domingo, 30 de agosto de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (86)

                       Algúns mexicanos, peruanos, uruguaios…

O curmán de Undochán

    


     

            Hai 101 anos morría, a cen metros desta vivenda (Crón. 1) o efímero embaixador mexicano Amado Nervo (1870-1919), poeta importante do modernismo, cuxo busto temos cada día diante nosa. Daquela vivía xa entre nós o xove poeta peruano Juan Parra del Riego (1894-1925), que aquí publicou o principal da sua obra. (Célebre o seu “Polirritmo dinámico a [Isabelino] Gradín, jugador de football” -1922-, goleador negro uruguaio -1894-1944- con ese apelido tan pontevedrés, poema que a mesmísima Berta Singerman recitaría, no teatro Solís, en presenza do emocionado destinatario…).

            Parra foi o primeiro e breve home da escritora e activista uruguaia Blanca Luz Brum (1905-1985) quen, despóis de vivir, recén viúva de vinte anos, un tempo no Perú e colaborar co propio marxista J.C. Mariátegui, pasou por outros catro matrimonios… e acabaría apoiando, décadas máis tarde, ao ditador chileno Pinochet (¡). No ínterin, casara co muralista mexicano, seu terceiro home, David Alfaro Siqueiros (1896-1974) -de quen finalmente se divorciaría- e participara no nacemento do peronismo arxentino.


            Siqueiros baixara ao Río da Prata en 1929 e nos seus anos porteños (antes de ser expulso do país por comunista) creou (1933), cun equipo de pintores de primeira, na mansión bonaerense “Los Granados”, en Don Torcuato, o mural “Ejercicio plástico”, a cubrir os seis planos dun cubo-bóveda subterráneo, considerado un punto de inflexión no muralismo americano. (Demolido o palacete, restou soterrada a tal obra de arte, ata que foi excarcerada en 1991 e, tras rocambolesco proceso, requisada polo goberno e instalada aos fondos da Casa Rosada (2011), tendo dado tema para dous films de Lorena Muñoz e Héctor Olivera).

            Era dono de “Los Granados” o uruguaio, magnate da prensa arxentina, Natalio Botana (a) El Tábano –anagrama do seu apelido (1888-1941)-, creador do xornal “Crítica” (1913), de quen Neruda (un dos asistentes ás veladas da finca) dixera que aquel era “un deses millonarios que só a Arxentina e os EE.UU. poden producir”. Botana, descendente do matrimonio galego Botana-Hervías, formaba extraordinaria parella coa feminista Salvadora Medina Onrubia (1894-1972). (Non está moi divulgado que no panteón dos Botana estivo sepultada -1938-1963- Alfonsina Storni, colaboradora de “Crítica”, outra das asiduas a “Los Granados”).

  

               Sobre “Crítica”, a prologuista do libro do uruguaio Dr. Piñeyro do que tomamos moita parte da información, Sylvia Saítta resume: “”Crítica” denunciou as torturas a presos políticos, apoiou os movementos antiimperialistas latinoamericanos e militou a prol da España republicana”. Canto á relavancia do matrimonio engade: “A morte temperá [en acidente de automóbil], o carisma e o poder xornalístico e político de Botana sumados á militancia anarquista e teosófica e ás excentricidades [da belísima] Onrubia alicerzaron o mito”.         

 Sen relación directa con todas estas inquietantes personalidades, outro peruano contemporáneo de Parra avecindouse, despóis dunha delongada década europea, en Montevideo, desde 1950 ata o seu pasamento: Xavier Abril de Vivero (1905-1990), poeta, afín el tamén ao ideólogo Mariátegui, amigo de Vallejo e un dos primeiros estudosos da sua obra, é representante destacado do vanguardismo en Latinoamérica.           

Fragmento do “Ejercicio plástico” 

            Pechamos con el, como abrimos con Nervo, esta mélange de figuras senlleiras que, sen gravitaren especialmente no Uruguai, tiveron co país un ou outro relacionamento que non os fai extraños á temática destas crónicas.

 Frase extemporánea (traducimos): “O Uruguai, visto pola multitude de ollos estranxeiros, chámase a patria da amizade, como tal exenta ata a máis leve penca de xenofobia. Dicir amizade aquí é dicir entendemento cabal, confianza rápida e longa memoria, é dicir fidelidade.” (Gabriela Mistral, 1951).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario