Por Far O'McKwoo
Ulises xustifícase con Telémaco
Ó ficar sos, o adolescente de mirada atenta, co corazón acelerado, non pregunta nada. Escoita pero non atende. E Ulises, que aínda non coñece a identidade de Telémaco, a pesar das indirectas que lle botou Eumeo, procura a conversa interesándose por como lle vai na escola e por ese traballo que ten que facer, cando, canso de contestar con xestos e monosílabos, o rapaz mírao á cara e pregunta sen rodeos, “¿Es o fillo de Laertes?” a cuxa afirmación Ulises responde con outra pregunta “¿E logo ti quen vés sendo?”.
-Eu tamén teño orellas de Allo.
Ulises, nun primeiro momento non entendeu a resposta, pero vai avermellando, ó tempo que se decata do significado daquela resposta, e de súpeto nota as inevitábeis bágoas escorregándolle pola meixela; e enxúgaas abrazándose ó cativo: “Meu fillo”.
Míranse e abrázanse de novo. E sentan. E cóllense as mans, porque só con ese contacto se senten identificados. Mais agora que saben quen son non saben que dicirse. Tantas veces imaxinaron este momento, tantas veces idearon conversas e agora fuxíronlles as palabras. Só se miran. E Eumeo, que os observa algo arredado, fica agardando.
Ulises descúlpase por tantos anos de ausencia e xustifica as razóns que o levaron a marchar, e como os fados do infortunio o arredaron cada vez máis da rota do retorno. Dille que só andando o tempo se sabe se unha decisión foi boa ou mala e naquel intre el tiña que intentar unha solución para a familia que ía fundar. Non podía quedar de brazos cruzados, a agardar, ou arrepentiríase toda a vida por non intentalo. O rapaz déixao xustificarse, pero censúralle que tanto silencio converteuno nun orfo sen orixe e a súa nai nunha viúva sen finado, cargada de descontento e desesperanza, que por non ter non ten no salón da casa nin un retrato de ausente como hai en todas as casas de emigrantes para lembrar ós que non están, e só aló, nun vello álbum de fotos agochado debaixo de dúas mantas, hai unha foto diminuta. O rapaz aínda lle recrimina que non tivese nin unha tarxeta dicindo que existía. Ulises non ten desculpa. Aínda querendo xustificar a súa ausencia coas vicisitudes da súa andaina, culpando á falta de logros o feito de ir adiando, día tras día o regreso, ata converterse nun apátrida e nun descastado. Si, posiblemente non debera terse ido, pero, repite, se non o fixera estaría arrepentido por non intentalo, como agora o está por telo feito.
-As decisións que tomamos só se poden xulgar desde ese intre, segundo as necesidades que nese momento tiñamos. Só –repite- sabemos do acertado ou non do camiño tomado despois de tomado e andado, este camiño que se fai con tempo; e o tempo non ten volta atrás. Agora só queda tratar de endereitalo en adiante.
Descúlpase o pai intentando pórlle punto final a tanta soidade. E das desculpas pasa ás preguntas que abrollan sen orde, querendo nun instante recuperar tantos anos de desmemoria, ata que Telémaco lle fala da soidade de súa nai e do emprego que mantén por necesidade pero que non a satisfai. “En Ítaca non temos fábricas para empregar a unha licenciada, e o que hai hai que aproveitalo”. Telémaco desexa levar inmediatamente a Ulises da man e presentarse diante de Penélope para pechar ese capítulo escuro dunha vez. O rapaz como é rapaz pensa que tantos anos de ausencia se liquidarían cunha chegada á porta dicindo “aquí estou de novo”, pero Ulises non está seguro de como vai ser recibido, porque este perdón non se pide cunha simple palabra, o perdón que el necesita non se resolve cun bico ou cun galano; e daquela pídelle calma, que lle axude a preparar o reencontro e a ganar a confianza perdida, a argallar a maneira de arredar ós pretendentes que disputan o amor e as virtudes de Penélope antes de presentarse. Antes ten que saber con quen compite e por que; e aínda lle recomenda a Telémaco que garde o secreto da súa presencia en Ítaca, e entón Eumeo, que permanecía á escoita aconsella:
-Primeiro hai que apartar a eses calotes das vosas vidas, e demostrar que queredes pór orde na vosa casa, senón nunca atoparedes acougo nin seredes donos do voso.
E tras comprobar que é atendido, Eumeo fala sen rodeos dos intentos de Alcínoo por comprometer a Laertes no asunto do narcotráfico e do mal que fan os que estenden a gadoupa dos cartos mal gañados por todas as capas da sociedade.
-Hai que poñerlles freo ou non sei canto tempo aguantaremos. –Conclúe Eumeo, e Ulises lembra que aínda garda nalgún lugar da súa carteira o enderezo de Hermes, quen se ofrecera para botarlle unha man sempre que o necesitase. E neste caso, a axuda pode ser mutua.
(Próximo capítulo: De como o disfrace premeditado de Ulises lle permite pasar desapercibido).
Ningún comentario:
Publicar un comentario