xoves, 9 de xullo de 2020

A ÉPOCA DOURADA DAS RADIO NOVELAS

Por Pepe de Rocaforte

Máis ou menos debeu ser a mediados dos anos cincuenta cando seguín por primeira vez en Radio Ourense a emisión dunha radionovela da cal non lembro título nin autor. Só recordo que o principal actor era un tal Doroteo Martí. Emitíase despois do xantar, a eso das catro da tarde, e a miña nai, fiel seguidora da historia, fixo a toda a familia adicta a aquel desaforado melodrama.

Buscando información sobre o señor Martí, atopei un artigo, sen firma, no Diario Jaén do 28 de abril de 2014, onde lin: tuve oportunidad de ver en vivo y en directo al que creo ha sido el peor actor español de todos los tiempos: el valenciano Doroteo Martí. Un actor atípico e insólito que, por esos fenómenos raros de la vida, llenaba los teatros de mujeres a las que hacía llorar sin desconsuelo (?). Doroteo Martí se hizo popular como actor de seriales, especialmente los escritos y dirigidos por Guillermo Sautier Casaseca. Non está mal o parágrafo para situar os recordos no seu lugar debido, e lamento moito non poder oír agora, aínda que só fose unha pequena mostra, daquel serial que tanto cativara a toda a miña familia.

Despois desta primeira experiencia, virían máis éxitos similares da man de guionistas como Guillermo Sautier Casaseca, Rafael Barón ou Luísa Alberca, e actores como Pedro Pablo Ayuso, Matilde Vilariño, Matilde Conesa ou Juana Ginzo. Pero eu xa andaba noutra onda. É dicir: noutra onda viña desde que empecei a oír o programa de Pepe Iglesias “El Zorro”, “yo soy el Zorro, zorro, zorrito, para mayores y pequeñitos”, con personaxes como o “finado Fernández”, de quen “nunca más se supo”, a cociñeira: “Aquí vén a cociñeira portuguesa. Aquí vén a cociñeira con certeza”, etcétera.

O programa do Zorro radiábase os martes e xoves (non sei se tamén os sábados) ás dez e media da noite, e ó día seguinte pola mañá, no instituto, toda a rapazada tiñamos como único tema de conversación a repetición dos detalles de Pepe Iglesias que máis gracia nos fixeran a noite anterior. Presumiamos con orgullo patrio da orixe galega do artista, porque se dicía que era natural de Monforte. Logo, co paso dos anos, soubemos que nacera en Buenos Aires, eso si, fillo de pais galegos, naturais do Saviñao, o cal xa era bastante.

Entre tanto as radionovelas lacrimóxenas empezaba a dar as boqueadas, derivando cara unha temática humorística, como “Matilde, Perico y Periquín”, que xa viña de antes, da cal era autor Eduardo Vázquez e actores Pedro Pablo Ayuso, Matilde Conesa e Matilde Vilariño. Outro exemplo do xénero, “La saga de los porretas”, escrita tamén por Eduardo Vázquez, é a última deste estilo da cal conservo algunha referencia.

En Galicia non se producían series, pero tivemos algunhas figuras, se non exactamente na liña de Pepe Iglesias,  narradores cun certo aquel humorístico que os fixo populares. Que eu saiba foi o primeiro deles “Joselín”, José Rodríguez de Vicente, de quen lembro especialmente o conto “O Tabeirón”, polo feito de haber na aldea natal da miña nai un personaxe coñecido por ese nome, Andrés o Tabeirón, de quen chegaron a min algunhas anécdotas que vou permitirme non contar.

Pero neste apartado de humoristas radiofónicos tal vez quen acadou máis sona foi o coruñés de Monte Alto Carlos O Xestal, outra das figuras triunfadoras no “Desfile de Estrellas”, o programa de Emilio Díaz e Marina de la Peña en Radio Nacional de España.

E aquí dou outra volta atrás para intentar remediar unha omisión cometida a semana pasada ó non citar á orquestra “Los Españoles” e a súa figura, Marcelino López Chas, “Candelas”, músico multifacético, cantante, batería, trompeta e violín do conxunto con interpretacións inesquecibles como “Mambo en España” . A “Candelas”, natural de Abegondo, tamén o coñecín aquí en Monte Alto nos seus últimos tempos, a principios dos anos noventa, xa retirado da música por un cancro de gorxa que acabaría coa súa vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario