luns, 20 de xullo de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (80)

Dous cregos de antano

O Curmán de Undochán

O primeiro é un case seguro galego -español di a Historia- dado o seu apelido bergantiñán: Frei Domingo Rama, mercedario, nado por 1776 e morto en 1844. En 1818 foi nomeado cura párroco de Colonia del Sacramento, onde ficará de por vida. O ano 1823, a pólvora depositada embaixo da sancristía en tempos dos portugueses explota, deixando o templo en ruinas.

O noso crego encárgase, con feliz final, de reconstruir a igrexa, segundo consta na sua lápida sepulcral, o que o califica como verdadeiro edificador do santuario que hoxe poden contemplar os numerosos turistas que acuden a esta pequena cidade con importantes testemuñas do seu pasado portugués e español. Pouco máis sabemos da esforzada traxectoria deste relixioso.

      Galego de nación era Manuel de Amenedo Montenegro (1756-1829), nado en Cullergondo-Abegondo, de familia fidalga, e chegado ao Prata co bispo galego Malvar, nunha das expedicións para a Patagonia (1778), sendo destinado á recén creada freguesía de San Carlos de Maldonado (1781). Del fica hoxe o templo da vila, de 1801.

  

Amenedo y sus fieles
reza o subtítulo de Brenda Pagola

     Fundada que foi a cidade de Rocha (1792), don Manuel é nomeado tamén párroco da sua igrexa (1794), viceparroquia da de S. Carlos, distantes 70 quilómetros entre si, e hoxe pertencentes a dous departamentos limítrofes. Case medio século, ata o seu pasamento, será, pois, cura de San Carlos.

A este home rexo tocoulle participar en dous feitos relevantes do seu tempo: un, o cuidado dos feridos da invasión inglesa de 1807, no que viu seriamente perxudicada a sua saúde. O outro, a revolución independentista, seguindo a pauta da maior parte do clero da época (ver Crón.75), ao se unir ao movemento, mesmo aportando económicamente e solicitando afervoadamente para si, ata conseguila, a cidadanía das Provincias Unidas del Río de la Plata (esta Banda Oriental incluida).

Dous tratamentos desparellos, non desesperamos de algún dia saber algo máis de Frei Rama: a vigorosa personalidade de Amenedo, da que apenas demos unha pincelada, xustifica esta primacía informativa.

(Outros curas houbo, segundo fica dito, que se uniron ao movemento revolucionario, mais estes non galegos, apenas fillos: Lamas, Barreiro, Monterroso -nulo parentesco cun outro M. que anda por aqui-, … son apelidos ben indicativos desa sua orixe).


Sobre a traicioeira condición do Río da Prata (traducimos): “O seu verdadeiro feitío imita moito o do escorpión coas baías de San Borombón (Arxentina) e Montevideo (Uruguai) a formaren as pinzas e o tramo final do río Uruguai a formar a cauda.” (Juan José Saer, El río sin orillas, 1991).

Ningún comentario:

Publicar un comentario