mércores, 1 de xullo de 2020

ESTRELAS DO “DESFILE DE ESTRELLAS”

Por Pepe de Rocaforte

Proseguindo co periplo polos tempos da radio dos anos cincuenta e sesenta do século pasado, tócalle a vez ós seriais radiofónicos, exitosos precursores das series televisivas. Pero antes vou volver á música e, dentro da música, a algunhas das figuras nacidas no popular “Desfile de estrellas” de Emilio Díaz en Radio Nacional de España na Coruña.

Matilde “La Galleguita” foi unha delas. Nacida en Carballo, despois de triunfar no “Desfile de Estrellas” coas súas interpretacións de cante flamenco, desprazaríase a Barcelona, onde se asentaría profesionalmente. Cantou cos grandes da copla: Juanito Valderrama, Pepe Marchena ou Manolo El Malagueño. Un dos seus éxitos, ademais de “Ay mi perro”, foi “Morriña”, composta polo mestre Eduardo Diehl.

Tamén figura importante foi o coruñés José Luís Naveira, que se daría a coñecer cunha canción traída a España polo arxentino de ascendencia galega Alberto Cortez, “Las Palmeras”. Aínda que non sexa a mellor versión, pódea escoitar aquí . Pero se salta os tres minutos e trinta segundos iniciais, cunha gravación que non ten nada que ver, pode oír outra versión de “Las Palmeras”, seguida de “Castillos en la arena”.

Naveira foi artista invitado no Festival de Benidorm e durante un tempo tamén actuou na televisión portuguesa. Eu coñecino cando veu como apoderado para unha oficina do Banco Hispano Americano no Monte Alto e desde entón, mediados dos noventa, ata a súa morte, mantivemos unha boa amizade. Simpático, amable, sinxelo, chegoulle a morte saboreando aínda as impresións dunha recente viaxe ó Xapón, onde atopara un mundo fascinante co cal, dicíame, nunca chegara nin a soñar.

Logo está a super-figura musical daqueles tempos: Pucho Boedo. Gardo un recordo imborrable da primeira vez que o oín cantar, sendo eu neno, na miña vila natal. Viña coa orquestra “Los Trovadores”, na cal alternaba con outro vocalista cuxo nome paréceme que era Alvarito. Foi a primeira vez que escoitei a súa voz interpretando “Sahara”  e non a esquecín nunca máis.

Logo, a principios dos anos sesenta, traballaba eu en Ferrol, a onde ía de luns a sábado, e cando saía da Coruña os luns ás oito da mañá no “Ideal Gallego”, escoitaba na radio do autobús unha emisora, paréceme que Radio Coruña, que sempre poñía a aquela hora “Galicia, terranosa”, de Pucho Boedo e os Tamara, primeira canción de música lixeira en galego que oín. Outro fito na memoria.

O modo en que coñecín a Pucho Boedo foi curioso. Debeu ser arredor de mil novecentos oitenta e catro, era daquela director de Radio Nacional de España na Coruña Manuel Lombao (un recordo cariñoso para el e outro para Tino Cabanas, a quen tampouco esquezo). Pois ben, un día Manolo Lombao convócanos a Pucho Boedo e a min. ¿Con que motivo? Non se asombren: para participar nunha mesa redonda sobre enfermidades renais (padeciámolas os dous). E así puiden falar por primeira e única vez co meu ídolo musical galego, que non tardaría un par de anos en morrer.

Chegado aquí miro para arriba e vexo o título que lle pensaba poñer a este comentario de hoxe, “A época dourada das radio novelas”. Vaites, vaites, pois saíume boa. Terei que cambiar o título e deixar para dentro dunha semana o falar, se non xurde algún outro tema dilatorio, de Sautier Casaseca, Doroteo Martí e outras figuras do xénero, sen esquecer, se queda sitio, os humoristas como Joselín ou Pepe Iglesias “El Zorro”.


2 comentarios:

  1. Mi padre canto en el desfile de estrellas en a Coruña como podría buscarlo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non sei se pedindo información á emisora, por se gardan unha relación de participantes; pero non sei, a verdade é que non teño nin idea. Eu coñezo unha filla de Emilio Díaz, o presentador do programa, pero non ten idea tampouco.

      Eliminar