martes, 14 de xullo de 2020

DE NUBEIROS E TRONANTES - 1

Por Pepe de Rocaforte

 

Non sei se cando vostede lle estea botando unha ollada a esta páxina nos atoparemos xa cansados de tanto sol, porque o ser humano é versátil nas súas preferencias. Pero moito temo que non sexa así, porque a min botáronme os papeliños das profecías e disque por riba da pandemia do COVID-19 e compañía, aínda nos vai tocar apandar con chuvias fóra de época, que sol xa tivemos abondo á vista do que nos corresponde por cupo. De ser así, continuaremos sendo ese «lugar onde raramente se ve o sol», como, referíndose a esta terra, dixo non sei cantos anos antes de Cristo un tal Pytheas, segundo leo nunha docta cita do señor Castroviejo, don José María.

E o malo non é só eso: os labregos, esa caste en perigo de extinción en Galicia, tamén poden irse afacendo á idea de que os froitos do campo podrecerán sen chegar a se poñer en sazón, o millo non medrará, afogado polo xaramago, e a herba seca non curará nin aínda que o doutor García Sabell resucite de entre os fieis defuntos para lle dar un tratamento axeitado ó produto.

A min éntrame a dúbida de se a cousa será para tanto e penso se o caso non terá algo que ver con toda esa tropa de nubeiros e tronantes das nosas tradicionais crenzas, orquestrados vaia vostede saber por quen. Porque, como moi ben deberiamos saber, os nubeiros son, segundo definición de don Jesús Rodríguez López, os produtores e directores da chuvia, tronos e raios na bóveda celeste; chuvia e tronos que ordenan descargar onde a eles mellor lle pete. E os tronantes son aqueles que, como o seu propio nome dá a entender, se ocupan de armar estrondo para facer máis aparentes as boas treboadas e sementar sarabia e pedrazo a manta de maneira equitativa sobre os lugares onde menos se necesiten.

Segundo o mesmo señor Rodríguez López hai cinco ou seis liñas citado, nalgúns lugares deste noso cativo país os cregos, cos seus rezos, teñen feito caír do alto algún nubeiro incordiante, que por certo sempre resultou ser “un castellano alto e moi guapo, vestido de señorito”, que viña traer o pedrazo a Galicia para nos destruír as colleitas, como outros nos destruíron impunemente a sanidade pública e outras empresas que poderían axudarnos a acadar un certo progreso, que ben o necesitamos.

Noutras bandas, para volver ó tema, continúanos dicindo o ilustre médico lugués q. e. p. d., hai quen pensa pola contra que tronantes e nubeiros son uns homes feos e monstruosos, capaces de ganar con moitos puntos de vantaxe calquera deses concursos dalgunhas festas pailanas nas cales se elixe o individuo máis horroroso da parroquia, vila ou bisbarra correspondente para envialo a nos representar non sei onde nin cando nin para que.

Castelao, pola súa parte, infórmanos de que «en moitos lugares de Galicia, cando o ceu ameaza sarabia, os labregos poñen un cacho de pan no peitoril das fiestras que dan cara os nubeiros para que Deus non consinta que se apedree o seu corpo», pero non se mete a opinar sobre o aspecto físico destes molestos personaxes.

 (Continúa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario