Intelectuais e artistas españois por Montevideo
O Curmán de Undochán
Para que non digades que me paso
mirando para o embigo, ben que sexa o embigo colectivo, hoxe vouvos levar nunha
rauda viaxe polos persoeiros españois, fora os galegos, que moraron en
Montevideo, máis ou menos tempo, deixando a sua pegada e levando con eles o
regusto da vida amábel que aquí, maiormente exiliados, puderon gozar. (Outros
houbo –p.e., Xirgu, Mora Guarnido…- que acabaron se radicando no país e, por
tanto, non serán traídos a estas incompletas páxinas).Iparraguirre en Gernika
O máis antigo que nos aflora é o músico, poeta e aventureiro basco José Ma. de Iparraguirre (Urretxu, Gipuzkoa, 1820-1881). M. Santos Pírez dános miúda información sobre o autor do Gernikako Arbola (1853), que veu dar, recén casado en B. Aires (1859), ao departamento de Soriano, canda o seu curmán o gran terratenente Domingo Ordoñana Iparraguirre, despóis de varios exilios provocados pola sua condición de carlista. Desde ahí ata 1877 morou en diferentes lugares, traballando no que podía para manter unha familia de oito fillos… o cal non foi óbice para que voltase daquela a Euzkadi, so pretexto de loitar polos fueros… deixando nestas terras muller e prole!
Outra de novelesca vida que pasou polo país, no período 1923-1933, foi Mercedes Pinto (La Laguna-Tenerife, 1883-1976), data aquela na que debéu exiliarse a raíz dunha sua conferencia en Madrid sobre o divorcio, escollendo o Uruguai, onde desenvolveu unha intensísima e revulsiva actividade pública. É bó citar algo que escribiu sobre nós (traducimos): “A emigración máis númerosa aquí é a galega, sendo a sua rexión a que con máis forza se arraíza no corazón dos seus fillos: o galego é o máis patriota a respecto da sua pequena patria, o máis namorado da sua rexión”.
Algo máis tarde, a estadía de José Bergamín en Montevideo (Madrid, 1895-1983) xa é lexendaria: 1945 a 1954 son anos de froitosa creación deste intelectual de primeira fila. (O noso Roxelio Martínez Barreiro (de Cesantes-Redondela, 1923-2014), a quen alguén chamou “o último republicano español do Uruguai”, autodidacta como era, compilou e editou boa parte dos escritos uruguaios de Pinto e Bergamín).
Cadrando os últimos anos con el, mais chegado moito antes, residíu aquí o escultor Pablo Serrano (Crivillén-Teruel, 1908-1985), que pasou, entre B. Aires e Montevideo, 25 anos da sua vida (1929-1955), sendo multipremiado e con obra en varios países de América, e numerosa aquí, onde podemos citar, entre outros, as monumentais portas en caoba do Palacio de la Luz.
E como obviar a Rafael Alberti quen, con Mª Teresa León e a filla Aitana, morou en Punta del Este, veráns da década do 1940, que esta lembra con nostalxia da sua nenez.
Editor importante foi
Benito Milla (Villena-Alacant, 1918-1987, quen residiu en Montevideo, outro
exiliado, no período 1951-1967, ao promediar o cal (1958) fundou, coa poeta
Nancy Bacelo, a Feria Nacional de Libros
y Grabados, ainda hoxe actuante.Pablo Serrano diante do seu Antonio Machado
Máis modernamente, compre citarmos a José Estruch (Alacant, 1916-1990), o ben coñecido director e docente teatral, fillo do cónsul uruguaio naquela cidade, con grande actividade na sua residencia entre 1950 e 1968.
Finalmente fechamos esta relación co cidadán legal uruguaio Fernando Aínsa (Palma de Mallorca, 1937-2019), ensaísta importante, chegado adolescente coa sua exiliada familia (1951) e novamente exiliado da ditadura uruguaia (1973) a Europa, para non voltar máis: a Academia Nacional de Letras, da que era corresponsal, dedícalle a parte final da sua recente revista.
Que pléiade de figuras deambulando por aquel Montevideo, nonsí?
Nota humorística: “Chamarse un país República Oriental del Uruguay (oriental é unha referencia, Uruguai un río, república un xénero) é tanto como se, esvaída a palabra España, esa nación pasase a coñecerse como Reino Meridional del Pirineo” (Manuel Flores Mora, uruguaio).
Ningún comentario:
Publicar un comentario