martes, 7 de xullo de 2020

SOBRE A COMPAÑA – e VII

Por Pepe de Rocaforte

Unha fermosa descrición, neste caso referida a Asturias, contaba deste xeito a procesión das “Huestia”: «Está formada por pantasmas esbrancuxadas, impalpables, pero visibles, que saen do adro da igrexa levando na man velas verdes de escintileo tremelante e rezando en sordina as ladaíñas dos moribundos. No medio da Huestia, catro pantasmas levan a ombros nunha padiola un vulto informe que pouco e pouco vai tomando forma humana ata se virar na imaxe do coitado que está morrendo na parroquia. A procesión vai ata a casa do que está a morrer e dá tres voltas arredor dela, engordiño e en silencio. Ó remate da derradeira volta empezan a saloucar e as velas apáganse. É sinal de que o agonizante deixou a vida. Entón a procesión toma o camiño da igrexa entoando cantos fúnebres e as campanas empezan a tocar soas a morto. Ó chegar a comitiva diante da igrexa as portas ábrense soas e vólvense pechar do mesmo xeito unha vez entrou toda a procesión».

O sentido comunitario desta procesión de defuntos foi posto de releve por gran número de autores. Así o observaron Risco e Carmelo Lisón, quen o confirmou con testemuños  tomados en Cualedro (A Xironda), en Rebordondo, en Penaverde, en Laza, en Randín, en Doncos, en Xacebás (Quintela de Leirado) e en Santirso (Maceda). En todos eles quedaba claro o feito de que a procesión non traspasa nunca os límites parroquiais. E se o ten que facer, o home vivo que a guía remata a súa función no límite da parroquia, onde outro fregués da parroquia veciña pasa a ocupar o seu posto (Este caso referido en Obre, Noia).

Xa como mostra de vinculación ultra-parroquial, ou federación de parroquias, refírese en Aldán que as procesións das ánimas de sete parroquias veciñas íanse xuntando todas no cruceiro de Castiñeiras, onde hai unha encrucillada. Ali as sete Compañas reunidas facían os seus rezos e oíase o seu borboriño que poñía arrepíos de medo na xente que o oía ó pasar de lonxe.

O teósofo Roso de Luna interpretaba deste xeito o mito da Compaña: «A “Güestia” está formada polos mortos que nos quixeron en vida, pais, irmáns, parentes, amigos, veciños, que, cando imos morrer, véñennos recibir nas portas do outro mundo para que vaiamos con eles, levando a nosa luz acesa. Nela están tamén os grandes homes de todos os tempos, que veñen sen que o saibamos, a nos revelar a nosa vocación e noso fado».

Facendo súa esta interpretación, Castelao escribía no capítulo I do libro IV de “Sempre en Galiza”: «Así podo eu imaxinar unha Santa Compaña de inmortais galegos, en interminable procesión. Alí vexo as nobres dignidades e os fortes caracteres que deu Galiza no decorrer da súa historia. Todos camiñan en silencio, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideas tan vellas que hoxe nin tan sequera poderiamos comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns van revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras, e os máis deles van descalzos e nus, cos ósos prateados polo fulgor astral. Á frente de todos vai Prisciliano, o heresiarca decapitado, levando a súa propia caveira nunha arqueta de marfil e afincándose nun longo caxato que remata coa fouce dos druídas, a modo de báculo episcopal. Seguen [...] Teodosio, o grande emperador de Roma, San Dámaso, o Sumo Pontífice da cristiandade, Eteria, Paulo Orosio, Idacio, San Pedro de Mezonzo, Xelmírez, Alfonso VII, o Conde de Traba, o mestre Mateo, Bernardo de Bonaval, Airas Nunes, Pero Meogo, Mendiño, Martín Codax, Paio Gomes Chariño, Andrade o Bo, Pedro Madruga, Pardo de Cela, Vasco da Ponte, Roi Xordo...»

E así ata onde Castelao nos queira levar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario