martes, 25 de agosto de 2020

COUSA DE MEIGAS - 2


Por Pepe de Rocaforte

 

Deixamos hoxe tranquilas ás históricas meigas de Zugarramurdi e vímonos a Galicia onde,  seguindo ó doutor don Jesús Rodríguez López, empezaremos por lembrar que no areal de Coiro, preto de Cangas, ás doce da noite dos días de San Xoán, de San Pedro e da Nosa Señora xuntábanse as meigas ó pé dunha fonte, no lugar de Areas Gordas, para realizar as súas festas e conciliábulos. Areas Gordas foi un importante centro de reunión, cunha sona que competía coa do Areal de Sevilla, a onde tamén se desprazaban esas boas señoras montadas nas súas vasoiras voadoras para celebrar descomunais orxías co Castrón maior. Por certo: a campana da igrexa parroquial de Coiro tiña un letreiro segundo o cal se lle atribuía a propiedade de, cando soaba, conxurar as meigas e a estadea.

O das vasoiras voadoras está comprobado e certificado por autoridades competentes na materia. ¿Ou non vai ser competente unha comisión de técnicos escollida polo rei Filipe II entre os da súa maior confianza para investigar canto había de certo no que se contaba das meigas de Galicia? Pois, logo de botaren máis dun ano na nosa terra estudando o asunto, os doutos comisionados emitiron un informe (que se conserva no arquivo do Escorial) onde daban fe de ter visto cos seus propios ollos ás doce da noite saír voando as meigas polas chamineas montadas nas súas flamantes vasoiras. E ata houbo un que dixo que a augardente da Ulla de fabricación caseira estaba riquísima, pero esto non consta no informe. Non viña ó caso.

Esas grandes xuntanzas, ou akelarres, como dirían os vascos, ás que se desprazaban as nosas meigas, eran presididas case sempre polo Castrón Maior, que se adobiaba para a ocasión con tres cornos; aínda que algunhas veces tamén as presidía a súa patroa, santa Comba, que antes de santa fora meiga, pero que dunha vez atopouse co Noso Señor, quen lle preguntou: “Comba ¿a onde vas?” e ela respondeulle: “Vou traballar polo meu oficio”. Entón Cristo replicoulle: “Enmeigar, enmeigarás, pero no meu reino n’entrarás”. Foi daquela cando a boa muller, que era moi cruel e lle gustaba matar nenos e vellos, botar o mal de ollo e facer outras picardías do oficio, arrepentiuse, fixo penitencia e non só se salvou, senón que rematou sendo santa nos altares da cristiandade.

No transcurso desas festas sabatinas, para entrar en calor as meigas rezaban un painoso que, con aprendelo de memoria, abondaba para calquera se virar meigo/a no mesmo instante de recitalo, aínda sen selo de antes. Tal prodixiosa oración dicía así: «Pai sodes noso escollido / para vos a gloria dar. / Pai sodes noso soleante / para vos a gloria dar. / Pai sodes noso no xardín / para a gloria nos dar. / Amai vós este meu corpo / prá vosa alma consolar. Amén».

(Continúa)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario