Unha das
construcións que nos dá a medida económica dunha casa é a súa cociña. Ou tamén
a cheminea. Ambas as dúas canto máis grandes máis podentes. Se hai moitos
traballadores na casa, hai que pór moitas potas ó lume, necesítase espazo para
poñelas e unha boa cheminea para sacar o fume. Eis a grandeza dunha casa.
Pero hoxe non
imos a pararnos nese punto tan significativo para medir o poder económico,
senón nun sistema que nos explicou un dos monxes de Sobrado, hai xa uns anos,
mentres nos ensinaba o convento e a enorme cociña e cambota que por si soa xa
fala da cantidade de potas que debía haber ó lume cada día. E é que a cheminea,
por medio de certas aberturas que se lle facían no oco do tiro, permitía a circulación
do aire quente xerado na lareira para o lugar onde estaban as celas dos freires
e as estancias de estudio. Do aire pero non do fume. Ou sexa, que a mesma
cociña fornecía de calefacción central o mosteiro, sen necesidade de radiadores
nin tubos de auga quente.
O que non nos
explicou aquel monxe era o rendemento calórico do sistema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario