Por Far O'McKwoo
De como o disfrace premeditado de Ulises lle permite pasar desapercibido.
Despois de que Telémaco marchou para a casa, Ulises aínda agardou tratando con Eumeo deses conflitivos asuntos nos que Antínoo quere involucrar ós seus, xa arrastrando a Penélope, atada pola necesidade dun posto laboral, para convertela en cómplice dos seus negocios, xa ese outro que lle quixeron provocar a seu pai, involucrándoo en actividades delituosas. Eumeo tamén lle conta das artimañas que levaron a cabo para prever conflitos, desde o uso de gravadoras a avisar de calquera anomalía á Garda Civil antes de tocar nada. Mais aínda así, ninguén está libre de caer nalgunha celada e cada día conviven coa desconfianza. Se na ocasión aquela en que Eumeo descubriu a droga agochada na súa batea a atopase antes a Garda Civil, xa por recibir unha denuncia, unha acusación ou polo mesmo seguimento daquel que a fondeou, Laertes ía telo moi difícil.
-E se daquela non lles saíu ben pode saírlles noutra ocasión. Esa xente non se rende doadamente.Ulises e Eumeo concordan en que xa non se trata de atallar esas actividades, senón de evitalas, e para iso nada hai mellor que acercarse á colla de Antínoo e ver que poden facer. Claro que tampouco se poden acercar dicindo claramente “Aquí estou eu”, que esa xente non admite na súa banda a todo o que lle chega, polo que terá que agochar a súa identidade. Tal vez disfrazándose de ionqui, cun impermeable vello que lle prestou o empregado, e co que Ulises decide pasar polos bares do porto co fin de tomar contacto con aqueles que interfiren na súa xente.
Así, decidido a probar sorte co aspecto dun desleixado moinante grazas ó chuvasqueiro roto e sucio, entrou na taberna onde Antínoo e os seus amigos latricaban, causando certa estrañeza entre os seareiros que, véndoo con tan inadecuada vestimenta en pleno verán, acabaron por tomalo polo que el pretende aparentar, un mendigo ou un drogadicto do que han de apartar como se aparta dun apestado. Non importa, el nota esa discriminación, pero tamén sabe que, así como o forasteiro nunca é acollido polas boas, tamén o pobre é motivo de mofa aquí e en calquera outra parte do mundo, agora ou hai tres mil anos. Sabe que ha de gañar a confianza destes con paciencia, e el, neste caso, ademais dun forasteiro tamén é un diferente. A súa indumentaria, a súa maneira de pedir un vaso de leite morno con dúas madalenas, na hora da tarde en que os viños, cervexas e combinados se estenden pola barra, axuda a que o tomen por un desarraigado sen encaixe naquel grupo de persoas.
O camareiro sérvelle a consumición pedida e ó momento, obviando esa norma de cortesía que aconsella agardar a que o cliente pida a conta, xa lle di o custo da mesma. E aumenta a curiosidade dos presentes cando, sen sacar o impermeable nin as gafas de sol, bota man do moedeiro para contar o miúdo sobre o mesmo mostrador.
Ese feito, tan simple e inocente, sumado á pinta e á consumición pedida, fai que aparezan sinais vexatorias, preguntas indirectas e críticas aguilloantes tal a de onde estendería a man pedichona para gañar a cea.
Ulises entende que é por el pero non fai caso. Molla a madalena no leite morno e tómaa sen présas, sen portar polas bromas que se fan ás súas costas, ata que alguén ó seu carón lle pregunta de onde é, e el, sen negarlle o sorriso, responde que do mundo, e entón desátanse as gargalladas. Non fixo falta máis ca unha resposta evasiva para atraer o interese de toda a concorrencia, un interese que máis aló de querer saber da súa orixe trata de poñelo a proba, ou obrigalo a que dalgún xeito se manifeste. Pero como se mantén en silencio, sen intervir nin amosar maior interese ou preocupación polas chanzas que nacen á súa conta, nun dos intres en que ía meter un anaco de madalena ensopada na boca, un dos máis próximos provoca un pequeno empuxón que lle fai caer o empapado anaco de doce dentro do vaso salpicando o leite a fóra do mesmo. Mais el, contrariando as intencións daqueles, chama ó camareiro, pídelle unha culler, e recolle a sopa para tomala sen portar polas risas dos demais. E aínda fai a gracia de sorbela ruidosamente.
Nese intre, e por ese feito, Ulises decátase de como pode facer unha aproximación a calquera daqueles que el desexe sen levantar sospeitas sobre a súa identidade, simplemente facéndose pasar polo que todos cren que é: por un mendigo adicto á droga. E ó mesmo que lle tirou a madalena, unha vez sorbida a última gota de leite, faille sinais cos dedos sobre a boca pedíndolle un pito.
(Próximo capítulo: Telémaco na casa).
Ningún comentario:
Publicar un comentario