xoves, 23 de xullo de 2020

COSTA ANDRADE, “NDUNDUMA WE LÉPI”

Por Pepe de Rocaforte

Buscando material sobre o cal escribir, vin en internet unha información xa un tanto antiga, datada no 20 de setembro do ano 2009, onde se dicía que o político e escritor angolano Francisco Fernando da Costa Andrade, natural do Lépi, na provincia do Huambo, tamén coñecido como Ndunduma we Lépi, apodo adoptado nos anos 60 e 70 do século pasado, cando militaba na guerrilla angolana, falecera en Lisboa á idade de setenta e tres anos, vítima dun cancro.

O nome parecíame telo visto anteriormente nalgunha parte e repasando na miña desordenada biblioteca acabei por atopar un libro de contos mercado en Lisboa a principios dos anos oitenta, “Estórias de contratados”, do cal era autor Costa Andrade e que entón deixei sen ler, o cal fago agora para corrixir aquel esquecemento.

Os relatos deste libro, máis que contos, estampas da dura vida dos nativos cando Angola era colonia de Portugal, mostran a profunda identificación do autor cos oprimidos, a quen retrata cun tratamento tal vez excesivamente poético, natural por outra parte se temos en conta que Costa Andrade era esencialmente poeta, como testemuñan máis dunha ducia de poemarios publicados ó longo da súa vida.

Entre as informacións sobre este escritor e político que agora puiden recoller, chamoume particularmente a atención unha nota de Amnistía Internacional, de 26 de decembro de 1983, na cal se dicía que Fernando Costa Andrade, coñecido en Angola como “Ndunduma” ou “O que lanza tronos” (¿Un tronante?), fora detido en decembro de 1982 e desde entón levaba recluído, sen cargos, máis dun ano.

¿E cal foi o motivo do detención deste home, que estudara Arquitectura en Lisboa, e quen despois da independencia de Angola fora secretario de Prensa do presidente Agostinho Neto, ata a súa morte en 1979, e en 1982 saíra elixido secretario xeral do sindicato de xornalistas de Angola? Pois moi simple: Costa Andrade participou na montaxe dunha obra de teatro destinada a ser representada ante José Eduardo dos Santos, o presidente posterior a Agostinho Neto, na cal se satirizaban varios aspectos da forma en que se gobernaba Angola, cunha mensaxe principal de que se debía convocar un congreso especial do MPLAPT (Mulatos e Pulas Libertaram Angola Pretos Também), partido ó cal pertencía Costa Andrade, para nomear un novo Comité Central. O presidente Dos Santos anunciou entón que se ían tomar medidas disciplinarias contra os membros do partido que con aquela peza teatral fixeran “un uso incorrecto do seu dereito á crítica”, e con tal motivo foron detidas trinta persoas, entre elas Costa Andrade.

Non sei como se solucionou a cousa, pero seica Costa Andrade, posteriormente, estivo exiliado no Brasil, Iugoslavia e Italia, para acabar regresando ó seu país e ser deputado polo MPLA na Assembleia Nacional na época da súa morte.

Lección (para min) desta historia: O que uns, Amnistía Internacional, por exemplo, estiman “exercicio non violento do dereito fundamental á liberdade de expresión”, o presidente de Angola pódeo considerar “uso incorrecto do dereito á crítica”. E, en consecuencia, meter no cárcere ó autor ou autores de tal delito.

Xa o dicía Campoamor:Todo é segundo a cor...



Ningún comentario:

Publicar un comentario