Nas fotos que hoxe presentamos, sacadas en Mondoñedo, vemos como o río que pasa a carón das casas, cóbrese con pequenas pontelas para cruzalo, e teñen, asemade, uns lavadoiros individuais feitos con lousas, e incluso cun pilón para poñer a roupa enxaboada. Curioso e fermoso conxunto etnográfico, que lles evitaba ás señoras ter que ir ó lavadoiro público cando xa o tiñan na casa.
luns, 30 de setembro de 2013
xoves, 26 de setembro de 2013
San Miguel
San Migueliño das uvas maduras, que tarde
vés e pouco duras, di o refrán que o lembra neste final do mes, o día
vintenove, día de grandes festas por toda a xeografía, como na Pastoriza de
Arteixo, e festa tamén en Bréamo, Pontedeume, onde os devotos morden os cravos
da porta da igrexa para arredar o meigallo, porque se alguén hai máis eficaz
contra o diaño, ese é este arcanxo que armado de espada ou lanza ou tridente ou
pica ou o que teña a man, sempre aparece co pé encima do diaño e a arma
cravándolla para vencelo. Sen embargo deben ser moitos os demos e poucos os san
migueles que o mal non desaparece do mundo.
Unha
das funcións do arcanxo é o de pesar as obras boas e malas para saber quen debe
estar no paraíso, tal e como facía o Anubis dos exipcios.
A
el tamén se lle pide contra o raquitismo, unha enfermidade que sempre se
asociaba co mal de ollo e coa nefasta influencia do diaño, males que se prevén
pasando por debaixo das andas do santo.
E
en fin, que agora que xa está entrando o inverno, o san Miguel lémbranos que
tamén hai que estar curado na alma, por se os males deste tempo frío, húmido e desapracible
non lle permite ós santos protectores da saúde actuar en pro dos fieis.
mércores, 25 de setembro de 2013
UM APELIDO. UM NOME.
Por
UM-DO-CHAO.
PARDO.
O apelido.
Emilia Pardo-Bazán |
Típica
alcunha, por referência á cor da pel ou mesmo do cabelo (castanho), equival ao
Moreno castelhano. Tem-se por nosso, dada a sua profussom aqui, embora em
Aragom (e em Itália) haja Pardos, como os hai em Cantábria (Pardo de Santayana).
A
palavra, segundo Méndez Ferrín, vem do grecolatino e começou denominando ao
leopardo (leom escuro, pois), e como nos ilustra Rivas Quintas, é dos apelidos
que em tempos se virom alterados polo género, assi, se caía em mulher adoitava
a forma Parda, ao jeito de Crespa, Branca ou Soliña, costume posteriormente
dessaparecido.
As personagens.
Entre
nós nom podemos obviar, quando menos, três nomes relevantes:
1
Pero Pardo de Cela, o Mariscal (século XV), personagem discutida como senhor
feudal que era, a sua rebeldia primeiro e a sua decapitaçom depois, por orde
dos Reis Católicos, trocou-no em símbolo involuntário das liberdades galegas,
mesmo algumhas colectividades galegas da emigraçom comemorando o 17 de dezembro
(de 1483) da sua morte em Mondonhedo como Dia da Galiza, e dando origem a toda
umha literatura desde Vicetto até A. Vilar Ponte e Cabanillas, pasando por
Leiras Pulpeiro.
Manuel Pardo Lavalle |
2
Manuel Pardo de Andrade (1759-1823). Este oleirense, frade finalmente
secularizado, de agitada existência, foi um destacado luitador liberal,
fundamentalmente jornalista e autor de combativos textos em galego que marcam
um fito no nosso Rexurdimento.
3
Emilia Pardo-Bazán (1851-1921), a escritora sem-par, de cultura nada comum,
formando nesse grupo de criadores nados na Galiza que florescerom nas letras
espaholas, mas cumha forte impronta galega.
4
Felipe Pardo Aliaga (1806-1868), considerado um dos mais notáveis escritores
peruanos do XIX, de ideologia espanholista num país que vinha de se
independizar de Espanha; era filho do fidalgo ourensám Manuel José Pardo
Ribadeneira (Cenlhe, 1759-1839, Lima), que ao Peru emigrara e exercera como
regente da Audiência de Cusco.
5/6
Manuel Pardo Lavalle (1834-1878) e seu filho José Pardo Barreda (1864-1947),
filho e neto respectivamente do anterior, forom presidentes da República, este
já no século XX e em dous períodos.
Anubis, o xuíz do paraíso exipcio
Anubis
era un deus que habitaba na banda oeste do Nilo, alí onde se pon o sol, onde
nace a noite e de onde vén o frío e a morte. Era o deus das necrópoles.
Distinguíase
Anubis por ter cabeza de chacal, de can preeiro, que vixía todo o proceso de
embalsamento dos defuntos, e logo, cando o finado se presentaba diante de
Osiris, el sacaba a súa balanza e pesaba as vísceras daquel en comparación coa
chamada pluma da verdade, na seguridade de que as maldades cometidas pesan como
chumbo e as bondades son leves coma nubes.
Lembramos
a Anubis, porque estamos ás portas do san Miguel, o san Migueliño das uvas
maduras.
martes, 24 de setembro de 2013
A devoción agradecida
O mes de
setembro sempre foi un mes para agradecerlle ás divindades os bens concedidos.
As Virxes dos Milagres ou dos Remedios, da Cabeza, a Barca de Muxía, a santa
Eufemia de Arteixo, o Nazareno da Pobra, o san Campio e outros moitos que fan
resoar as bombas de palenque en cada rincón da nosa xeografía, son festexos de
recoñecemento e gratitude. Pero tamén de preparación para o vindeiro inverno,
facendo fincapé naqueles problemas que teñen que ver coa mente.
Espantar o
diaño en forma de atados de pelo ou ofrecer os exvotos que lembran a cura
outorgada, son manifestacións propias deste mes en que os días xa se acurtan,
os cereais xa están recollidos ou en proceso de recolección, e as casas e os
corpos deben prepararse para un tempo no que os males do frío van estar sempre
presentes.
Quizabes o
Nazareno da Pobra leve en si esa expresión de corresponder e de satisfacción
que se pide no devoto que se veu favorecido coa intervención do santo,
ofrecéndolle o mesmo cadaleito que se portaría se el non atendese a petición
de axuda contra unha grave enfermidade.
Pero aínda
temos aí o Migueliño.
luns, 23 de setembro de 2013
Polas animadas fragas do Mero
Por Fuco Pérez Sensegundo
O día
vinteoito de novembro do 2012 deixamos a comodidade dos nosos fogares para
afrontar a inclemencia do tempo outonal na atractiva fraga de Cecebre, o
escenario que outrora albergaba ós personaxes do Bosque Animado de don Wenceslao
Fernández Flórez. Alí, segundo opinión da maioría, non atopamos este sábado ós
personaxes das súas novelas, pero para un, que sempre pensou que a fantasía
forma parte do cotián, pareceulle ver nalgún lugar ó acubillo dun salgueiro que
estende as súas pólas sobre o Mero á mesmísima Marica da Fame, co seu rostro
osudo aprendendo as artes de meiga cunha galiña comesta polo raposo, da que ía
depenicando anacos para un caldo de verdura roubada nalgunha horta ben
abrigada.
O
camiño realmente comezou no Burgo ou máis exactamente na igrexa de santa María
do Temple, ó mesmo lado do famoso paraugas que lle dá nome e alcume á zona,
templo con raíces templarias, daqueles anos nos que os camiños a Compostela
tamén pasaban por aquí, e cruzaban a ponte sobre a ría, unha ponte custodiada
por esta e pola igrexa de Santiago do Burgo, dous sentinelas de luxo para tan
portentoso vieiro.
E
logo da ponte, colgado do viaduto da autopista A9, un deses seres entrañables e
fantásticos, un dos gordos de Ramón Conde, pendurado dun bambán que o vento
mareiro abana de cando en vez, deunos paso, sen perder a beira do río, a todo
un mundo de fantasía, aínda que neste primeiro tramo a paisaxe fabril prevalece
deixándose comer, pouco a pouco polas novas urbanizacións onde antes, nos tempos
de María Pita, aquí ficaban os arrabaldes da cidade herculina.

Xa deixamos
atrás o mundo industrial, e o río servindo sempre de guía, foinos levando por
novas paisaxes que por veces facían aparecer na espesura fantasiosas imaxes que
se nos antollaban vixiantes dos camiños, talvez algún Fendetestas apaciguado
que agardaba encontrar a calquera solitario paseante con quen regatear o
produto do seu atraco trabuco en man. E andando por unha paisaxe de pequenos
“fins de semana”, de súpeto, aló contra o fondo do camiño, perdido entre unha
manchea de ramada seca, vimos vir ó galope un cabalo branco cun cabaleiro de
capa e barba canosa que ó vernos refreou a marcha, e ficamos mirándoo coma quen
vise ó mítico Galaaz perseguindo o Santo Grial por algunha das igrexas que se
agochan nas profundidades daqueles roteiros.
O
outono co seu esplendor de ocres, verdes e grises envólvenos nas fantasías con
que se anima o bosque cos seus mil sons. Como tamén nos anima o paso do tren,
evocador do paso da vida, como un raio fugaz, e que pena non encontrar por alí
a Furacroios, aquel rapaz que outrora lle poñía pedras na vía para que o tren,
co abaneo, soltase pedras de carbón que logo el recollía para lle vender ós
paisanos.

O
bosque é pícaro, ten sorna, e moito instinto para sobrevivir. Nalgún
agochadoiro desta fraga, sentindo o rumor do río que pasa maino, escoitamos o
renquear de Geraldo, o poceiro coxo, coa súa pata de pao que, coa humidade
destes días rincha como unha porta mal aceitada, mentres el mira como o río vai
movendo muíños e algún día moveu serradoiros. E vén aí, coa súa perna rinchadora
procurando un encontro fortuíto con Hermelinda, a muller dos seus amores, e con
quen nas noites de tormenta soña e se imaxina acubillado polos seus brazos
gordechos, pero Hermelinda ten outras aspiracións e preferiu marchar da fraga
para se converter en criada de cascarilleira nalgunha casa da pescadería
coruñesa.
Na
nosa andaina, as vacas están por todas partes, protexidas con modernos pastores
eléctricos, e unha delas míranos, como aquela que miraba a Castelao e dicía,
“bó, só é un home con gafas”. Pero esta non, esta míranos como intrusos, ela
que é descendente directa daquela que pariu na casa do crego o día que
Fendetestas decidiu asaltala, e os criados non se daban ben co labor paridoiro,
e el, o bandido da fraga, un corazón bondadoso como era a pesar de todo,
desprendeuse da máscara, pousou o trabuco onde non estorbase e meteu man no
labor para sacar o becerro que tres criados non eran quen de sacar.
Eu
quixera ser acólito de Fendetestas.

E
así andando, ó cabo de tres ou cinco horas de andaina chegamos á casa de don
Wenceslao, onde fomos acollidos como hóspedes de luxo, e como tales alí nos
contaron a vida da familia que alí morou e as andainas de quen tal mansión
gobernou, e amosáronnos a casa, os seus libros e ata a súa cama. E saímos xa
ben pasada a unha da tarde, a hora na que as toupeiras se agochan detrás da
árbore das moreiras para facer cousas que non nos son permitidas descifrar, e
entón o ceo, a nós que profanamos en tan sinalado día a fraga onde os soños son
realidade, ameazounos coa súa ira, e a ira chegou cun chover que era arroiar, e
daquela, xa camiño dos coches, sentimos como de nós se rían Fendetestas e o
señor cura mentres compartían un bizcoito de manteca de porco con grolos dun
viño tinto e espeso ó acubillo dun pendello, sentados sobre un arado de pau,
para celebrar a paridura dunha vaca; e desde aló, dunha especie de abrigo ou
furna ou acubillo que non podíamos ver moi ben, chegábannos as risas de pracer
de Geraldo e Hermelinda cando ela lle dicía a el sácame esa perna de encima, a
perna de pau do poceiro que non lle facía cóxegas; e máis acó Marica míranos
pasar con ollos de desconfiada, remexendo na pota onde cocía o pouco que
aproveitou da galiña raposada, cantando feliz porque hoxe ten un caldo e é, ou
séntese, a muller máis rica do mundo; e desde a outra beira Fiz de Cotobelo,
vagando por entre as árbores, co rostro tristeiro quéixase, que hoxe só ve
lesmas e ningún lagarto, quéixase e di que ata para morrer hai que ter sorte, e
incluso ata para ser alma en pena. Que triste é a súa vida.
Chegamos
ós coches, e a un servidor, quedoulle no peito un como que non sei, un algo de
desacougo, como se deixando os camiños da fraga e as beiras do Mero deixase
media vida. E quedáronme ganas de volver.
venres, 20 de setembro de 2013
Hórreo na Mariña luguesa
Será
pola escaseza de pedra de gran, que os hórreos da Mariña luguesa buscan entre
os materiais a lousa unida e ata recuberta moitas veces na súa totalidade con
cal.
Hai
moitas tipoloxías de hórreos nesa franxa do norte da provincia de Lugo, pero
hoxe fixámonos neste hórreo en que as físgoas semellan pequenos nichos que nos
dan idea do grosor das paredes, dispostos eles en tal maneira que gardan un
certo equilibrio estético.
O
hórreo érguese sobre unha edificación pechada, de tal maneira que o tornarratos
é un aleiro dese alboio, despensa ou soto sobre o que se ergue.
A
mesma lousa que se usa na súa construcción serve tamén como material de cubrición,
sen faltar eses pináculos que serven de suxeición e de símbolo protector.
Casa de economía mixta en Palmeira
Casa de economía mixta |
Unha
casa tamén nos fala de quen vive nela, a que se dedica, e de que recursos bota
man para o seu sustento.
O
economista Manolo González Vidal, ten un estudio no que divide as rías galegas
en tres tramos que diferencia polo aproveitamento dos recursos naturais entre
os que viven con preferencia do mar, e ocuparían a parte máis próxima á boca da
ría, os que combinan a economía agrícola coa mariña, que ocuparían unha franxa
central das rías, e os que só usarían os recursos mariños como un complemento
da actividade agrícola, situados na parte máis interior da ría.
Esta
casa, de preto do porto de Palmeira, pertencería ó segundo tipo, a aquel no que
se aproveitan os recursos mariños e agrícolas por un igual; e nesta casa vese esa
combinación de actividades ó combinar as formas clásicas dunha casa mariñeira,
con eses esteos sobre os que vai o corredor, baixo o que se lle daba acubillo ás
embarcacións ou ós aparellos de pesca, co hórreo que queda a un lado do
corredor.
Esta
tipoloxía de casa repítese no entorno do porto palmeirán, nalgún caso algo desfigurado
polos novos materiais ou adaptación ás actuais necesidades de uso da casa, que
converten o corredor nun balcón ou miradoiro, pero segue conservando as formas,
o hórreo e os esteos, ás veces limitados a simples canzorros.
xoves, 19 de setembro de 2013
Nosa Señora aleitando ó Neno no Incio

Ó
largo de todo o mes, as celebracións marianas lembran o nacemento da Virxe María
e a súa función como nai e protectora dos fieis. É unha desas advocacións é a
da Nosa Señora do Leite e a do bo parto. Por iso hoxe, fixándonos nesa advocación
que ten a súa celebración en distintos lugares e distintas datas ó largo do
ano, fomos ata o Incio, para retratar a Nosa Señora aleitando ó Neno, polo simpática
que nos parece esa imaxe, na que a Nai, para chamar a atención do cativo,
faille cóxegas no pé, atraendo a súa atención, para que non se despiste coma un
neno calquera, para que atenda ó alimento que necesita para facerse home.
Tamén
é curioso que a pudorosa Virxe, pola man dun non menos pudoroso artista
popular, só ten un peito, aquel do que mama o rapaz, mentres que o outro non avulta
nada. A Virxe, a pesar de ser tan fermosa, tamén é refuxio de pecadores, os seus
atributos femininos só son para dar vida e consolo, e por iso aparta os seus
encantos humanos para non desviar a atención dos varóns que a veneran.
mércores, 18 de setembro de 2013
Casas multicolor en Foz
Tamén en Foz, na Mariña luguesa,
atopamos estas casas multicor, onde, cando os ocos non se deixan coa pedra de cantería
á vista cóbrese con outra cor que destaque sobre os panos. Son cores vivas,
chamativas, que procuran destacar, diferenciarse do resto. Cada casa coa súa
propia identidade. Hai quen di que tratan de pintar as casas como se fosen as
embarcacións. Tamén se di que usan a mesma pintura para a casa ca para o barco.
Non é así, pero si é común á hora de pintar o mesmo gusto estético co barco ca
coa casa, protexendo sempre, con eses panos de cor a pedra das paredes, exposta
ás inclemencias do tempo. Un gusto estético que se repite na práctica
totalidade da beiramar galega.
domingo, 15 de setembro de 2013
UM APELIDO. UM NOME.
Por
UM-DO-CHAO.
BIEDMA,
VIEDMA, O DESSAPARECIDO.
O
apelido.
Estranho
por escaso (na Galiza parece ter desaparecido) este pouco explicitado apelido
foi grafado BEZMA a principios do século XV (segundo informa E. Rivas Quintas),
em referência a um topónimo (microtopónimo dessaparecido el mesmo?) da Terra de
Palhares (província de Lugo). Também tem adoptado a grafia VIEDMA na descendência
da ponla andaluza da família ubicada em Xaém. Tivo preponderância na Idade
Meia, dando algum bispo de Mondonhedo e estando nos inícios da família condal
de Monterrei, título mais tarde atribuido a outras gentes.
Curiosamente
é na República Argentina onde ambas famílias, con B e com V, vam confluir nos
seus mais destacados membros... todos três Franciscos, os aquí citados! Vejamos.
As
personagens.
1
Francisco de Viedma y Narváez (1737-1809), de Xaém, foi explorador da Patagónia
e do Rio Negro, onde fundou (1778) o forte de Nuestra Señora del Carmen, que
déu origem às cidades gémeas de Viedma e Patagones; governando, sei que com
grande acerto, por um quarto de século a província de Santa Cruz de la Sierra,
esta na actual Bolívia.
Lembremos
o projecto dos anos 90 do século pasado, finalmente abortado, de trasladar a
Viedma (cabeça da província de Río Negro) a capital da República, coa dupla
intençom de descongestionar Buenos Aires e de desenvolver essa zona austral do
país: a exemplo do que, décadas atrás, se fixera no Brasil com Brasília.
2
Francisco de Biedma y Zayas, quem nom cuidamos galego –mesmo suspeitando-se ser
familiar do anterior-, foi efémero capitám general de Galiza (1799 e 1808),
neste último ano tocando-lhe defrontar a criaçom da Junta Suprema (2 de junho)
perante a invassom francesa, el próprio tido por afrancesado.
martes, 10 de setembro de 2013
Pedras e exvotos mariñeiros
Os que vaiades á Nosa Señora da Barca, seguro que abalaredes a pedra, porque se a pedra abala, a fortuna rolda ó abalador; pasaredes por debaixo da pedra dos cadrís, se a axilidade necesaria ou as graxas dos ben mantidos vos deixan, e se a vosa cabeza encaixa na chamada pedra da cabeza, seguro que aliviaredes as xaquecas se as tendes. Cada pedra unha parte da nave en que viaxaba a VIrxe, xa a vela ou o temón. unha nave que ficou petrificada tras algún raro naufraxio.
Virxe chegase a estas terras, pois xa na Eneida se
conta de que no Laurentino, había unha oliveira onde os mariñeiros colgaban as
roupas que levaban cando naufragaron, e invocando a Fauno foron salvados e
devoltos á terra.
A xente mariñeira sempre foi agradecida.
A xente mariñeira sempre foi agradecida.
luns, 9 de setembro de 2013
Un pozo de Foz
A auga é un
ben escaso que debemos protexer, e nas Mariñas luguesas tanto se protexe que o
mesmo pozo se cerra cunha especie de casota circular, de tellado cónico, para
evitar que nada caia ó seu interior, xa sexan cousas da terra ou do aire.
Un reloxo escangallado
A un reloxo de sol ninguén nin nada lle pode facer sombra, senón
xa non dá a hora. E non é por capricho, senón por imperativos técnicos, a pesar
de que este teña incluso ese péndulo simulado, como se fose un reloxo de salón.
A uns reloxos hai que darlle corda, a outras que poñerlle
a pila, e a este ten que darlle o sol.
E non sabemos quen estaría antes, e polo tanto quen ten máis
dereito a estar onde está. se o pao da luz ou o monolito solar, sexa como sexa,
ou este foi mal instalado, seguramente un día de chuvia coas presas da véspera
electoral que a todos despista, ou os eléctricos invadiron o seu entorno, amparados
en hipotéticas necesidades comúns, contaminando cos seus fíos de transporte
electromagnético o espacio e anulando a función para o que foi creado.
Tende en conta, aqueles que vaiades xulgar este cadro,
que o poste non só serve para levar os fíos eléctricos a cada casa, senón que
tamén cumpre a función de taboleiro de anuncios funerarios.
Ó final aí temos, un reloxo de sol escangallado.
venres, 6 de setembro de 2013
Nosa Señora dos Milagres de Caión

Coma cada
ano, o domingo anterior ó día oito de setembro, que é o da celebración, Nosa
Señora de Caión retirouse á ermida que queda por encima da vila mariñeira do
concello da Laracha, o Outeiro, desde a que a Virxe pode contemplar a entrada
dos pescos que volven coa amañecida das súas faenas nocturnas, e ver o sol
cando se pon, nesa liña onde ceo e mar se confunden.
E aló
permanece Nosa Señora ata o domingo seguinte ó do seu día, en que volverá a
baixar para ficar entre os pescos acollidos ó seu amparo.

Quen
ocupaba este outeiro antes de que Nosa Señora o escollese como lugar de retiro,
non o sei. Seguro que aquí asentou un poboado a onde, cando os ventos do
inverno acometían ese punto costeiro, se retiraban os paisanos a facer os seus labores
máis ó abrigo. Pero sempre nos preguntaremos a quen lle rezaban aqueles
primeiros poboadores.
Hoxe, os
devotos de Nosa Señora peregrinan desde todos os puntos da bisbarra bergantiñán
e de moito máis aló á súa capela, onde a festa grande coincide co día oito, ese
segundo o que a tradición haxiográfica di que foi cando naceu a Nai de Xesús. E
aí, vemos como os devotos asisten ós actos relixiosos pero tamén ós festeiros,
verbenas, gaiteiros, banda de música bombas de palenque e comidas campestres
(incluído o botellón). E entre eses rituais relixiosos, está o ofrecemento de
exvotos de cera para pedir a cura de determinadas partes do corpo ou da
facenda, o lavado na fonte da santa, onde unha longa ringleira de devotos
mollan os seus panos, lavan a parte doente e deixan o pano coa esperanza de que
secando o pano seque o mal, e o contacto coa santa, neste caso o tocar a santa
imaxe coa estampa da Virxe ou cun obxecto que logo, en contacto co crente,
aportaralle saúde e benestar.
xoves, 5 de setembro de 2013
UM APELIDO. UM NOME.
Por
UM-DO-CHAO.
TENOIRO.
TENÓRIO.
O apelido.
É
de origem toponímica, concretamente nascido na freguezia de Sam Pedro de
Tenório, no actual município de Cotobade (Terra de Montes).
Já
no século XIII, segundo se verá, aparecem levando-o indivíduos de destaque, se
bem se apresenta em diversas formas: Tenoiro, Tanoiro, Tanório…
Mesmo
no século XVII se instituíu o marquesado de Tenório, referido a tal topónimo.
![]() |
Francisco J. de Caldas Tenorio |
E
temos, no idioma espanhol, o vocábulo tenorio,
indicando “galanteador audaz y pendenciero”, originado na sonada personagem
literária de dom Juan Tenório. Lenda urbana de Sevilha, querem-no fazer
descendente dum cavaleiro siciliano (¿), mas o único claro é que serviu de base
a El burlador de Sevilla y convidado de
piedra (de Tirso de Molina, c. 1628) e a Don Juan Tenorio (de José Zorrilla, 1844), amém de inúmeras versons
teatrais e musicais em vários idiomas, de todos conhecidas. E mais para o nosso
interesse: tamém som galegos os apelidos doutras personagens da obra
zorrilhiana, tales doña Inés (ULLOA) de don Luís (MEXÍA).
Umha
importante rama desta linhagem estabelecéu-se em Leom, e ainda outra, como
vimos de ver, na Andaluzia, se bem a que mais destacará será a ponla
colombiana, na época do vicerreinado de Nueva Granada, embora nom levasse o
apelido em primeiro, mas em segundo lugar.
![]() |
Camilo Torres Tenorio |
As personagens.
1
Men Rodríguez de Tenorio (2ª metade do XIII). Este Fidalgo de aventureira
trajectória figura como troveiro nos cancioneiros galego-portugueses, segundo
X. M. Álvarez Blázquez, com 6 cantigas de amor, 4 de amigo, 2 de escarnho e
mais umha tensom.
2
Francisco José de Caldas Tenorio (1768-1816), filho do galego José de Caldas e
García Camba e neto do tamém galego Juan Tenorio (ambos radicados na colombiana
Popayán –ver o apelido Pombo-), foi geógrafo e naturalista, todo um ilustrado
precursor, companheiro de Humboldt… e general dos patriotas, o que lhe valéu o
fuzilamento. Deu o nome de Caldas a esse departamento colombiano.
3
Camilo Torres Tenorio (1766-1816) foi outro descendente (bisneto) daquel mesmo
galego Juan Tenorio, e é patriota da primeira hora, culto como ningum e
partidario do federalismo, chegando a governar o incipiente país, mas acabando
fuzilado, como se vé, no mesmo ano que seu tio Caldas. (Convém nom confundi-lo
co seu descendente Camilo Torres Restrepo, cura contemporáneo, outro precursor,
este da chamada teologia da liberaçom).
mércores, 4 de setembro de 2013
O cabaceiro de corres
.
Aló polas terras de Melide abundan estes cabaceiros que se
distinguen pola sinxeleza, a arte tecedora e a barateza dos materiais. Son
humildes pero enxeñosos hórreos de corres, vergas, láminas de madeira, varas de
carballo, vimbio ou salgueiro trenzadas, con tellado de colmo, de planta
circular pero cumprindo cos requisitos necesarios para satisfacer o propósito
para o que foi deseñado, tal é o secado das espigas antes da malla; e se
atendemos a Xaquín Lourenzo, polo volume enténdese que onde existen este tipo
de canastros é un lugar onde escasea o millo, ou alomenos onde os propietarios
non posuían grandes extensións dedicadas a este cereal.
Asemade, pola simpleza da súa estructura e materiais, tamén
está considerado como o máis primitivo.
martes, 3 de setembro de 2013
O cornecho da esperanza

Aí temos a esperanza
agardando. O viacrucis da emigración.
As caixas
do correo traen as noticias dos ausentes vivos, pero no imaxinario popular, a cruz
achéganos a presencia dos ausentes finados, e aí entre esas outras, semella tamén
unha caixa de pedidos e de respostas, a onde os crentes se achegan coa
esperanza de ver e sentir a satisfacción de ser atendidos pola intermediación
dos seus antepasados.
luns, 2 de setembro de 2013
O mes do lume
Pode
ser enganoso iso de dicir de setembro que é o mes dos lumes. Non vos
preocupedes, só é unha pequena licencia que me tomo.
Realmente,
aínda que en Roma, a Vulcano, lle celebraban a festa grande sobre o día 23, os
devotos daquel tempo tíñanlle dedicado todo o mes de setembro para calmalo.

domingo, 1 de setembro de 2013
A sella, a perfección da xeometría con aplicacións físicas
¿Cantos non
tiveron algún contratempo á hora de transportar unha cunca de infusión ou café,
desde a cociña ó salón?. ¿Cantos non quedaron sen a bebida e tiveron que coller
a fregona xusto cando empezaba a película?.
O problema que
os físicos expoñen é moi doado de explicar, pois ó andar, o movemento
transmítese á cunca e esta fai oscilar o seu contido cunha amplitude e
frecuencia de onda proporcional á amplitude e frecuencia dos pasos de quen porta
a cunca. Os camareiros, procuran compensar esas oscilacións cun artístico e ás
veces inapreciable movemento do brazo para evitar que a forza das ondas xeradas
dentro da cunca derramen o contido. As nosas paisanas, sen ser doutoradas en física, cando ían a por
auga á fonte e traían os caldeiros ou bañeiras na cabeza, diminuían a
incidencia da amplitude das ondas colocando unha folla de verza sobre a auga,
precisamente para diminuír a amplitude polo simple peso da folla.
![]() |
Fonte de Noia en 1926 (Ruth M. Anderson) |
Pero o
recipiente máis idóneo, para tal mester é a sella. Quen a inventou debeu ter
presente o problema de transporte de auga, sempre á cabeza. A súa forma
troncocónica, coa base superior moito máis pequena que a inferior, fai que os
picos de onda reboten contra as paredes en altura (dado que están inclinadas
cara dentro) amortecendo a transmisión dos impulsos provocados polo movemento ó
andar e teñan na superficie unha incidencia mínima, co que a auga moi raramente
se derrama.
O día que alguén
invente cuncas de café e infusión de forma troncocónica como as sellas, a
ninguén se lle derramará o contido.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)