xoves, 22 de outubro de 2015

JACKSON POLLOCK E OUTROS



Por Pepe de Rocaforte

           Referíame un amigo que hai pouco, na súa cuarta viaxe a París, visitara por primeira vez o Centro Pompidou. Antes nunca se lle dera por entrar alí, seica o botaba para atrás o edificio. A mellor lección que sacou da visita, díxome, foi a de que para poder admirar algo, sobre todo no caso de innovacións, sexan arquitectónicas, pictóricas, literarias ou de calquera outro tipo, compre aprender antes. En caso contrario arríscaste a non obter moitas satisfaccións da túa contemplación.
            Estas palabras fixéronme lembrar do que a min me pasou co pintor Jackson Pollock, de quen vin o nome por primeira vez na “Oda mariña ás forzas de Patiño e Jackson Pollock”, na “Profecía do mar”, de Bernardino Graña. O pintor norteamericano fora sen dúbida dado a coñecer por Reimundo Patiño entre aqueles seus compañeiros de Brais Pinto no Madrid dos primeiros anos sesenta. Daquela busquei reproducións de cadros seus e non acabei de sentir admiración ningunha pola súa pintura.
            Anos despois nunha visita ó Metropolitan de Nova York cadroume de facer un percorrido da man dunha guía, unha moza mexicana pequeniña e chea de vitalidade. Para quen non estea ó tanto aclararei que o Met pon a disposición dos visitantes un servicio gratuíto de guías a determinadas horas e en diversos idiomas, detalle do cal ben poderían tomar nota outras institucións de por aquí máis preto.
            A mociña foinos levando nun recorrido previo para situarnos e que máis tarde puidésemos volver pola nosa conta ás salas que máis apetecibles nos resultasen. Nun determinado momento, cunha sutileza moi de agradecer, díxonos que xa levabamos pateado moito e o mellor sería sentarse a descansar algo. E indicounos un banco frente a un enorme cadro abstracto ocupando case toda unha parede daquela sala.
            Alí empezounos a falar de Jackson Pollock. Fixo un breve percorrido pola súa vida. Contounos algunhas anécdotas. E a seguido falounos da súa pintura. O cadro que tiñamos diante era “Autumn Rhythm” e á medida que a rapaza falaba eu empezábame a sentir fascinado por aquel enorme lenzo. Ela licenciarase en Historia da Arte na universidade de México e dicíanos que tan pronto rematou os estudos a súa máxima aspiración fora marchar a Nova York e, de ser posible, traballar no Met, preto das obras de Pollock. Agora era feliz e queríalle transmitir a súa felicidade e a súa admiración polo pintor a cantos visitantes alí chegaban. Non creo necesario dicir que a partir de entón Jackson Pollock se convertiu nun máis dos pintores admirados por min.

            E traio esto a conta hoxe, porque acabo de ver o número 7 da revista “Alén da chuvia”, publicada polo “Club de Lectura, Biblioteca e Equipo de Dinamización Lingüística do Instituto Eusebio da Guarda” da Coruña, co patrocinio da Deputación Provincial. Todo un luxo cuxa lectura recomendo con entusiasmo.
            Neste número veñen as respostas ó Cuestionario Proust de tres autores galegos, Agustín Fernández Paz, Pilar Pallarés e Yolanda Castaño. ¿Qué me chamou a atención destas respostas?  De Fernández Paz a ¿os seus compositores favoritos? “Bob Dylan, Charlie Parker, Lennon e McCarney”. De Pilar Pallarés tamén a ¿os seus compositores favoritos? “¿Suponse que se refire aos de música clásica? Non é a miña preferida. En todo caso, destacaría Satie e os impresionistas”. De Yolanda Castaño a ¿qué libro leva agardando moitos anos por ti?  “O “Ulises”de James Joyce. E pode seguir esperando.” Tamén, a ¿os seus compositores favoritos? “Non son amante da música clásica. E en xeral descoñezo de máis no campo da música”
            Son curiosas as coincidencias e, no meu entender, mostran certas posturas non moi doadas de comprender na sensibilidade dun escritor. ¿E se fixesen un pequeno esforzo? ¿Non redundaría en beneficio de su traballo?

Ningún comentario:

Publicar un comentario