Por
Ahcorb Adrog
O caso é que esa travesura de garabatear paredes el non a
facía, só deseñaba o que outros ían facer. Como el se xustificaba, tampouco o arquitecto
pon os ladrillos. E con isto conseguía que cada exposición fose unha obra
diferente, e que todas fosen efémeras, que durasen o que dura a exposición. Así
decoraba as paredes, dando as instrucións para que outros o fixesen. Por
exemplo, marcar o perfil dunha cadea de montañas e que cada debuxante, artista
ou pintor tratase de imitar esa liña debaixo, ata acadar na última liña case
unha recta, demostrando que a imitación é case imposible. Marcar as dimensións
dun cadrado e dicir como colocar dentro del unha recta ou unha curva seguindo
unhas directrices xeométricas, ou indicar a combinación das catro cores
primarias en forma de liñas milimétricas, de tal maneira que, segundo a
combinación aprécianse toda unha gamma de cores.
Na opinión deste artista encadrado no minimalismo e no
conceptualismo, o artista pode crear a
idea, ou o concepto do que desexa facer, pero serán outros quen executen a
obra, co que a idea non vai ás mans do artista, senón ás de outros artistas, e evidentemente
cada man non ten por que facer o mesmo exacto ca outras; co que a mesma obra é
irrepetible, pero tamén efémera, pois haberá de refacerse en cada exposición e
por outras mans ou outras maneiras de interpretar as directrices. Ou sexa, que
nunca unha mesma obra será a mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario