Por
Pepe de Rocaforte
Hai uns días lía nunha entrevista literaria a seguinte
cita de Raymond Chandler: “Non se quere a calidade porque dura demasiado. De
modo que se substitúe pola moda, unha estafa comercial destinada a facer que as
cousas caian en desuso. A produción en masa non podería vender as súas
mercadorías o ano próximo a menos de
facer que o que venden este ano pareza anticuado de aquí a un ano”.
Non semella un tema moi axeitado falando de literatura,
pero uns días máis tarde un amigo contábame que viñera mantendo unha relación
con Francisco Porrúa, o editor arxentino nacido en Corcubión, a quen lle
gravara varias conversas a partir das cales case se animara a preparar unha
biografía. Pero o falecemento de Porrúa pronto vai facer un ano fíxolle deixar
todo en punto morto e agora non se anima a proseguir cun traballo que
probablemente non vai atopar editor, máis ocupados hoxe en día noutros temas
con “máis saída”.
Das moitas cousas de que lle falou Porrúa (editor de
“Cien años de soledad”, de García Márquez, e de “Rayuela”, de Julio Cortázar,
entre outras), quedoume a de que, segundo el, fora un mal editor, porque,
buscando calidade, comprara dereitos caros, por exemplo os de “El Señor de los
Anillos”, e vendéraos baratos cando (neste caso) a estrea da película baseada
no libro de Tolkien prometía, como así foi, un pronto grande éxito editorial.
Hoxe, en lugar de calidade, a maioría dos editores procura a posibilidade dun
máximo e rápido beneficio, e todos van en busca do posible best-seller, sen se preocupar moitas veces dunha mínima calidade do
texto.
De calquera xeito tratei de animar ó meu amigo, e desde
aquí volvo intentalo, para que non deixe de lado ese traballo iniciado. Do seu
interese e calidade, coñecendo ó meu amigo, respondo sen necesidade de verlle o
libro rematado, e malo será que non atope un editor para el.
E en todo caso, se hoxe non atopa ninguén disposto a
publicalo, a obra quedará feita e malo será que non acabe de saír á luz algún
día máis ou menos próximo. Adiante tocaio!
Ningún comentario:
Publicar un comentario