un paseo cos pais e pola nosa beira deambulaban señores e máis señores co transistor apegado á orella para non perder detalle da marcha do partido en que tanto se xogaba sempre o seu equipo favorito.

Porque si, daquela viviamos a febre do transistor, cos aparatos mercados polos emigrantes que levaban algúns anos circulando cara a Europa,  ou adquiridos en África por algún mozo obrigado a facer o servicio militar nos farrapos do imperio colonial de que aínda presumía España. No meu caso familiar, o “Sanyo” con que eu fardaba cando llo podía “guindar” a meu pai, chegou por unha terceira vía, traído directamente do Xapón por un mariño mercante veciño noso.

Dentro do apartado futbolístico cómpreme citar a Enrique Mariñas, de Radio Nacional de España na Coruña, coas súas épicas retransmisións dos partidos internacionais da “Selección”. Para min, así e todo, é inesquecible un programa de Radio Ourense, que se anunciaba así: “¡¡Palestra!! ¡¡Ha llegado Palestra, la radio-gaceta de los deportes!!”, unha marabilla informativa nas voces de Pedro Arcas e de Montesinos (de quen desgraciadamente non conservo na memoria o nome de pía).

Volvendo a Radio Nacional de España, cómpreme citar, ¿como non? o popular “Desfile de Estrellas”, presentado por Emilio Díaz, o único profesional galego da radio ganador dun “Premio Ondas”. Desde que cheguei á Coruña fun seguidor daquel programa que me deixou na memoria os nomes da compañeira de Emilio Díaz, Marina de la Peña, do maestro Diehl  ó piano,  dos concvursantes Celsa Bolón, Matilde “La Galleguita”, “El Niño de Soandres”, que cantaba “Billetes, billetes verdes, pero qué bonitos son”, etc.

Aquí fago un inciso para lle agradecer a Blanca Díaz a foto de seu pai, Emilio, creo que acompañado por Celsa Bolón, como tamén lle agradezo a anécdota, que seica oíu por primeira vez este ano en Lugo, unha entre tantas como se contan daquel gran entrevistador e presentador. Seica no transcurso dun programa cara ó público, atopábase en primeira fila unha señora cunha crianciña no colo que non paraba de chorar, interferindo nas actuacións no escenario. Nun momento dado Emilio dirixiuse a ela: “Señora, ¿el niño es su hijo?”, e ante a resposta afirmativa da muller, dixo rápido: “Pués ¡a lo hecho, pecho!”

E por hoxe non sigo porque aínda me queda por contar algo de dúas estrelas daqueles tempos ás que coñecín persoalmente: Pucho Boedo e José Luís Naveira, e darlle un pequeno repaso á radionovela e ós humoristas radiofónicos. Moita cousa para o espacio que me queda. Así que ¡ata a próxima mellorada!, como se despedía o señor Trapero Pardo desde Lugo ó remate das súas colaboracións en Radio Nacional de España na Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario