mércores, 22 de xullo de 2020

Ulisiada (XXV)

Por Far O'McKwoo

Telémaco na casa.

Telémaco chegou á casa silencioso mais cunha alegría secreta que Penélope lle nota e pretende descubrir. Unha euforia festeira que podendo ser debida á proximidade das celebracións patronais, a nai, que como nai todo o intúe, sabe que non o é; unha felicidade que o cativo non comparte, por moito que ela lle pregunte sobre a escola e os amigos, de onde vén ou que deberes trae.

O rapaz garda o secreto da súa visita á cetaria e do inesperado encontro con Ulises, tal e como lle recomendaron, pero atendendo a algunha das preguntas que lle fixera seu pai, de súpeto, sen que Penélope o agardase, pregúntalle se Antínoo é só amigo ou quere algo máis.

-É o meu xefe.

A Telémaco non lle basta a resposta, pois ó seu entender, e así llo di, os xefes non pasean ás empregadas en coche nin se quedan a falar con elas á porta da casa, e este só a trae a ela e non ás demais. Pregúntalle de que falan durante o largo tempo de despedida.

-¿E logo ti espíasme?.

-Non, pero véxovos.

Penélope cala. Sérvelle a cea e vólvese de costas a facer no vertedoiro en silencio, cavilando no fillo que quere saber, opinar e compartir. E a nai fica inmóbil, coa billa aberta e as mans baixo o chorro de auga fría.

Hai preguntas que doen. Pero sobre todo hai momentos nos que certas preguntas desconcertan.

Penélope non sabe que dicir. Xa sabía que esa faceta da súa vida non é só dela, pero bastou a pregunta do cativo para sentir o peso da responsabilidade, para decatarse de que esas relacións tamén lle pertencen a Telémaco, que calquera decisión que tome inflúe no seu fillo, e entón volve á mesa, senta fronte ó rapaz, meditando como contarlle das súas tribulacións, dubidando de se el poderá entender ese difícil tránsito entre o bo e o necesario a que ela se está enfrontando. Se o cativo tivese cinco anos máis sería máis doado compartir con el os seus desacougos e contarlle que hai cariños que non piden nada a cambio e outros que basean o seu amor en intereses materiais que non sempre son compartidos. Intenta convencelo de que, decida o que decida, faga o que faga, nunca haberá ninguén por encima del. Que arestora non sabe que facer, porque tampouco sabe que sorpresas lle agardan na vida. E xa hai anos que sabendo a quen quere non sabe quen lle quere.

-¿E a papá?. ¿Aínda lle queres a papá?.

-Teu pai desapareceu. –Dixo con rotundidade e volveuse a agochar a cara no fondo dunha alacena.

O rapaz disimula un sorriso que denuncia o coñecemento dunha verdade só por el sabida nesta casa. Quixera poder contala, pero foi advertido da conveniencia de gardar o secreto, sen embargo non pode reprimir unha nova pregunta:

-¿E se volvese?.

-Pasou moito tempo e ...

Telémaco non perde o sorriso cando ela, sen miralo se xustifica, adiando unha resposta máis directa, reflexionando sobre o deber que ela ten e o requirimento que lle fan, sobre a dignidade do traballo e a necesidade do mesmo, como ás veces un emprego se converte en algo semellante a un secuestro que hai que soportar, porque se ela perde o choio terían que vivir da caridade, e anque nada sexa tan nidio como sería de desexar, aínda pode traer un salario á casa; e o acoso que lle preocupa non vén polo que fai senón polo que queren que faga. Dille que nos traballos moitas veces haste de enfrontar coa ética para medila coa obrigación e as privacións, e no seu caso, nela que non ten a ninguén máis con quen aconsellarse nin con quen compartir as súas inquedanzas, que non ten ningunha posibilidade de decidir no país do desemprego, ten as súas dúbidas sobre o que está ben e que está mal. ¿É indigno procurar o benestar? ¿É digno obedecer sen rechistar? ¿Ata onde chega a dignidade das persoas? A necesidade sempre pesa máis ca ningunha outra cousa e é a causa de todos os males, todos os erros e a fonte de todas as dúbidas. E quen provoca a necesidade é o maior malvado do mundo porque con ela ata, subxuga e escraviza.

-O culpable desta necesidade é quen impón as regras do xogo.

Agora mesmo dubida do futuro que lle agarda a el, ó seu fillo, se poderá ter algún día todo o necesario para afrontar a vida con dignidade, e esa dúbida é o único que lle preocupa neste momento.

-Se teu pai estivese aquí, nada sería como é. Pero por algunha razón el esqueceuse de nós.

-Pero por se acaso, mamá, ti non o esquezas –rógalle Telémaco.

(Próximo capítulo: Decomo Ulises e Iro botan un pulso para diversión dos caloteiros epara que o retornado lles gañe confianza)



Ningún comentario:

Publicar un comentario