luns, 10 de agosto de 2020

DE NUBEIROS E TRONANTES - e 5

Por Pepe de Rocaforte

Chegados a este punto quizais sexa mellor falar das conclusións que á vista dos autores consultados, tirei pola miña banda: Ó meu entender, a razón para que se fale por un lado de homes altos e guapos, vestidos de señoritos, e por outro de homes feos e monstruosos, semellantes a monos peludos, está en que os primeiros son nubeiros e os segundos tronantes. ¿Estamos de acordo? Supoño que si.

Adiantando un pouco máis, arriscaríame a soster que os nubeiros, quen, o mesmo que o demo e os mouros, seica cortan finamente o castelán, son xente de fóra; mentres os tronantes, faladores de bo galego cando queren, como é o caso do noso paisano Bastián de Padrón, son xente do país, máis ou menos recastada de espírito celeste. E ata me atrevería a citar un exemplo sucedido tempo atrás, cando nin pola cabeza me pasara a idea de investigar un pouco a natureza de nubeiros e tronantes.

Naquela ocasión púidose ver a desfeita que, á parte da climatolóxica, fixeron na Galicia enteira dous nubeiros e un tronante. Pero eso xa ten algo máis que ver coa política e nesa cuestión, aquí, non vou entrar, aínda que me sinto tentado a preguntar se don Pedro Sánchez non será un nubeiro, e don Manuel Fraga Iribarne, que en paz descanse, non tería sido un tronante.

En fin, brincadeiras á parte, o que compriría como remate é saber como nos librar tanto de uns coma dos outros, a ver se dese xeito o apartado meteorolóxico se porta un pouco mellor con nós. Na miña parroquia non sabemos de ningún esconxuro especial, a non ser aquel das tronadas, que di: «Santa Bárbara bendita / que nel cielo estás escrita / cunha folla de papel e auga bendita», seguida dun painoso e non sei cantas avemarías.

Ou esta fermosa variante que me permito copiar de don Antonio Fraguas: «Santa Bárbara bendita / que en el cielo estás escrita, / guarda pan, guarda vino, / guarda a la gente en el camino».

Para o tronante está moi ben aquela que di: «tente trono, tente tú / que Dios pode máis que tú».

O uso das campanas como contaban os seitureiros de Luneda, tamén é cousa boa acompañado dun fumazo de loureiro bendicido. O ritmo a seguir nas badaladas para arrenegar o trono segundo un especialista, o sancristán de Noceda, nas Nogais (disque é así como lle temos que chamar en galego a esta localidade luguesa), debe ser: dous golpes cunha campana e un golpe coa outra, ritmicamente, “xogando as campanas”, ó tempo de recitar aquelo de “tente trono, tente tu...”

Pero xa posto a rematar de verdade, o na miña opinión mellor e máis longo esconxuro recólloo da profesora Castells Vila, quen polas terras de Viana do Bolo oíu recitar así: «Aparta nublado, / márchate a descargar / a montes despoblados. / Nubes desparramadas / no os resolvais / en dañinas granizadas. / Por san Fabián, / por san Sebastián, / por todos los santos / que en el cielo están. / Pastores y ganados / que están en despoblados / y hombres bautizados / que sean resguardados / de centellas y truenos / y trague esta tormenta / los profundos infiernos. / Por santa Paulina / y santa Eduvigis / dejad estos terrenos / tranquilos y felices. / Viñedos fecundos / cosechas y prados, / espigas maduras, / no sean dañados. / Retírate Satanas / al infierno explotarás.»

 


domingo, 9 de agosto de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (83)

  Tres, seis e trinta e tres

O Curmán de Undochán

 

Desde a Santísima Trindade ata os Irmáns Marx… moitísimo antes e moito despóis, o número tres invade as nosas vidiñas. Eis o por que de nestas latitudes falarmos, a partir de certo feminismo lírico xurdido no século pasado, das tres poetas uruguaias clásicas: María Eugenia (1875-1924), Delmira (1887-1914) e Juana (1892-1979) –sen necesitarmos apelidalas, mais que para vós as apelidarei: Vaz Ferreira, Agustini e Ibarbourou-, e máis da triloxía de poetas sudamericanas por excelencia: Gabriela (1889-1957), Alfonsina (1892-1938)… e outra vez Juana (ver Crón. 16).

A condición galega, por certo, está en Juana (seu pai Fernández) e moito máis recuada en Ma. Eugenia (irmá de Carlos, Crón. 74, sua avoa materna brasileira Freire de Andrade). Alfonsina Storni, nada na Suiza italiana (e tan popularizada pola canción de Ariel Ramírez -1921-2010- e Félix Luna -1925-2009-) e a chilena con ese seudónimo, Gabriela Mistral, que ocultaba o seu nome, Lucila Godoy, xunto a Delmira cos seus genes ítalo-xermánicos. (Alfonsina suicida, Delmira femiciada; a tentación de transcribir algunhas estrofas delas rexeitámola remitindo o leitor a internet).

Ora, rizando o rizo, temos as datas patrias uruguaianas –festivos denominados feriados-, que suman duas veces tres… ao longo do ámago do calendario, de abril a setembro, todas en outono-inverno: duas especiais en lembranza do prócer José Artigas (19 de Xuño –de 1764-, natalicio, e 23 de setembro –de 1850-, pasamento, se ben esta sen chegar a oficial, a aquela dándolle contido a xura ou promesa da bandeira por parte dos estudantes); duas do ciclo antihispánico (18 de Maio –de 1811, primeiro triunfo militar-, e o anterior 25 de Maio –de 1810, a augural Xunta de Maio porteña-, feriado que fora moi celebrado nas “Fiestas mayas”, caído en desuso, se ben se mantén no nomenclátor de vilas e cidades); e duas do posterior período antilusobrasileiro (19 de Abril –de 1825-, inicio da “cruzada libertadora”, e 25 de Agosto –do mesmo ano-, acto solemne da declaratoria da independencia, do Brasil)… rematando coa celebración da xura da constitución da República (18 de Xullo –de 1830).

 

                 Juana de Ibarbourou no papel-moeda actual

 Mergullados no tema patriótico, sáenos ao encontro quen para os estraños son os pintorescos “Treinta y tres orientales” (ver Crón. 71). Para comezarmos, nin eran todos orientales (pois había entre eles varios ocidentáis-arxentinos), nin se pode concluir que fosen exactamente 33, poisque hai máis de unha listaxe con lixeiras variantes (mesmo pénsase, sen moito fundamento, a cifra facer alusión á masonería). Entre eles estaba o galego-fillo, infortunado Manuel Freire (Crón. 65).

Pois estes “33” (xa vedes, outra relación co 3), capitaneados por Juan A. Lavalleja, procedentes da beira dalá do río Uruguai, desembarcaron aquel 19 de abril no Arenal Grande (ai, a Area Grande laxesa e a Area Longa arousá), tamén coñecido como a Graseada (polo tratamento da graxa nos saladeiros da zona, que acabou se refinando en Agraciada!), e iniciaron así dita cruzada que culminou conquistando a Banda, tanto a separación do imperio brasileiro –segundo o declarado aquel 25 de agosto- como, finalmente e contra o que nun principio era agardábel, a non incorporación desta Provincia Oriental ás Provincias Unidas del Río de la Plata (1828). 

Desde entón a República ten tres bandeiras: a oficial (Crón. 38), a de Artigas e a dos Treinta e Tres… acabando estes dando o seu nome –sen o apelido Orientales- a un departamento do leste e á sua capital.

Frase extemporánea e anónima: A semellanza do que acontece con Letonia e Lituania, Uzbekistán e Kazajistán, Zambia e Zimbabúe… Uruguai e Paraguai sufren confusión pola maioría dos habitantes do planeta. Na actuación en Montevideo dos Rolling Stones (16-02-2016), Jagger saudou ao público cun “¡Buenas noches, Paraguay!”. Antes, con algún xornalista con sentido do humor, dérase o seguinte diálogo: -¿Siempre hace tanto calor en Paraguay? –Sí, sobre todo acá, en Asunción…





sábado, 8 de agosto de 2020

As idades da bolboreta


     

¿Pode haber algo tan diferente no mundo como unha bolboreta e unha persoa? A verdade é que se llo buscamos, todo ten a súa parte de semellanza, xa sexa por esa porcentaxe de xenes que compartimos ou porque de sempre tratamos de encontrar parecidos cos animais. Aí están as fábulas, feitas, refeitas e recopiladas unha e outra vez en formato de peto, de coleccionista ou de libro infantil para chamarnos burros ou galiñas. A ra que envexaba ó boi, a picardía do galo (mal)aconsellando ó raposo para poder fuxir das súas fauces e tantas outras para advertirnos contra a vaidade do burro frautista, animarnos a ser constantes como a tartaruga, ou a evitar a fachenda do corvo de voz ronca.

Xulio tamén é dos que de cando en vez inventa para nós algunha fábula, coa súa carga de moralina, impresa nesas preguntas sen final, que deixa caer para que cada quen saque a súa propia conclusión. Outras veces prefire contar contos divertidos, e moitas outras (como sabedes) ponse demasiado profundo, tanto que non sería a primeira vez que, tras deixar a súa compaña, chamámonos por teléfono coa intriga na punta da lingua: “Que quixo dicir cando dixo...?”

Este xoves, entre anécdotas e aventuras de fillos, netos e infantes pasóusenos a tarde na ampla azotea da casa de Moncho. Un miradoiro mariño onde poder respirar sen máscara nin buceira durante uns segundos, e a onde nos chegaban os berros, gritos e chíos dos tres netos da casa que enredaban a poucos metros de distancia, poñendo todo patas arriba. O avó e anfitrión queixouse, a modo de desculpa, que os nenos estaban botando fora toda a ansia reprimida durante a corentena, o que lles facía parecer uns salvaxes, a pesar de que esta xa leva máis de dous meses superada. “E non vexades vós como teñen o seu cuarto, tan atestado de trebellos que parece un cortello”. Todos tivemos fillos e, aínda sen pasar por corentena ningunha, miúdas disputas tiñamos para que cando rematasen de xogar recollesen os xoguetes; pero foi Xulio quen, sen darlle importancia, contou como en certa ocasión, acercouse unha bolboreta a unha maceira que tiñan na horta, e sentiuna berrar polo furado aberto nunha mazá contra o verme que a ocupaba: “Fillo, come, xoga e fai o que queiras, pero non emporcalles o teu cuarto”. Como todos quedamos sen saber que dicir, Xulio aclarou que é o propio de todas as crianzas, iso de non coidar nin das cousas que lles fan ben. Úsanas, escangállanas e abandónanas.

Aínda así, hai nenos e nenos, uns moi coidadosos e outros moi deixados. De todas formas é unha etapa que logo pasa. E lamentaba o anfitrión con rexouba, “Pasa esta e vén outra peor. Cando chegan á adolescencia deixan a etapa do balbordo para ficar na do alboio. E aí están, metidos en si, cos seus aparellos electrónicos conectados, en solitaria contemplación, illados do mundo...”

“É a etapa da crisálida”, apuntou Xulio, “cando prefiren ficar arredados da realidade, pero ó final, por desgraza, cando a bolboreta sae do casulo, cando lle nacen as ás e goza delas en liberdade, apenas lle quedan días de vida e desfrute. Máis dun terzo da súa vida pasouna emporcallando o cuarto onde vivía e outro terzo adurmiñada”.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia)


xoves, 6 de agosto de 2020

UN AUTOR DE ÉXITO NA PRIMEIRA METADE DO SÉCULO XX

Por Pepe de Rocaforte

Pierre Benoit, escritor francés nacido na Occitania en 1886, foi un novelista con bastante difusión en España nos anos cincuenta e sesenta do século pasado. Unha das súas novelas de maior éxito foi “A castelá do Líbano”, probablemente gracias a axuda que lle supuxo o estreo en 1956 da película baseada nela. A novela, cando a lín, non me pareceu nin fu, nin fa, aínda que me interesou polas informacións sobre Lady Hester Stanhope, a visitante da tumba do xeneral John Moore, seica prometido seu, no coruñés xardín de San Carlos.

Máis tarde, atraído polo título, “O rei leproso”, linlle outra novela. Nese tempo, para lembrar posteriormente que xa o lera e a impresión que me causara, xa tiña o costume de escribir un breve comentario despois de cada lectura. Polo tanto debía saber o que podía esperar do señor Benoit, fillo dun militar, cunha infancia e mocidade transcorridas no norte de África e admirador de Charles Maurrás, o ideólogo do movemento político de extrema dereita “Acción Francesa”.

Pero eso ten pouco que ver co que ía contar agora, ou sexa: reproducir a impresión que no seu día me producira “O rei leproso”. E foi esta: “Lectura cun certo atractivo, seguindo o camiño deses bestsellers que mastigas con rapidez e sen problemas de dixestión. Logo, á medida que ía pasando páxinas, pouco e pouco a historia empezaba a facer auga, o conto que o protagonista lle ía contando a un amigo para que este nolo contase a nós non acababa de resultar convincente, cunhas caídas que calquera amigo do autor que lese o texto antes de ser publicado lle aconsellaría suprimir, porque cantan demasiado. Cando vas pola metade da historia xa tes cantado o final. ¿Con quen vai casar o protagonista?, velaí a gran pregunta. ¡Misterio, misterio!, quérenos interesar o autor. ¡Visto, máis que visto!, opinamos os lectores. De calquera xeito a cousa carece de maior interese, ¿que máis nos dá que ese protagonista mimado pola fortuna conquiste o amor da rica herdeira francesa, ou o da multimillonaria viaxeira norteamericana? E fóra deso só chaman un pouco a túa atención as descricións de Ankor Vat. Pero é un interese escaso; xa Pierre Loti nos puxera con anterioridade ó tanto e con moita mellor información en “O peregrino de Ankor”. Pero, ¡vaia!, xusto ó remate da novela encontrei algo non esperado, polo menos para min: o encaixe dunha princesa birmana na historia. Unha fermosa princesa real, bailarina de danzas orientais nos seus ratos libres, que andaba por alí a velas vir, aparecida no relato por arte de birlibirloque, sen saber moi ben o que facía nel ata ese momento tardío. Pero nin con eso paga a pena a perda de tempo.”

E preguntaranse vostedes, ¿como, con tales antecedentes, se animou este lector vicioso a recuncar cunha nova novela de Pierre Benoit? Pois voullo dicir: chamoume a atención a crítica favorable doutro autor de quen me fío bastante e así me deixei introducir na lectura de “Axelle”, unha historia de amor nun campo de prisioneiros ó norte da Alemaña durante os tres, ou dous, últimos anos da Primeira Guerra Mundial. Como as mellores historias de amor, esta non ten un final feliz, e non pensen vostedes que lle vou estragar o relato co adianto de algo que sucederá ó final, o propio narrador nos informa nas primeiras páxinas da novela deste triste remate.

Non sei ben por que, “Axelle” fíxome lembrar de dúas novelas de Orhan Pamuk, “O museo da inocencia” e “Neve”, tamén dúas historias de amor arrebatado, con momentos de inocencia entenrecedora, especialmente na primeira. Como así mesmo “Neve”, cunha estrutura narrativa na que o narrador nos relata a historia amorosa que lle foi contando un amigo seu, estrutura similar á utilizada por Benoit en “O rei leproso”. Non ten nada de particular, pero a min fíxome pensar en Orhan Pamuk como lector de Pierre Benoit, o cal tampouco ten maior importancia.

E por certo: non sei se pronto me porei a ler “A Atlántida”, outra novela do señor Benoit recomendada polo mesmo autor da recomendación de “Axelle”.

mércores, 5 de agosto de 2020

Ulisíada XXVII

Por Far O'McKwoo

De como Ulises foi recoñecido por Euríclea.

Ó día seguinte daquel pulso comprometido e comprometedor, a explanada do porto xa empeza a estar ocupada polos feirantes que instalan os seus postos e tendedeiras para as festas patronais.

¿Onde vai aquel tempo en que Ulises asistía á festa cheo de ilusión?. Agora, dadas as circunstancias, vai ter que ver a Penélope rodeada de pretendentes, mentres non consegue desenmascaralos publicamente, el que non se atreve a presentarse diante dela confesando o pecado de acidia de que tanto se arrepinte, por ese xa volverei ou xa pensarei mañá niso que tantas veces nos fai adiar as obrigas e o ben facer.

Pero non todo foi culpa da preguiza -descúlpase- senón tamén froito das dúbidas. Tal vez, estas festas que se preparan sexan un bo momento para o reencontro. Un bo momento para recuperar todo ese tempo perdido ou malgastado. Agora tamén a el lle entra a présa por rematar dunha vez con esta farsa, convencido de que xa non debe perder un segundo máis sen intentar esa aproximación que tanto teme, pero a farsa non sempre remata cando quere o farsante.

De súpeto, decidido a tentar de novo á sorte, vai ó supermercado onde Penélope exerce de caixeira, recolle catro cousas para facer un bocadillo e ponse na fila, agardando, detrás de varias persoas cos cestos ateigados de provisións; e cando unha ama de casa se queixa do moito traballo que para ela significan estes días con familiares invitados, de trasnoitar e madrugar, el, desde atrás, dando un paso para arredarse do ángulo de visión da caixeira, proclama que estas festas á fin son as verdadeiras festas familiares en terra de emigrantes, que neste tempo de vacacións estivais é cando volven as persoas espalladas polo mundo, son os verdadeiros nadais en terra de ausentes, é o tempo do reencontro, de días longos e luminosos, porque no Nadal o tempo é máis limitado e sempre é menos doado retornar por estradas nevadas ou avións ateigados e con retraso, cear e marchar antes de que o turrón faga a dixestión; unha opinión que convence á xente presente e a el anímao a teorizar sobre a desgracia que debe sentir un emigrante, a quen define, segundo as palabras aprendidas do catedrático Tiresias, como un exiliado económico, tendo que resignarse a non poder volver cando queira, senón cando a fortuna e o ánimo llo permita, unha opinión doada de entender polas persoas da fila, parentes dalgún ausente, e ata a mesma caixeira acepta con palabras de concordia. E esa opinión dela, precisamente, xa o anima a presentárselle diante; pero nese intre, alguén lle toca nas costas, e ó virarse ve a cara dunha veciña que recoñece, que o estivo observando e vendo nel os andares familiares, a pose mesma de Laertes, o ton mesmo da súa voz, recoñeceuno e quere abrazalo e bicalo, a muller en cuxa casa tantas veces ten xantado sendo neno. Alí estaba a cara de Euríclea, sorríndolle, mais el, disimulando, ergue as gafas para chiscarlle un ollo, e por sinais pídelle que non o delate, que logo, na saída falarán, e segue nese intercambio de frases xenéricas con Penélope pero sen darse a coñecer, intentando xustificar en terceira persoa a súa ausencia, tratando de provocar a súa opinión, que non sempre o emigrante é dono do seu destino, que a fortuna que sente un retornado non está no gañado senón no recuperado, e entón ela expresa a súa contrariedade dicindo que en moitos casos, a ambición desmedida e as arroutadas, xúntanse á necesidade como causas principais de tanto desarraigo ata converter ó pais nunha terra de ausentes.

Cando lle toca a vez, Ulises baixa a cabeza para non ser recoñecido, e sitúase arredado do ángulo de visión coa caixa rexistradora, pero Penélope nota algo que lle fai dubidar, demora a entrega do recibo e do cambio intentando enfrontarlle a mirada, máis nin el a mira nin ela se atreve a preguntarlle quen é, e véndoo co impermeable, lixoso e con rachóns, as gafas e unha gorra calada ata os ollos, réndese, desbota toda idea ou lembranza e acabou tomándoo por un dos moinantes das atraccións da festa.

Ulises, recollendo o cambio, sae á rúa e agarda por Euríclea, quen, eufórica e secreteira, aínda enreda con Penélope animándoa a estrear vestido.

-Que quero verte guapa esta noite.

(Próximo capítulo: De como Ulises dicide apurar a resolución final).

luns, 3 de agosto de 2020

DE NUBEIROS E TRONANTES - 4

Por Pepe de Rocaforte

Segundo lle contaron a don Carmelo Lisón Tolosana, o Malinowski destas nosas Illas Trobriand, morto o pasado 17 de marzo en Madrid, uns homes de Luneda, alá por terras da Caniza, que foran á sega a Castela, un día que se erguera unha boa treboada naquelas chairas, cousa que eles aproveitaran para botar un descansiño no medio da faena, viron chegar dous señores moi altos e mouros, que viñan todos sufocados e lle pediran de beber logo de se sentaren de par deles.

Os dous señores altos, meténdose en conversa mentres repousaban, preguntáronlle ós galegos que de onde eran. “De Luneda”, respondéronlle eles. “Hom, pois precisamente de alí vimos nós agora. Iamos fundir esa parroquia, pero enriba da Portaliña (o último lugar da aldea), unha vella a botar loureiro bendicido no lume e unha cadeliña a ladrar, non houbo xeito de que puidésemos entrar no pueblo”.

E os que andaban na sega non souberon o que quería dicir aquelo, pero tiveron conta do día que era e cando volveron a Luneda preguntaron se o día dous de xullo pasara alí algunha cousa rara. “Unha tormenta moi grande”, respondéronlle os veciños, “que case fundía a parroquia, que ata as veigas se encheron de toros que estaban cortados no monte”. Entón os seitureiros pensaron o que significaba a cadeliña ladrando, e era a campaíña de Santa Bárbara. Aqueles dous homes altos que viran en Castela eran os comandantes dos tronos. É dicir: os nubeiros.

E por este xeito hai moitas historias máis, que poderiamos estar contando ata que veña o inverno, se lle toca de vir este ano. Poderiamos matinar encol de antecedentes ilustres de nubeiros e tronantes, que a min me gustaría emparentar co deus Thor ou Donar, como comandante maior, e os seus ananos mouros (Zwerge), precursores dos tronantes de pouco pelo. Antecesora das nubeiras podería ser Sif, e unha xerarquía intermedia atopariámola en Vingthor.

En fin: que aparecerían parentes por todos os lados.


(Continúa)


CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (82)

Castelao e o Uruguai

O Curmán de Undochán


  

    Así se intitula, só que en español, o libro que o Prof. Zubillaga, co subtítulo “Etapas de una relación entrañable”, publicou baixo o patrocinio da Universidad de la República e a Xunta de Galicia, en 2004 (ver Crón. 21), onde recolle, en 165 páxinas, os principáis eventos do Guieiro en terras orientales, no período 1940-1948, eficazmente resumidos en seis páxinas de “Cronología”, e complementados cun “Apéndice documental” doutras 60 páxinas e outras 33 de ilustracións do máximo interese.

Non foi esta a primeira vez que o intelectual uruguaio (con raíces maternas en terras de Ribadeo) abordou a figura do rianxeiro: o Patronato da Cultura Galega, entre as suas duas ducias de publicacións, antes de “Castelao: prosa do exilio” (1976, do porteño-galaico Ricardo Palmás -1940-1996), tirara do prelo “El problema nacional de Galicia” (1974), asinado por Zubillaga, con numerosas e esperables referencias a Castelao.

Castelao e Virxinia en Punta del Este, s/d
(Do arquivo de Manuel Suárez Suárez)

Dos seus continuos arribos a Montevideo –desde Europa e América e, particularmente, desde Buenos Aires- poderíamos destacar, pola sua maior duración, catro estadías de Castelao en terras uruguaias:

1.Quince días de decembro de 1940: fala pola radio “Ariel” en tres ocasións (duas delas reproducidas no Apéndice) e dicta unha conferencia en Casa de Galicia.

2.Cinco días de abril de 1943, co obxecto de participar no magno acto de lembranza do 14 de abril de 1931, que ten lugar no Estadio Centenario (ver cartaz en riba, non incluido no libro de Zubillaga) e no que interveñen, ante máis de 50.000 asistentes, Barcia, Miaja e Mz. Barrio (polos republicanos españois), Aldasoro, Serra e Castelao (polas suas tres nacións) e Batlle Berres (futuro presidente da República), Frugoni (presidente do Partido Socialista) e Sánchez (parlamentarios uruguaios). Texto del, de tres páxinas, tamén reproducido no Apéndice.

3. Varias datas de 1944 e 1945, en que asiste á inauguración dos monumentos a Companys (1944) e á Árbore de Gernika e a Azaña (1945), así como á instalación do Consello de Galiza (15-11-1944).

Capa de Seoane

4. Vinte días de xuño e xullo de 1945 en que inaugura a exposición dos seus álbums Nós e os tres de Guerra, e pronuncia importante discurso no 9º aniversario do Estatuto de Autonomía.

Os galegos do Uruguai pagaron ao líder nacionalista bautizando (1970) unha rua co seu nome e instalando en Rianxo un seu busto (1975), a rua a primeira no mundo, o busto, o primeiro na Terra Nai. (En tanto os veciños porteños teñen, hai anos, un monumento a Castelao na avenida 9 de Julio, Montevideo non conseguíu instalar un busto como o de Rianxo, xunto ao de Rosalía, na praza Galicia).

Frase extemporánea (traducimos): [Convivía connosco] “unha maravillosa rapaza, neneira nosa que fora, case tocaia de miña nai (mamá María Sánchez Maceiras e ela María Maceiras) e procedentes da mesma aldea de Galicia, ambas afervoadas partidarias da República española” (Mariano Arana Sánchez, 1999, intendente de Montevideo -1994-2004- e futuro ministro da Vivenda -2005-2008-, a máis de fillo adoptivo de Arteixo -2004).

sábado, 1 de agosto de 2020

Papaventos


 

 

Poucas cousas hai tan fermosas como ver voar un papaventos. A súa beleza, con deseños que lles fan parecer fermosas aves exóticas subindo polo ceo, permítenos levar a imaxinación por impensables derrotas, ata onde a corda con que a atamos nolo permite.

Xulio contounos como, hai moitos anos, a súa filla, daquela unha nena, pediulle que dunha viaxe a Grecia lle trouxese, como se dun capricho se tratase, un papaventos. Xa vos podedes imaxinar a súa aventura por todos os mercados e tendas de xoguetes preguntando, improvisando no seu inglés macarrónico para pedilo pola súa definición: un xoguete feito de papel para xogar co vento. Non había maneira, ata que alguén se decatou do que estaba pedindo e desde esa non se esqueceu da palabra grega para o papaventos: Chartaetoú Ou algo parecido. Xulio confésanos que desde aquela tenlle unha querencia especial a este tipo de xoguetes co que pasou moitos horas entretido coa filla, e aínda agora, todos os anos, ha de sacala algún día para pilotala emocionado como un cativo, aínda que a moza o recrimine: “Papá pareces un meniño”.

Hoxe, vendo a uns nenos xogar con elas na praia lembrei un texto de Le Clézio onde se narra a batalla de papaventos que se organizaba nun areal de Turquía, onde os competidores atábanlle á cola coitelas de afeitar, co fin de esnaquizar as dos contrincantes, convertidas así en mortíferas e ciumentas armas contra a beleza.

Acordounos a anécdota estes días pasados mentres mirábamos o cometa Neowise (que en nada se parece a un papaventos), apuntando cara o horizonte xusto por debaixo da constelación do Carro, unha oportunidade única de velo porque, bastounos saber que non volverá a aparecer por aquí ata dentro de seis mil e pico de anos, para que sacásemos ó balcón prismáticos, telescopios, cámaras e todo canto artefacto nos servise para deixalo arquivado na seseira informática, co fin de facerlle participar de tal marabilla ós nosos netos e ós netos dos nosos netos. E sen embargo, iso que vimos no ceo non se vai distinguir moito do que vexamos a próxima vez que nos visite outro. É o encanto do insólito.

No noso idioma distínguese moi ben ó papaventos do cometa, e na forma tamén. Mais unhas e outras, a de papel e a de xeo interestelar son fermosas para ver e interesantes para xogar cun neno ou para facer exercicios de Física, se a paciencia nos dá para tal. O que nunca me explicarei é como se lle puido ocorrer a Franklin atarlle unha chave a un papaventos, unha noite de tormenta, para capturar un raio, sen medir o risco que corría cos cen millóns de voltios que lle podían caer encima. Non quero imaxinarme se o chega a alcanzar un anaquiño de semellante carga eléctrica, quedaría incinerado sen gastar cadaleito. Sen embargo nunca lle pasou nada. Será a sorte do ousado.

Como queira que sexa, os cometas e os papaventos, naturais e artificiais, sempre provocaron en nós certa atracción, ata converterse, sobre todo o natural, en símbolo do nacemento da vida, coroando a árbore de Nadal ou o pesebre de Belén, aínda cando nin se soñaba coa teoría esa de que un cometa foi quen trouxo a auga á terra e con ela toda a evolución, desde os seres unicelulares ata o máis xigante dos mastodontes.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).