venres, 16 de outubro de 2015

Nesta casiña hai fume



O xogo de “nesta casiña hai fume”, é un xogo da época “preconsolas” no que se inculcaba a idea da casa acolledora, pero tamén da exclusión de quen non ten casa, coa desculpa egoísta de non acoller ó mendicante porque sempre hai alguén máis rico ou podente que pode acollelo. e o que apanda había de aproveitar o descoido dalgún dos caseiros trocando de posto con algún veciño para ocupala el e deixar ó descoidado fóra.
O xogo consiste nunha serie de círculos marcados no chan en número inferior ó de xogadores nunha unidade, de maneira que agás un todos ocupaban unha casa (un círculo), e o xogador que queda fóra, o que apanda, acercábase a un dos “caseiros” preguntando “¿Nesta casiña hai fume?” e respondíanlle “Vai a aquela que bota máis”. Porque é sabido que a máis fume máis riqueza, que é como dicirlle non me pidas a min que hai outros máis ricos por aí. E mentres o apandador ía de casa en casa, sabendo que todas  botaban fume (ficticio), os demais intercambiaban de casa, rápidos, con picardía, escollendo veciño procurando que aquel non os vise, porque se no momento no que se intercambiaban o outro conseguía ocupar unha das casas momentaneamente desocupadas, será o que a perdeu quen quede preguntando e mendigando unha casa.
Como expresión popular “andar a nesta casiña hai fume” vén sendo andar a mendigar sen ser atendido.
Visto coas novas dos xornais na man, semella que era un xogo para inculcar a idea de non abandonar a casa co fin de evitar ós ocupas, e que unha casa ocupada ten dono aínda que non teña papeis e a sen ocupar é de quen tome posesión dela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario