Por Pepe de Rocaforte
Acabo de ler nestes días unha
novela, “Ruído de fondo”, de Don Delillo (Creo que xa escribín aquí que as
miñas lecturas non son, habitualmente, de libros recentemente publicados e este
é un exemplo).
Do
mesmo autor lera xa hai algún tempo “Submundo”, considerada por algúns críticos
a súa mellor novela. A min parecérame un traballo abrumador, enorme sobre todo
pola súa ambición e extensión.
Nunha
obra tan extensa resulta natural atopar altos e baixos e naquel caso, no cal
posiblemente os altos eran maiores que os baixos, estes últimos, así e todo,
cansáronme un pouco e por veces fixéronme desinteresar do texto. Ademais a gran
cantidade de personaxes que aparecían e desaparecían para reaparecer máis
tarde, entrelazados na narración principal, facían que chegado un momento xa
non soubese ben quen era quen, tal vez por non lle prestar á lectura toda a
atención debida.
Así
e todo encontrei en “Submundo” grandes momentos que me permitiron aturar os que
non o eran tanto e acabei considerando que finalmente pagara a pena o esforzo
da lectura.
Así
as cousas, lin agora “Ruído de fondo” e a medida que avanzaba no texto íame
facendo preguntas. ¿Trátase dunha “novela de campus”? ¿É narrativa realista?
¿Costumista? ¿Neo-costumista? ¿Novela de catástrofes (¡Si, tamén!)?
¿Peripatética filosofía de andar por casa nas conversas de dous profesores
universitarios, un dos cales parece mostrar unha certa intención (non levada a
cabo, permítome adiantar) de intimar coa esposa do outro?
O
narrador, e protagonista, é profesor na universidade College-on-the-Hill, na
localidade de Blacksmith (U.S.A.), onde é o creador e director do departamento
de investigacións sobre Adolfo Hitler. A pouco de comezar a historia inícianse
os preparativos para a celebración dun congreso sobre a figura hitleriana ó cal
asistirán especialistas de todo o mundo. Para afirmar máis a súa imaxe diante
deses especialistas que se van congregar en Blacksmith, o
profesor-narrador-protagonista empeza a
asistir a unhas clases particulares de alemán, idioma que, desgraciadamente, se
lle resiste como gato panza arriba.
Ó
cabo rematei por convencerme de que se trataba dunha novela humorística, o cal me
fixo moito máis aceptable a lectura. Gocei así especialmente co afán polemista
do fillo máis vello do narrador, empeñado en aplicar a dúbida metódica a canto
lle diga o pai, entre outros momentos felizmente cheos de humor.
Pero
de calquera xeito atopeime diante dunha (para o meu gusto) excesiva acumulación
de peripecias sen que o autor pareza capaz de se decidir por unha liña
argumental definitiva. Mesmo aquel rasgo polemizador característico do fillo se
ampliaría a outras personaxes e conversas, o que xa o empezaba a facer un tanto
cansino.
E
cando xa case ó final aparece un fío narrativo máis consistente a partir da
confesión de infidelidade da esposa do narrador e este decide matar a quen lle
puxo os cornos, xa parece un chisco tarde e tampouco a cousa dá para moito
máis. O profesor hitleriano vólvenos repetir outra ración do mesmo e acaba
contándonos a aventura do seu fillo máis novo, aínda unha crianza, posto á
aventura de atravesar a autoestrada en triciclo, non sei ben con que intención,
a non ser a de facer máis longo o texto, xa de seu extenso.
Pero
todo esto non tiña outra intención máis que a de ser unha digresión inicial
doutro tema que me proporcionara a novela. Pero debinme contaxiar un pouco do
señor Delillo e enrolleime excesivamente. Debo deixar polo tanto para unha
próxima ocasión o caso do que quería escribir hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario