Por Far O'McKwoo
De como o auditorio apreciou a súa desventura e facilitoulle o regreso a Ítaca
Sóese falar das mans baleiras do retornado e poucas veces da memoria perdida. Dáse por feito que a memoria permanece polo simple feito de volver, sen decatarnos de que só permanece a morriña do pasado, que polo xeral medra co arrepentimento de terse ido e ennegrece coa falta de logros. E el neste intre só ten a lembranza das penas, das pelexas, dos desacordos e do perdido entusiasmo de outrora, de todo ese conxunto de bos augurios e malos pesares, de grandes esperanzas e tremendas desilusións que formaron parte da súa existencia desde hai máis de doce anos. Neste intre, contra o sentimento de derrota é contra o que se rebela, ansioso por retornar ós tempos felices en que a cobiza por despuntar sobre o resto dos seus paisanos aínda non o cativara.
O emigrante embarcou coa dubida de como había de presentarse e como ía ser recibido, el que volvía practicamente co posto, e pasou todo o traxecto coas mesmas dúbidas: ¿perdoaranlle a ousadía da ambición?, ¿recriminaranlle o fracaso?, ¿sinalarano dalgún xeito? Á fin, a ambición só é un desexo e nunca unha meta.
Xa no porto de destino e desembarcado, deambulou polas rúas viguesas matinando no intre de presentarse diante dos seus coas mans baleiras e a cara do fracaso que tantas veces arredou o regreso, ata que, con certo grao de pusilanimidade, tomou a idea de facer un recoñecemento previo da situación, observar como mudaron os tempos para saber que trocou e que permaneceu coma cando marchou, tratando de entender como levaron os seus todos estes anos. E como pode pedir perdón polo fracaso.
Tal vez non fose mala idea agochar a propia identidade e visitar antes de nada a Eumeo, ó empregado de seu pai, o encargado da batea que teñen no polígono mexilloeiro de Sálvora, antes que a ninguén, para que o poña ó corrente da situación. E con tal idea chegou a Ítaca, tomou un cuarto no hostal Campiño, nas aforas da vila, e saíu, escafandrado con barba medrada, gafas de sol e gorra de viseira a tomar contacto coa parroquia, comprobando como pode pasar polo porto ou por diante do bar Ágora, onde os veciños fan parladoiro, sen ser recoñecido.
Ulises sente a tentación de visitar a casa familiar, pero de súpeto, ó pasar polo colexio público onde o seu fillo, ese a quen Hermes tanto gabou, aprende de letras e números, entrou a falar coa mestra para que lle confirme a súa esperanza de que nada está perdido, e tamén para tela de aliada nesta nova etapa de aproximación. E é Atenea quen lle conta como Telémaco anda empantanado con Internet, botando moito de menos a seu pai, buscando na rede algo que lle diga onde está. Algo que lle asegure de quen vén sendo.
A Ulises aflóranlle as bágoas, pero pídelle á mestra que non lle diga nada ó cativo, que antes ha de prepararse para que a sorpresa do retorno non se converta en rexeitamento, que por non ter, nin ten un galano con que engarguelalo, e a mestra así se compromete con el, a axudarlle nesa aproximación paso a paso.
-Igual teño que abrir unha páxina de Facebook para facilitarlle a procura.
(Próximo capítulo: Do encontro e da conversa mantida entre Ulises e Eumeo).
Ningún comentario:
Publicar un comentario