Por Far O'McKwoo
De como Ulises dicide apurar a resolución final.
Saíu Euríclea:
–Meu fillo, tes os mesmos andares ca teu pai.
Ulises, colléndoa da man levouna a unha apartada calella onde a abraza e lle agradece non telo descuberto, pois quere ver se Penélope aínda lle garda lei; e iso nin se pregunta publicamente nin de repente. Entón, a veciña, sentíndose confidente, cóntalle canto sabe e aconséllao:
-Se ela en tantos anos che gardou a ausencia agora só ti lle podes sacar da porta ós lobos que a acosan.
Ulises fálalle de Penólope como a luz dun faro chamando por el aínda que as ondas, os ventos e a resaca o apartaban da costa con retorcidas intencións. Ela era como un imán que atrae á diminuta agulla perdida na cesta da costura, entre os fíos e os retallos que se lle atravesa no camiño. Esa presencia invisible pero constante. E agora aquí o está, indeciso por non saber ou non se atrever a emproar decidido entre os cantís que lle dan abrigo ó porto patrio, por terse que presentar coas mans baleiras, porque a vergoña que viste o fracaso, neste intre, pesa máis co desexo de retorno.
Co rostro tremendo entre o sorriso e a emoción, a Euríclea de súpeto branquéalle a pel tal que unha luz interna a atravesase:
-Meu fillo, o verdadeiro amor é como unha muleta de carne e óso, que tanto serve para apoiarte ti como para que se apoien en ti. Pero dunha muleta nunca se sabe se é boa ou mala mentres non tes que usala.
Si, pero el, que non trae fortuna, ¿que pode ofrecerlle cando outros hai que a vestirían de ouro se ela quixese?. El que só é un desafecto membro dunha comunidade á que volve co único desexo de recuperar o lugar que nunca debería ter deixado por mor dese desmedido afán de procurar a fortuna. El que marchou eufórico e volve humillado. El que foi, xusto é recoñecelo, un temeroso da realidade que naquel intre se lle botaba enriba. E cando hai medo foxes, foxes sempre, ás veces polo bo camiño e outras polo malo. Cando hai medo colles o primeiro roteiro que atopas aberto, e tantas veces confundes o luminoso co iluminado. Pero agora non é medo o que ten, senón vergoña por volver de mans baleiras por sentirse aldraxado por todos aqueles que se aproveitan da súa desgracia. E Euríclea trata de convencelo de que non tema recoñecerse diante dela, pelexar con quen o aldraxa, e darse a valer sen medo ó fracaso, porque só fracasa quen se acovarda e non lle fai fronte ós problemas.
Si, Euríclea ten razón, Ulises necesita arriscar, dar mostras da súa honestidade fronte ós seus e fronte a aqueles que o tomaron por moinante e desarraigado aínda despois de deixar á vista o colo limpo da súa camisa.
Nas aparencias e nas ideas preconcibidas tamén se aplica a lei da inercia, e esa forza é a que ten que aproveitar para vencer, para arredar definitivamente ós pretendentes da súa desgracia.
Ulises, o outrora inseguro, tras ver a Penélope e escoitar os consellos de Euclídea, séntese con máis forzas para levar a cabo o seu plan.
O primeiro será acordar con Eumeo, que arestora anda polo peirao, unha estratexia que lle axude a executar o desenmascaramento dos pretendentes. Non hai outro camiño para que a paz volva ós seus. Necesita ser el quen trace a rota e marque os tempos, pero necesita a colaboración de Eumeo. Tamén lle pide que faga por encontrar a Telémaco, que baixo a aparencia de neno inocente será de grande axuda.
Ulises reúneos na cetaria e dálles as pertinentes instrucións.
Despois disto, o retornado entra no cíber-café de Néstor para mercar un MP3 e mandarlle un e-mail a Hermes, poñéndoo ó corrente do que sabe e do que pretende, para rematar co acoso de que os seus son vítimas.
Para controlar a situación, facendo valer a imaxe que del teñen, Ulises aínda vai á procura dun dos compañeiros de Antínoo, arrástrao a un apartado para ofrecerlle os seus servizos “comerciais”, asegurándolle que ten clientes potenciais adoecendo por esa mercadoría que el probou a noite anterior, asegurándolle que pode sacar unha boa partida dela a troco dun pouco de costo para el.
-¿Seguro que es quen?.
-Seguro.
-Ti vén á cea que gañaches e xa falaremos.
E ó momento, nada máis darlle as costas, Ulises viu polo rabo do ollo como aquel chamaba por teléfono, sen dúbida a Antínoo, para contarllo.
(Próximo capítulo: De como Ulises xera temores pero acepta a proposta de converterse en “camelo”)
Ningún comentario:
Publicar un comentario