xoves, 20 de agosto de 2020

A QUE NOS AFAI INTERNET

Por Pepe de Rocaforte

O escritor norteamericano Nicholas George Carr publicaba no ano 2008 un artigo na revista “The Atlantic” co título “¿Está Google facéndonos estúpidos?” (certamente indicativo da opinión do autor en relación co tema), no cal falaba do efecto que Internet ten actualmente no coñecemento. Afirmaba Carr que o dominio da Wikipedia, Google, Facebook, Twitter e un pequeno etcétera de sitios hexemónicos nas buscas de información na rede, podía ter un efecto prexudicial para o noso pensamento, reducíndonos a capacidade de concentración e a necesidade de ampliar e contrastar informacións. Aínda que teñamos moitos máis sitios dispoñibles, dicía, estas páxinas acumulan unha concentración do tráfico que nos induce a utilizar con moita maior frecuencia ese reducido número de sitios, cunhas determinadas ideoloxías que tamén cumpren unha determinada función.

Posteriormente, no libro “¿Que está facendo Internet coas nosas mentes? Superficiais”, publicado en 2010, di Nicholas Carr que este dominio das páxinas da Wikipedia nas buscas, ademais de lle dar certo grado de autoridade, en boa medida discutible (esto dígoo eu), está conseguindo que a través das buscas en internet a cultura se volva superficial, porque polo xeral os usuarios quedamos unicamente coa información máis rápida e sinxela ó noso alcance.

Así chegou un día no que Carr se decatou de que era incapaz de se concentrar na lectura dun libro e mesmo algúns textos relativamente extensos líaos fragmentándoos. O uso continuado dos programas asociados a internet estaba facendo cambiar algo nel, a influencia dese uso acabara por facerlle variar o seu modo de lectura, o mesmo que variara e reducira a súa capacidade de concentración. Recordando a Marshall McLuhan e a súa frase, “o medio é a mensaxe”, Carr comprobaba que unha nova tecnoloxía supón un novo comportamento pola nosa parte. E así, o que pensamos e como o pensamos modifica non só o noso pensamento, senón o propio cerebro.

Algo que a nós, a xente do común, nos está afectando (e podémolo comprobar a diario) é o non precisarmos lembrar cousas a longo prazo. Xa non nos é necesario botar man da nosa memoria, cando calquera información que precisemos, polo motivo que sexa, frívolo ou necesario, ímola ter de inmediato, no medio da rúa ou tomando o aperitivo na terraza dunha cafetería, só con botar man do teléfono móbil. Se é certo que somos o que é a nosa memoria, esta memoria na actualidade xa non é nosa, é propiedade dos sitios hexemónicos que nos facilitan información en Internet.

E agora que me decato, ¿a miña nova maneira de gozar do ocio coa visión de películas en disco duro ou DVD, que cando as estou vendo, se por exemplo chego a unha escena que se me fai longa de máis, trátese dunha persecución automobilística, dun combate encarnizado, e prolongado, entre dous exércitos, dúas bandas de gansters, dous pistoleiros, ou o discurso peñazo dun determinado personaxe, o que fago é botar man do mando a distancia e acelerar o ritmo da proxección será tamén produto das influencias do Internet?

E unha última pregunta: ¿foi vostede capaz de ler esto que acabo de escribir sen saltar liñas ou parágrafos?



2 comentarios:

  1. Fun capaz de lelo pero costoume.
    Estamos absorbidos e non sei como rematará esta situación pero non pinta nada ben.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. De todos modos, estimado señor Paideleo, non é conveniente alarmarse en exceso. Debemos gardar unhas boas doses de cabreo para cando empecemos a ver os resultados do novo (!) sistema de educación a distancia, estilo C.E.A.C. ou Academia C.C.C. de San Sebastián, agora en modelo informatizado, eliminadas cousas tan esenciais para a aprendizaxe como a convivencia nas aulas. Porque eso acabará por impoñerse, aproveitando o COVID-19 ou o que sexa. Verémolo.

      Eliminar