Por Pepe de Rocaforte
Galería do patio grande |
Se hai algo no mundo máis pesado e
frío que un museo, dicía Fernández Flórez, é un artigo falando das obras que
nel se sepultan. Así e todo, a pesar destas palabras de don Wenceslao, voume
atrever a falar dun museo e dun par de obras nel expostas.
Trátase da Casa-Museo León y
Castillo na cidade grancanaria de Telde, e non a escollo só por tratarse dun
museo envexable e modélico dentro dos do seu nivel, senón por haber nel algunhas
pezas expostas que teñen certa relación coa
Coruña.
Tamén dicía non sei quen (lino hai
pouco, pero non lembro onde) que o invento da escritura viñera servir para
estragar a memoria. E será certo, porque no meu caso, se non deixo no momento
constancia escrita, despois resúltame moi difícil acordarme das cousas.
Sala do epistolario |
Nunha das miñas visitas á Casa-Museo
dos irmáns León y Castillo, observei tres pezas relacionadas coa Coruña. Non
deixei nota escrita delas e agora, por máis voltas que lle dou, mentres non me
cadre de volver por Telde e miralas de novo,
lémbrome só de dúas.
A primeira é un tarxetón escrito por
dona Emilia Pardo Bazán, no que lle informa a don Fernando León y Castillo o
seu próximo desprazamento á Coruña para pasar unhas vacacións, ademais de contarlle
algunhas outras novidades madrileñas daqueles días.
A segunda é un óleo do pintor
coruñés Antonio Caula Concejo no cal se representa o porto de Las Palmas de
Gran Canaria. Pero este óleo tén un detalle curioso: Caula non estivera en Gran
Canaria, nin tiña previsto viaxar alí. Polo tanto, ó non coñecer a cidade,
enviáronlle para poder realizar o encargo unha fotografía. O negativo foi
positivado do revés e en consecuencia o porto de Las Palmas aparece no cadro do
pintor coruñés en sentido contrario ó real.
Da
terceira peza relacionada coa Coruña xa falarei outro día se acabo por
acordarme dela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario