Por Pepe de Rocaforte
Segundo lle contaron a don Carmelo Lisón Tolosana, o Malinowski destas nosas Illas Trobriand, morto o pasado 17 de marzo en Madrid, uns homes de Luneda, alá por terras da Caniza, que foran á sega a Castela, un día que se erguera unha boa treboada naquelas chairas, cousa que eles aproveitaran para botar un descansiño no medio da faena, viron chegar dous señores moi altos e mouros, que viñan todos sufocados e lle pediran de beber logo de se sentaren de par deles.
Os dous señores altos, meténdose en conversa mentres repousaban, preguntáronlle ós galegos que de onde eran. “De Luneda”, respondéronlle eles. “Hom, pois precisamente de alí vimos nós agora. Iamos fundir esa parroquia, pero enriba da Portaliña (o último lugar da aldea), unha vella a botar loureiro bendicido no lume e unha cadeliña a ladrar, non houbo xeito de que puidésemos entrar no pueblo”.
E os que andaban na sega non souberon o que quería dicir aquelo, pero tiveron conta do día que era e cando volveron a Luneda preguntaron se o día dous de xullo pasara alí algunha cousa rara. “Unha tormenta moi grande”, respondéronlle os veciños, “que case fundía a parroquia, que ata as veigas se encheron de toros que estaban cortados no monte”. Entón os seitureiros pensaron o que significaba a cadeliña ladrando, e era a campaíña de Santa Bárbara. Aqueles dous homes altos que viran en Castela eran os comandantes dos tronos. É dicir: os nubeiros.
E por este xeito hai moitas historias máis, que poderiamos estar contando ata que veña o inverno, se lle toca de vir este ano. Poderiamos matinar encol de antecedentes ilustres de nubeiros e tronantes, que a min me gustaría emparentar co deus Thor ou Donar, como comandante maior, e os seus ananos mouros (Zwerge), precursores dos tronantes de pouco pelo. Antecesora das nubeiras podería ser Sif, e unha xerarquía intermedia atopariámola en Vingthor.
En fin: que aparecerían parentes por todos os lados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario