martes, 18 de agosto de 2020

COUSA DE MEIGAS - 1


Por Pepe de Rocaforte

Para empezar esta nova serie non estará de máis dar un pequeno repaso histórico á cuestión das feiticeiras que, como moi ben di don Jesús Rodríguez López, existen desde tempos ben antigos. E ó escribir “feiticeiras”, seguindo a don Jesús, decátome de que a palabra non ten unhas connotacións tan negativas como as do seu sinónimo “meigas”. E aínda máis: entre meigos e meigas vai moita diferencia de usar o masculino a usar o feminino (referíndose ó substantivo; o adxectivo non é o mesmo). Exemplo ilustrativo sacado dun dicionario galego-castelán: meigo = mago; meiga = bruja.

Volvendo á historia. A autora inglesa dona Margaret Murray, segundo conta don Julio Caro Baroja, escribiu un libro co propósito de demostrar que o que nós chamamos “meiguería” foi unha pervivencia do culto a Diana no occidente de Europa e os conciliábulos de discípulas de Satán, segundo a mesma señora Murray, unha expresión do paganismo de orixe greco-latina con elementos procedentes doutras crenzas orientais, deberon ter máis realidade da que lle atribuían os relixiosos cristiáns medievais .

Se empezamos fóra do noso país, xa que citamos ó señor Caro Baroja, compre dicir que no País Vasco tivo especial importancia o culto demoníaco, especialmente en Zugarramurdi, localidade vasco-navarra na mesma raia co Labourd, de onde eran a maioría das meigas que inzaron aquela terra. Só a consecuencia dunha inspección levada a cabo pola Inquisición a principios do século XVIII, foron acusadas por delitos de meiguería en Zugarramurdi preto de trescentas persoas. E a cousa chegou a acadar tal presencia que non só no País Vasco, senón noutras partes non euscarofalantes, as reunións das meigas co seu patrón Satanás recibiron o nome de “aquelarres”, o que ven querendo dicir “Prado do Castrón”, porque ordinariamente nun prado era onde se lle presentaba o demo en semellante figura.

O señor Caro Baroja ofrécenos unha minuciosa descrición deste Prado, ó lado do cal hai unha cova de grandes proporcións cruzada por un río chamado do Inferno. Na parte alta da cova estaba o trono do Demo, onde sentaba Satanás para recibir ós meigos e meigas que levaban ós novizos a facer a cerimonia de renegar: primeiro de Deus, logo da Virxe, dos santos e santas, do bautismo e confirmación, dos seus pais e padriños, da fe e dos cristiáns que a profesan. E como remate do acto o neófito ou neófita adoraba a Satán bicándoo nunha parte noxenta do seu corpo que o señor Baroja non nomea.

A Zugarramurdi tamén levaban nenos, recrutados con “ofrecementos enganosos”, dándolle mazás, noces e outros peperetes, ou sacándoos das camas contra a súa vontade, sempre que os pais non os tivesen persignado ou os preservaran con auga bendita ó se iren deitar. Estes cativos ocuparíanse logo de coidar unha manda de sapos, cos que se facían os velenos e maleficios usados polos meigos e meigas nos seus enfeitizamentos.

Todos os venres do ano estes meigos e meigas tiñan reunións correntes; pero en véspera das tres Pascuas, da noite de Reis, da Asunción, da Natividade da Virxe, Corpus, Todos os Santos, a Purificación e a noite de San Xoán celebraban outra festa solemne para adorar a Satán. Di don Julio Caro que os detalles destas festas son “repugnantes ó espírito e semellan produto dunha imaxinación pervertida, o mesmo que os relativos á comuñón carnal do Demo cos seus fieis, mulleres e homes, vellos e nenos”.

Entre as habilidades dos meigos e meigas vascas contábanse as metamorfoses para non seren coñecidas cando saían a facerlle mal á xente, a capacidade para provocar tempestades e maleficios contra leiras, animais e persoas, así coma actos de vampirismo e necrofaxia.

(Continúa)



Ningún comentario:

Publicar un comentario