xoves, 30 de xullo de 2020

A ATRACCIÓN DOS GRANDES PENEDOS

Por Pepe de Rocaforte

 

     Hai uns días un amigo que acaba de facer unha pequena excursión por Arousa pasoume un traballo aparecido nun blog da Illa, no cal se dá unha interesante información sobre certos penedos da beiramar arousá con posibles mostras arqueolóxicas. O meu amigo viña sorprendido e, en boa medida, fascinado polo que para el representaba un inesperado descubrimento, e animábame a ir dar unha volta por alí para velo eu tamén, na seguridade de que me ía interesar a visita.

De momento a visita déboa pospoñer por causas que non veñen ó caso. Pero malo será que máis adiante non poida dar unha voltiña por alí. Entre tanto, interesoume o traballo, redactado con seriedade e coñecemento do tema, sen esas concesións imaxinativas das que con certa frecuencia abusamos cun excesivo entusiasmo ben intencionada quen, coma min, somos leigos na materia.

Dos coñecementos que me proporcionou este blog gustáronme particularmente, e resultáronme moi formativos, os comentarios, tanto os do autor ou autores do blog, coma os dalgúns lectores, que me permitiron rematar a lectura bastante máis informado do que estaba antes.

    Estas informacións fixéronme lembrar a don Pedro Marfany Vilarassau, con quen tiven unha pequena relación hai cousa de corenta anos, un home cheo  de  amabilidade, grande persoa e incansable buscador e divulgador de conxuntos pétreos xeolóxicos e arqueolóxicos na nosa terra. Cando o coñecín, o señor Marfany andaba a voltas coa localización das Aras Sestianas que, se non lembro mal, estimaba situadas, unha nos Penedos de Traba, outra no Monte Pindo e a terceira nas proximidades da Ara Solis de Fisterra. Pero non estou moi seguro, sobre todo no referente a Fisterra, ó mellor fágome esta idea influído pola posición do templo de Poseidón no cabo Sounion, o de Afaia na illa de Exina, e Partenón en Atenas, seica vértices dun triángulo equilátero perfecto.


Despois de falecido don Pedro, a Deputación da Coruña publicou, en 1995, un libro no que se reunían os seus artigos de divulgación na prensa, así como outros traballos inéditos, acompañados de moito material fotográfico,nun libro titulado “Galicia incógnita” (do cal, por certo, acaba de se publicar neste ano 2020 unha segunda edición). Neste libro destaca especialmente, xa digo, a abundante información gráfica, con fotos en color de gran tamaño.

Das “Aras Sestianas”, das cales, como me pasaba a min, supoño que moitos lectores non terán moita idea, aclararei que se tratan duns altares, en honor ó emperador Augusto, ó parecer levantados en Galicia polo senador Lucio Sestio ó remate das Guerras Cántabras. Sobre elas hai informacións de Pomponio Mela, Plinio e Ptolomeo, situándoas en distintos lugares. Mela, por exemplo, di estaren localizadas en Asturias, Plinio emprázaas en Galicia, ó norte do río Tambre, e Ptolomeo entre o Promontorio Nerio (a actual Fisterra) e Brigantium, actual cidade da Coruña.

Eu vin as presuntas aras do monte Pindo e das Penedas de Traba. Esta última impresionoume particularmente, sobre todo pola grandiosidade da paisaxe que a rodea, pero non me considero con información suficiente, nin con preparación para estimar se son obras da man do home ou da natureza.

O que non está de máis saber é que mentres aquí non nos preocupa pouco nin moito este asunto, en Asturias xa en 1783, por petición de Jovellanos, se fixeron escavacións na Campa Torres, na proximidade de Xixón e, posteriormente, en 1972, José M. González y Fernández-Valles recoñeceu o terreo establecendo que se trataba dun castro onde, segundo el, estaban ubicadas as Aras Sestianas. En 1994 o lugar foi declarado Ben de Interese Cultural.

Aquí non sei se hai algunha idea sobre eso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario