É de supoñer que todos coñecedes algunha lagoa que ten a
súa cidade asolagada, e tamén que na historia entran Xesús e san Pedro ou a
Virxe, que van pedindo pousada e como non lla dan castigan ó pobo ese co
asolagamento. Tamén é moi normal asociar este tipo de lendas coa narración
bíblica de Sodoma e Gomorra, só que alí non se asolagaron as cidades, senón que
se queimaron.
Pois hoxe traemos o mito que lle deu paso a este tipo de
lendas, o de Filemón e Baucis, un matrimonio grego, que un día tivo a visita
inesperada de dous mendigos que, despois de percorrer a vila sen que ninguén os
acollese, eles non só lle ofreceron acubillo senón que ata mataron o único
animal que tiñan na casa, un ganso, co fin de agasallalos.
Axiña notaron os anciáns que, con aqueles invitados, por
moito que bebesen, o viño non se consumía, polo que acabaron descubrindo que os
mendicantes eran Zeus e Hermes, que andaban polo mundo probando a hospitalidade
da xente. E ó final, para compensalos polo agasalleiros que foron, asolagaron
toda a cidade agás a casa do matrimonio de anciáns, que converteron en templo;
e ademais concedéronlle o que eles quixeran en mostra de divina gratitude, e
entre as cousas que lle pediron, o máis importante foi que, cando morresen os
convertesen en árbores, e así se fixo. Cando os vellos finaron, Filemón
converteuse en carballo e Baucis en tileiro, que, cando o vento os menea
abrázanse entrelazando as ramas e dinse cousas ó ouvido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario