xoves, 13 de agosto de 2020

MAMBO NEGRO

Por Pepe de Rocaforte

Nestes días pasados lembreime dunha novela que me gustara moito alá polos anos sesenta-setenta: “Un mono en inverno”, de Antoine Blondin, historia dun ex-alcólico, home xa nas portas da ancianidade, que rexenta, xunto coa súa muller, un hoteliño nunha pequena localidade da costa de Normandía. Un día, fóra da temporada de verao, ve chegar ó seu establecemento un cliente descoñecido, de entre trinta e corenta anos, que ninguén na vila sabe quen é nin a que vai por alí. Este home un tanto estraño, un algo misterioso, pronto será catalogado polos veciños da vila como alcólico habitual. O matrimonio propietario do hotel, unha parella sen fillos, axiña se senten atraídos por un sentimento de simpatía protectora cara aquel home á deriva, navegante sen rumbo aparente na súa vida. E esta simpatía axiña levará ó vello hoteleiro a establecer amizade con el e, como consecuencia, logo de dez anos afastado da bebida, recair no alcolismo.

Sen ningunha relación con este recordo, polo menos que eu lla vexa, veume tamén á memoria case ó mesmo tempo, outra novela, esta publicada en 1991, dunha escritora para min totalmente descoñecida. Unha novela da que non lembraba o título nin o nome da autora. Conservaba, eso si, os nomes dalgunhas personaxes: Xoán Tanamera, Clara Boia, Pío Rea, Sin Usite, Sac Arrollas, Lino Léon, Suso Dito, Rino Ceronte, Xusto Atempo, Ben Akí, Anastasio (Tas) Mala, Salomón Tabén... que dan idea de por onde van os tiros nesta divertida novela de xénero negro.

Non era capaz de atopar en que recanto da casa tería metido o libro e menos mal que se me ocorreu buscar no catálogo da Editorial Vía Láctea. ¡E alí estaba!: “Mambo Negro”, de Cristina Frasie. Na orella do libro vén unha pequena nota biográfica: «Cristina Frasie, de pai castelán e nai rumana, fica en Galicia despois de vivir en varias cidades de España, Francia, Inglaterra e Marrocos. Licenciada en Historia da Arte, é profesora de francés nun instituto da provincia de Pontevedra. Publica un conto en Éditions Nathan de París, editorial coa que colabora. Escribe unha columna quincenal no Diario de Pontevedra. Mambo Negro é a súa primeira novela en galego.»

Dándome unha voltiña por internet atopei algunhas cousas máis. Por exemplo que actualmente vive en Madrid, que publicou outro libro en galego, “Isilda, a portuguesa”, na Editorial Galaxia, supoño que de temática xuvenil pola colección en que está editado, “Árbore”; e outra novela en castelán, en 2009: “Volver a Alamut”, onde a protagonista, Mara Suances, se ve relacionada cos países musulmáns, o terrorismo islámico e as faccións chiitas. Na orella deste último título figura unha nota biográfica un pouco máis ampla que a de “Mambo Negro”, pola cal sabemos que colaborou como contertulia en varios programas da cadea SER, foi columnista do Diario de Pontevedra e, ocasionalmente, de “Cambio 16”. Catedrática de francés e de lingua castelá, foi profesora contratada na UNED, no Instituto da Tradutores da Universidade Complutense e na Universidade Rey Juan Carlos.

Se vostedes teñen idea de coller unha lectura grata para estes días de vacacións de verao, non o dubiden: busquen “Mambo Negro” e asegúrolle que van gozar con ela.


Ningún comentario:

Publicar un comentario