Por Far O'McKwoo
De como Ulises xera temores pero acepta a proposta de converterse en “camelo”
Na mesma taberna onde se quixeron burlar e se burlaron de Ulises sen que este lle dese moita importancia, na mesma mesa onde lle gañou un pulso a Iro, e de onde fuxiu antes de que o ex-boxeador aboubado descubrise a súa identidade, o grupo liderado por Antínoo, aparentemente unido polo seguimento dun equipo de fútbol que, sen ser eles moi deportistas, sérvelles de desculpa para ter algo que festexar de cando en vez, volveu entrar o retornado na hora sinalada, sen abandonar a súa imaxe de desleixado, para participar na cea á que fora convidado e coa esperanza de que o acepten como espelido home de negocios, dono dun potencial mercado entre xente da súa mesma (aparente) ralea.
Ulises, nada máis entrar, acércase preguntándolle á orella dun deles, “¿Que hai do meu?”. E este, coa soltura que dá ser un dirixente triunfante séntao ó seu carón, “Agora falamos”. Pero Ulises aínda insiste “¿Canto custa o costo?”, cunha voz demasiado alta como para que algún cliente do bar se volvese cara a súa mesa. Mal saben Antínoo e compaña que aquel era o contrasinal acordado para que un subordinado de Hermes, se fixase neles.
Nun primeiro intre, os da colla tomárono a broma, pero como insiste con xestos e movementos propios daquilo polo que o teñen, e os seareiros do bar non fan outra cousa ca volver a cabeza cara eles; algún comeza a molestarse e a miralo con desconfianza, agarrándolle a cara polo queixo para mandalo calar.
-¡Escoita!. Se queres seguir aquí toma unha infusión de tila e cala.
Antínoo murmúralle algo a un deles e este pregúntalle canto é capaz de vender. “Todo”, di el eufórico, “Todo o que me deades”. Outra vez con voz demasiado alta.
-¡Baixa o volume!.
A resposta tómana coma de quen vén, dun ionqui arroutado que sen embargo pode ter, tal e como asegura, unha boa clientela, e non sería malo probar que é capaz de facer, á fin, como un deles di, o mercado está moi queimado e as posibilidades de negocio pasan por atraer novos “fregueses”.
-Se vendes o que che deamos, logo dámosche máis. ¿Estás disposto? -pregunta Antínoo.
Ulises acena coa cabeza sen dubidalo. Pero tamén nota como algún deles rosma manifestando a súa contrariedade por incluílo no grupo sabendo tan pouco del, que se o collen é quen de descubrir todo o cotarro e sinalar un por un a todos eles, que é unha imprudencia; e cando outro lle quita importancia, “Pois que pode facer un tipo coma este”, Ulises non intervén. Deixa que entre eles valoren as posibilidades que lles ofrece. Pero o opositor a telo na colla, insiste, que anque el non cre niso dos augurios, esta noite soñou cunha serpe descomunal que engulía todo canto atopaba, unha serpe que andaba a catro patas, pois aínda sendo serpe era unha serpe con patas, e arrotaba despois de tragar a cada un deles, e dicía “Que aproveite”, un mal soño que lle deixou moi mal corpo xa de mañá. Que soñar con monstros e mal agoiro se non se matan no mesmo soño, e el non só non o matou senón que foi papado, e de súpeto viuse na barriga do becho botando unha brisca con todos os presentes agás co “Home do mundo”. E daquela, cando outro do grupo, de súpeto convertido en experto freudiano, achaca ese pesadelo a algunha discusión familiar, ou a algunha copiosa cea, aquel insiste:
-Non sabemos nada del.
Entón Antínoo, líder natural e indiscutible de todos eles, deixando ver a pistola que leva debaixo da chaqueta sentencia sinalándoo: “Se di algo quítolle os fígados eu mesmo”. E aporta unha solución que tranquiliza a todos aproveitando as posibilidades que o moinante ofrece para ampliar un mercado cada vez máis limitado; daranlle pequenas cantidades, e se as vende, iranlle dando máis, sempre en doses pequenas, de maneira que, se o collen, nunca poderán demostrar se é comercio ou consumo propio. E se o negocio con el vai ben e necesitan provelo de maiores cantidades, farán que recolla os paquetes na caixa do supermercado, así, todos quedan libres e as sospeitas irán por outra vía.
Ulises permanece en silencio, coas mans nos petos, ata que o mesmo Antínoo o invita a manifestarse, pero el só di “Eu aínda non sei quen me vai convidar”. Todos calan amosando o sorriso da incerteza. Mais logo dun anaco de silencio, pide:
-Vós dádeme o meu e xa veredes que sorpresa.
(Próximo capítulo: Decomo foi quen de poñer todo o negocio dos narcotraficantes ódescuberto).
Ningún comentario:
Publicar un comentario