Unha Iberia americana?
O curmán de Undochán
|
Arxentina (a sua “Mesopotamia”) no oeste, Uruguai (S) e Rio Grande do Sul (N) no leste |
Meu caro curmán Un, que é un tolo, deu en soñar un soño chamémoslle histórico que, segundo el, ninguén soñou antes. É dicir, que sería o del un soño orixinal e máis que orixinal. Ben sabes ti –dime- como o actual Uruguai, desligado do imperio dos Borbóns (1814), foi breve colonia luso-brasileira (entre 1820 e 1828, esta última data fluctuante segundo onde), ata se declarar provincia das do Río da Prata (1825) e república independente (1830), todo simplificado de máis.
|
As Misiones Orientales a formar parte do Brasil, |
Compre engadir que, naquel 1828, os rebeldes uruguaianos, nunha razzia do xeneral Rivera –ver Crón. 77, futuro e inminente primeiro presidente da tamén inminente nova República Oriental del Uruguay- recuperaran, no actual territorio riograndense, as Misiones Orientales, o que restaba de máis oriental das antigas e masacradas Misiones xesuíticas, extendidas entre o Paraguai, ás costas, e a Arxentina e o Brasil máis em baixo, coas fervenzas do Iguazú/Iguassu como fogoso pai augural e actual referente internacional da rexión. Audaz acción do rato que, moi axiña, foi retrousada para o león, devolvendo tal territorio ao imperio todopoderoso.
Pois, seguindo o relato de Un, temos de que, entre 1835 e 1845, o actual estado brasileiro de Río Grande do Sul estivo separado do imperio dos Bragança, a formar a República Riograndense, coñecida como República de Piratiní, tal a sua capital. Entón, pergúntase o Un –e aquí ven o onírico do relato- se, en troques dos orientales. naquel 1825 (ver Crón. 83), proclamaren a separación da sua Província Cisplatina do Brasil, tivesen aguantado un pouco máis (o Un di “mais um pouco”)… non se podería ter dado unha liga gaúcha/gaucha cos dous territorios, o brasileiro e o uruguaiano, a integraren unha república gandeira e bilingüe, único exemplo de tal no mundo? Algo así como unha “Galicia bilingüe” (arredemo! aquí serían duas zonas con cadansua fala), noutro tan diferente contexto, con capital en Montevideo/Montevidéu, o grande porto a competiren, xunto co riograndense Porto Alegre, co empoleirado Buenos Aires.
|
as
Misiones
Occidentales anexadas pola Arxentina…
|
Fascinante historia-ficción! Xa se ten falado da rexión gaucha/gaúcha, a abranguer como un millón de quilómetros cadrados, neste caso reflectindo unha realidade etnográfica, que comprende a Mesopotamia arxentina –isto é, as provincias de Entre Ríos, Corrientes e Misiones, entre os ríos Uruguai e Paraná-, o Uruguai e máis o Río Grande do Sul (en cuxo norte nace aquel río Uruguai). Mais, sen irmos tan lonxe, sen cruzarmos este río Uruguai, senon tomándoo como a fronteira natural coa Arxentina que xeograficamente el é, teríamos ese mapa homoxéneo dun territorio ondulado e fértil… que por algo os reis e emperadores lusobrasileiros tentaran redondear.
|
O río Uruguai abrazando dous estados |
Que xogo para a imaxinación un país coas duas linguas románicas máis importantes a conviviren en pé de igualdade, como un exemplo transoceánico do que o iberismo clásico concebíu para a península ibérica, con inevitábel capital en Lisboa, tendo Madrid e Barcelona como cidades equilibrantes! Unha república, a soñada polo Un, que, cos 282.000 km.2 brasileiros e os 187.000 uruguaios, viría sumando un total de 470.000 kms., a se seguir chamando, por puro sentido común, “Oriental do río Uruguai”. O Un, que acotío anda a desarmar fronteiras e compor países baseados nas culturas e idiomas de seu (América, África, etc.), relambíase comentándomo… ata que acordou! (E eu xa non estaba alí).
Frase extemporánea: “Vengo de un sitio perdido en el sur/ entre gallegos y tanos” [italianos]. (Tabaré Cardozo, cantautor, tango “Montevideo”, 2013).
Ningún comentario:
Publicar un comentario