domingo, 16 de marzo de 2014

Pináculos con forma de flor



            E como invocación á vida e ó medre do froito, non podían faltar os pináculos con forma de froita, tales as espigas que xa temos amosado neste caderno baixo o epígrafe de Un pináculo nun hórreo de Rianxo, ou aqueles que amosan ás claras unha flor, e incluso, por conxunción entre pináculo con forma fálica e a flor, o que podemos interpretar como o estilo dunha flor. Á fin estase amosando o elemento de onde vai saír o froito.
     E tal vez unha das primeiras figuras que tomou a forma dunha vara vertical ou dun pináculo para invocar a prosperidade, fose a figura do deus da fertilidade Priapo, o do falo erecto.

UM APELIDO. UM NOME

.
                                   Por UM-DO-CHAO.
CARVALHO/CARBALLO.

O apelido.

     
Juan Topete Carballo
      
Como no caso de Pereira (esta é a segunda árvore originando apelido que tratamos), Carballo é comum ao Norte e ao Sul do Minho.
            De sempre se nos mostrou o vocábulo como a genuína representaçom dum divórcio absurdo entre dous países, melhor, entre dous jeitos de escrevermos duas variantes dumha mesma língua, a que os especialistas dérom em chamar galego-português: esse idioma iberorromano ocidental que nunca os portugueses admitirám como galego nem os galegos como português (eivas das políticas seculares!)… pois que absurdo é grafar um único vocábulo em duas formas: Carvalho e Carballo (como os astures, riçando o riço, fam Carbayu)… máis alá de que se pronúncie de diversas maneiras numha e noutra área.
            Igual que se lhe chama pino ao pinheiro tido por forâneo (ai, esses “rumores”!), e maínço ao milho americano… sei que cumpre disterar entre o rebolo (palavra latina) e o carvalho (vocábulo prerromano),  sendo aquele o equiparável ao roble castelhano e este ao carbajo leonês, seu deudo. (Rebolo –coa variante leonesa Rebollo- déu apelidos –antes topónimos- tales Reboledo e Reboredo ou Reboreda).
Léon Carvalho
            O conto é que poucos elementos da natureza derom tantíssimos apelativos, se considerarmos os seus múltiplos derivados, tanto toponímicos (lugares) como onomatológicos (apelidos saídos daqueles), assi: o diminutivo Carvalhinho, a variante Carvalha e os abundanciais Carvalhada, Carvalheira, Carvalhedo e Carvalheda, Carvalhido ou Carvalhal e o plural Carvalhás, como Carvalhude, etc.
            Mesmo dá-se com este nome nalgumhas áreas extra-luso-galaicas (estou me referindo às Américas hispano-falantes) o fenómeno do estiramento ou anaptixis, assi o apelido Caraballo –apenas existente entre nós- (como os apelidos Soboredo ou Saborido –este na própria Galiza- o som de Sobredo e Sobrido, val dizer, conjuntos de sobreiras).

As personagens.

Andrés Mejuto Carvallo
            Como sempre, damos-lhe preferência aos indivíduos nom galegos.

1 Juan Topete CARBALLO (1821-1885), espanhol de México, filho dumha Carballo Romay (de induvitável estirpe galega), destacado marinho, militar e político de controvertida carreira.
2 Léon CARVALHO (1825-1897), francês (daí a acentuaçom de Léon) da ilha Maurício, logo assinando Carvaille, cantante e logo importante empresário deste espectáculo nos teatros parisinos, com fortunas perdidas e recuperadas.

3 Andrés Mejuto CARVALLO (1909-1991), pacense, actor que muitos lembramos no teatro, na televissom e mais no cinema… como que nascido em Olivença, mais que provável descendente de portugueses.

.-.-.-.-.-.

Libro colectivo

venres, 14 de marzo de 2014

MÚSICOS NA RÚA


Por Pepe de Rocaforte

            Anúnciase a primavera e nos parques e xardíns urbanos cantan os melros e outros variados paxariños.  Polas cidades do mundo adiante os músicos de rúa interpretan as súas cancións.


-1 – En Moscú, diante da Galería Tretyakov, uns mozos interpretan cancións americanas de rock.


-2- En Erice, ó noroeste de Sicilia, un acordeonista interpreta música folclórica acompañado de vez en cando polo rinchar do seu cabalo.


-3- Unha parella que podería ser arrincada de calquera estampa das nosas feiras de aínda non hai tantos anos fai un dúo de acordeón – guitarra nas rúas de Catania.


-4- En Santiago tres mozas que poderíamos considerar estudiantes do Conservatorio interpretan música clásica na rúa do Vilar.



            Anúnciase a primavera, xa digo. ¿Chegará tamén á Coruña a anunciada prohibición de músicos polas rúas da cidade. E de ser así ¿prohibirá tamén o concello o canto dos paxaros en parques e xardíns urbanos?

Pináculo con simboloxía xeométrica


            Os pináculos que vemos teñen múltiples formas e engadidos decorativos, como neste pozo de Foz, coroado con rosáceas, esas figuras xeométricas que, partindo dun punto, pode estenderse ata o infinito, no que se deu en identificar como unha representación esquemática do universo, e incluso cunha representación medieval de Cristo como centro do universo.
            
       Con esta mesma interpretación abunda as figuras xeométricas no románico. Á fin non é máis ca unha representación da rotacións dos ciclos da vida e unha semellanza esquemática coas flores, coa mesma rosa de que deriva o nome de rosácea e polo tanto, en liñas xerais, unha invocación á vida. 
     E como unha invocación á vida é un ramo de flores ou, no seu lugar pináculo con forma de flor 



QUE DURO É ESCRIBIR SOBRE OS MÁRMORES DE GARCILASO

Por Pura Tejelo

 Ilustración realizada en técnica mixta por Lola Fernández

Que duro é escribir sobre os mármores
de Garcilaso.
Sobre as esmeraldas, os cisnes
as metralletas,  as cunetas,
sobre as camas revoltas dos burdeis
sobre as musas e as princesas.
Sobre as murallas e os desertos
os petrís grises das grandes urbes
sobre a rosa.

Sobre os labios dun deus.



xoves, 13 de marzo de 2014

Pináculos no Piornedo

Antes de que os paisanos soubesen que aquelas pedras que aparecían nas mámoas e nos castros, pulidas con forma de machada unhas e outras lascadas con tal forma foron algunha vez ferramentas de traballo en épocas do neolítico, eran recollidas para poñer encima das casas co fin de que estas apartasen os raios da facenda.
            O uso das ceraunias ou Pedras do raio (interpretadas como pedras de orixe divino) foron usadas con tal función protectora en moitas culturas de todos os tempos, e do seu emprego como tales temos referencias en autores como Isidoro de Sevilla e Plinio o Vello. En Europa foi común o seu uso ata ben avanzado o século XVIII, e menos común pero como protector na montaña galega ata non hai máis de corenta ou cincuenta anos.

            Que alguén, ademais, pensase que eran a representación dunha divindade protectora non é raro, teñamos en conta que a deusa Cibeles, divindade da fertilidade, representábase por medio dunha pedra negra que se custodiaba no seu templo. Que os paisanos que poñían as ceraunias pasasen logo a poñer caras, entra dentro de toda lóxica. Nós vimos na illa de Madeira, colonizada a partir do século XV, rostros de persoa e pombas feitos en cerámica colocados nas catro esquinas do tellado que, segundo os paisanos, simbolizaban o rostro de Cristo ou o Espírito Santo, aí colocados para protexer a vivenda. Así pois, que logo, os paisanos, cando non había tales pedras megalíticas puxese a representación dalgún deus ou deusa, xa con rostro (a imaxe e semellanza de quen o creou) ou xa con forma dalgún atributo que o identificase, tampouco tiña porque ser raro.
            Fáltanos saber se estes elementos eran colocados contra os raios en exclusividade ou cumprían unha función de protección máis ampla, contra o mal de ollo. 
      E así como hai figuras tamén pode haber nos pináculos unha simboloxía xeométrica

Pináculos na Mariña lucense

                       



            Resaltan nos tellados das casas do norte da provincia de Lugo, estes pináculos que bordean o perímetro das cubertas, tanto en hórreos como en casas ou pombais. A verdade é que non son exclusivos desta bisbarra do país, pois tamén os atopamos noutras áreas xeográficas, como elementos de protección, pero aquí teñen unha disposición peculiar que os fai únicos.


            Pola posición, está claro que estes elementos axudan a manter seguras as lousas para que non as leve o vento, pero asemade, e tendo en conta que para tal función bastaba con que lle botasen un pouco de masa (de cemento ou de barro) ou que puxesen unha simple pedra, a figura de pináculo piramidal obríganos a miralo tamén deste unha perspectiva animista. Esa preocupación pola forma estética do elemento lévanos a lembrar a semellanza cos pináculos dos hórreos, colocados a modo de símbolo apotropaico contra o mal de ollo, protector do que baixo el se acubilla e asemade unha invocación á multiplicación da semente, que ben pode ser a representación esquemática dunha divindade.
     Tamén hai pináculos con rostros humanos.

Anxos, anxiños e anxelotes

                                  
Os anxiños do ceo sempre están metidos polo medio nas máis incribles situacións. Atopámolos erguendo á Virxe, agochados entre nubes, tocando un sen fin de instrumentos e ata portando os símbolos da Paixón, desde o martelo e os cravos á coroa ou as tenaces, dándolle un toque de inocencia infantil ás máis duras escenas.

Sen embargo, as liberdades que se toman os artistas, ás veces, deixan moito que desexar e confunden o simpático co irrespectuoso, ata o extremo de que ás veces penso que deben ser as figuras máis mal tratadas pola iconografía. E así o vemos en Boiro, neste cruceiro que se ergue desde o río ata a varanda do viaducto da estrada que vai a Ribeira, xusto despois de pasar o cruce para Cures e Noia, de maneira que ó conductor quédalle a imaxe destas repoludas e anxelicais nádegas á altura do volante, como se o Pai Eterno non tivese un anaco de trapo para tapar as vergoñas dos seus anxiños.

luns, 10 de marzo de 2014

O froito farturento

           
        
            Representacións de froitos como o que se ve nesta foto coroan os tellados dos hórreos e as entradas das casa labregas, ocupando o lugar que noutras ocasións ocupan os pináculos, pero igual ca aqueles, tamén estes gardan a súa significación fálica de invocación á fartura, a que o gran se multiplique, que a semente recollida nesa froita faga verdade a mensaxe evanxélica multiplicando cento por un.
            Así é que si xa no románico as piñas formaban parte das iconografías, xa soas ou servindo de comida a todo tipo de animais, tratando de ensinar ou catequizar ós parroquiáns, con esa mensaxe de que dun gran van saír centos e miles, esa figura simbólica chegou ata nós para coroar as propiedades labregas como símbolo apotropaico contra o mal agoiro.

            Por certo, que nada ten que ver no que a significado simbólico se refire coa coñecida “casa da piña”, que Lord Dunmore, un exgobernador de Virxinia, mandou construír en Escocia cando volveu das terras de ultramar no ano 1777, ó xeito dos mariñeiros virxinianos, que acostumaban a poñer unha piña nas portas das súas casas para indicar que volveran do mar. Máis el chamou a un arquitecto para que lle fixese esa cúpula de once metros de alto con forma de piña. 

xoves, 6 de marzo de 2014

MONUMENTOS REPETIDOS


Por Pepe de Rocaforte
 
National Gallery de Ottawa
           Estáballe botando unha ollada a unhas fotografías de Canadá, cando nunha reproducción da National Gallery de Ottawa vin en primeiro plano unha enorme araña que axiña se me fixo coñecida. Busquei fotos do Guggenheim de Bilbao e alí estaba a irmá xemelga da araña canadense. Logo lin que ambas esculturas se chamaban “Mamam” e a súa autora era Louise Bour­geois. Pero non só eso. A mesma araña está repetida polo menos en Londres, Zurich e Buenos Aires.
Guerreiro, de Fernando Botero
            Todo eso levoume a pensar que nA Coruña tamén contamos con algunhas esculturas repetidas noutros lugares do mundo. A que máis, o “Guerreiro” de Fernando Botero, diante da “Do­mus”. Outro guerreiro idéntico atópase en Pietrasanta (Italia), cidade á que lle foi doado polo autor. E outro máis, supoño que tamén doazón, está en Medellín (Colombia).
            Da escultura de “Breogán”, obra do ourensán Xosé Cid, no inicio da rampla de subida para a Torre de Hércules, hai unha réplica case exacta á entrada do pazo de Vilamarín, en Ourense, o “Guerreiro gardián”, do mesmo autor.
 
Breogán, de Xosé Cid
           E na Praza da Fariña, ou de Azcárraga, na Cidade Vella, temos unha fermosa figura feminina coroando a chamada “Fonte do Desexo”. Hai anos lin, non podo lembrar onde, que había unha fonte idéntica nunha cidade francesa da
cal non podo lem­brar o nome. Bus­quei información, pero a única que puiden sacar, no pé da estatua coruñesa, foi a inscrición: “Dugel Mtre. de forges - París”.
Fonte do Desexo, nA Coruña
            J.J. Dugel e Fillos, de París, foi unha importante fundición de fins do século XIX e comenzos do XX, pero na información sobre eles non atopei, ou non vin, ningún dato da fonte coruñesa nin da súa reproducción francesa. Por curiosidade ¿poderíame alguén axudar a localizar a cidade de Francia onde se ubica esa outra fonte?


HILDA

                                                                          por Pura Tejelo

 

Viñera dun lugar de resonancias xermánicas,

a súa independencia arrincaba
das estreitas cadeiras até a gorxa  conmovida e cálida,
estalando  no inesperado pelo louro
con reflexos de centeo e landras,
de pan antigo.


Unha noite de San Xoán ,
danzou
coa música dun violín áspero, un sopro pimitivo e flambeante,
a escueta camiseta  vestía a penumbra  dun fléxo escénico.
Posuída, volteou, deu saltos,
ao remate, quedou tumbada . Exhausta. Remol de brasa.
O violín seguíu un tempo soando, intimidándome como o roce
dos élitros dun grilo arrebatado.

Aínda o sinto os días de frío que anuncian neve
como se baixase do Rhin  un xélido manto  de aves  emigrando en harpa
e outro roce de patas de aramio e máxico  rabuñase o vento.

Xuntas percorrimos anos xuvenís a contravento e bandeira
buscando  un mundo sen cárceres, intermediarios e ataduras.
Un día atopeina apoiada no portal, levemente alada.
-Hilda, que fas co teu aparato de música ?.

Gardeino.
No faio da miña casa  late, en remol, entre outros enseres
cunha cinta de Allan Stivel e música chilena,
bailando un soño de humidade e anarquía.
Souben dela moitos anos despois
marchara a México  buscanso  a lonxanía  extrema das aves libres.

Tiña  no seu perfil de cóndor
incisivo e de
                       batalla
                                              un festín  de cándidos marmelos.


mércores, 5 de marzo de 2014

O navío de Isis

                                         
            Por Rosa Benigna Vizcaya
  
          O día cinco de marzo celebrábase na antigüidade, en augas do Exeo, unha festa para honrar a Isis, na que se sacaba en procesión a imaxe desta deusa de orixe exipcia, desde o seu templo ata o porto, para ofrecerlle unha nave que se deixaba á deriva e propiciaría as boas singraduras, precisamente nestas datas, en que comezaba o período anual de navegacións.
            Coñecemos con detalle a procesión gracias á obra de Lucio Apuleio, “As metamorfoses ou os Asno de ouro”. Aínda que toda ela moi interesante, pola proximidade co Entroido e o Carnaval ímonos centrar nun grupo que enchía as rúas o día da festa, formado por unha mascarada na que tiñan cabida diferentes figuras, así aparecían desde persoas disfrazadas de senador, de filósofo, de pescador, de cazador, un home con roupas, perruca e zapatos de muller e ata imitando o andar feminino, unha osa sentada nunha cadeira e ataviada como unha respectable matrona, unha mona vestida de Ganimedes (un mozo do que se namorara Xúpiter) e outros oficios, actividades e profesións. Semella un grupo de disfrazados do noso Carnaval: no lugar do filósofo podía ir un famoso presentador da televisión, no do senador calquera político, e para algo máis indeterminado usaríase o inefable buzo azul.
            Cóntanos Apuleio que entre estes xogos populares (como el os define) viña a solemne procesión da deusa protectora, con mozas que ciscaban pétalos e perfumes por onde ía pasar a comitiva sagrada, mulleres que cantaban ou recitaban textos sagrados, con roupas alegres e espellos ás costas para que a deusa vise a quen viña detrás dela, a continuación os sacerdotes vestidos de branco e rapados, portando diversas reliquias e facendo sonar varios instrumentos musicais, os fieis portaban candeas, cirios e teas acesas, un dos sacerdotes levaba un recipiente con forma de peito feminino do que saía leite e outro portaba sobre as súas costas a imaxe dunha vaca como símbolo de fertilidade, pois a mesma deusa era considerada unha das nais da terra.
            Unha vez concluída a procesión, e botado o navío, cando este se perdía no horizonte regresaban ó tempo, onde os fieis bicaban os pés da imaxe da deusa.


martes, 4 de marzo de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                   Por UM-DO-CHAO.
CERVANTES… SAAVEDRA.
O apelido.
            Bem se verá que a razom de juntarmos estes dous apelidos obedece, simplesmente, a vê-los imortalizados naquel escritor de cujo nome e personagem si que queremos lembrar-nos… umha volta aínda, e fazemo-lo hoje celebrando que, como é universalmente sabido, ambos nomes de família som originados no nosso país… e ambos os dous de procedência toponímica.
     
Monumento a Hernandarias en Bos Aires
       Tem-se tentado fazer derivar Cervantes de Servández, val dizer, atribuir-lhe natureza patronímica; seria um filho de Servando: nom parece subster-se tal rebuscada hipótese (sem citarmos a passagem de d a t, que nom seria difícil), mesmo se observarmos a nom existência, que se saiba, de tal patronímico na que seria a sua susodita forma canónica… U-los outros Servández ao longo da geografia peninsular?
            Ora, nom está de mais sinalar que tal topónimo, nom só temo-lo na Galiza mas tamém o hai na Sanábria samorana (com toda a raíz galega que esta, como as restantes zonas limítrofes nossas a conformarem a Galiza irredenta, poda ter, e de feito tem). Os escasos Cervantes galegos da actualidade, por certo, vivem nos concelhos vizinhos de Meira e Pol. Méndez Ferrín, mais umha volta, aventura que esta palavra, originada no latim cervus, a denominar o formoso mamífero astado que todos sabemos, tamém poderia ter identificado, nessa versom, qualquer indivíduo com tal nome, Cervo (como passa com outros animais, engadimos nós: Lobo, Coelho, Tenreiro…), que subsiste hoje em dia, se bem este, com muita probabilidade, provenha do topónimo Cervo. Os poucos que o levam moram exclusivamente em Viveiro.
Cornelio Saavedra
            E Saavedra?  Bó. Este si que nom permite dúvida algumha. Pois que é absolutamente galaico-português. Se o descompormos, veremos como Saa (existente assi, solto), traduzível literalmente ao moderno sala, aludíu, no seu comezo, a umha edificaçom ailhada no campo com ares pacegos, claro antecedente do paço, um exemplo do qual podemos contemplá-lo na ovetense Santa Maria do Naranco, paço antes do que igreja… talvez mais próximo ao que poderia ser um paradeiro de caça… sendo vocábulo de origem germánica.
            Quanto a Vedra (de feito a correcta escrita devera separar-se em Saa Vedra), nom é mais que o arcaísmo latino vétera (dando veterano) da actual velha, assi presente em topónimos e apelidos tales Pontevedra, Eiravedra (Iravedra como apelido) ou Vilavedra (sem que o demos relacionado coa Lavedra corunhesa… se nom é esta umha derivaçom secular de Saavedra/Savedra, apenas convertendo um S num L)(¿). Folga aclarar que Saa e Saavedra som topónimos que derom nascimento ao apelido (curiosamente, o topónimo Vedra nom o vemos como apelido. .
As personagens.
Saciado o Cervantes co autor do Quixote, só traemos alguns persoeiros Saavedra.
1 Hernando Arias de SAAVEDRA (Hernandarias)(1561-1634), asuncenho, primeiro crioulo ostentando cargo político qual foi o de governador de Rio da Prata e o Paraguai, iniciador da liberaçom do indígena, introdutor do gando vacum na Banda Oriental.

2 Cornelio SAAVEDRA (1759-1829), potosino, primeiro presidente da primeira Junta autonomista portenha (25 de Maio de 1810) e militar. Descia de galegos.

luns, 3 de marzo de 2014

A Morena de Laza


Dixéronme que a Morena era unha vaca, pero pórtase coma un touro.
         
Laza está aborrotada de xente. Por todas partes a expectación leva a uns e outros polos camiños do pobo, buscando aquí e aló onde está esa chamada Morena. E aló van cara Cimadavila, un barrio que queda algo arredado do centro, e a onde vai un vamos os demais detrás. E alí a multitude agrúpase arredor duns tipos que portan longos ramallos de toxo, de máis dun metro de longo, ou coleiros de verzas, tamén longos como este servidor nunca outros viu. Noutro lado, un grupo mira as formigas conservadas en capachos, grandes formigas embravecidas polo vinagre con que as encirran os paisanos. Pero da Morena non se sabe nada. Xa os raios de sol alongan as sombras e aquí só hai xente.
Cae o sol. E todos seguen expectantes. E de súpeto, cando o derradeiro raio se agocha tras os montes, para vencer á noite que se aproxíma, aí sae a Morena e todos os veciños e visitantes estoupan nun berro de alegría e temor, de furia e festexo, porque a Morena trae a forza desas vacas que abren a terra e a forza xeradora da vida.

A Morena é unha peza de madeira que simula a cabeza dunha vaca, cos seus cornos, portada por un mozo tapado cunha manta, que corre perseguindo ás mulleres, mentres aqueles que portaban o toxo e os coleiros dirixen ó grupo que corre desenfreadamente diante dela dándolle cos seus longos paos co fin de agrupalos onde lles convén, ou abrir paso cara algún incerto lugar. E ó lado da Morena, os paisanos anímana con palabras que nos lembran que esta celebración é unha celebración da vida, uns dinlle que non se poña nerviosa “que xa vas ó boi”, outro dille “tes a todo o macho para ti”, e mentres tanto ela encorna a canta muller atopa e cos seus cornos trata de erguerlles as saias para deixalas coas vergoñas ó aire. ¿Por que?, ¿porque é unha competencia?, ¿porque para a vaca o sexo é para xerar vida e a muller tamén o emprega para outros menesteres?. Corre a Morena no medio de todos e a catarse é total.

E tras este desenfreado correr chegamos  ó centro da vila, onde unha nube de fariña e formigas caen sobre todos os presentes, benzón de fariña branca como a pureza, mesturada con formigas piconas, como a vida mesma, onde o ben e o mal se mesturan onde todo forma parte da natureza e onde nós, embadurnados de tales elementos sentimos que a vida volve ó mundo e que, anque chova, o inverno xa rematou. 
E daquí imos a visitar Os troteiros de Bande

Os Volantes de Chantada.


Por entre os socalcos do Miño, nas terras de Chantada, circunscritos ás parroquias de Santiago de Arriba, Vilaúxe, San Pedro, Camporramiro, Nogueira e Sariña, aínda saen os Volantes despois da misa do mediodía do domingo a pisar as fincas, “senón non nace o froito”.
Os Volantes distínguense porque ademais da camisa branca e os pantalóns xeralmente en cores amarela e vermella, coas súas campaíñas ou chocas ó cinto, leva sobre a cabeza un pucho feito dun culeiro de carrexar as uvas posto do revés e adornado con múltiples fitas e figuras, entre as que non pode faltar unha boneca e flores, un pucho que o Volante suxeita cun pao e con el vai danzando pola parroquia adiante, pisando as leiras para transmitirlle a fartura que el pregoa, acompañado sempre duns peliqueiros que visten con farrapos e roupas vellas, que apartan á xente do camiño do Volante cuns látigos. E detrás deles virán os Mecos, que son unhas máscaras que representan os oficios. Sen embargo, neste punto, ei lembrar que Frei Martín Sarmiento asocia a palabra Meco con Demo, o cal nos pode facer pensar que nalgún intre, estes Mecos serían representacións do mal que foxen ó paso dos Volantes.
Temos que volver a Laza, porque vai saír A Morena de Laza

O Oso de Salcedo


Sabemos que hai moitos osos simbolizando o renacer da natureza, tanto no norte da península Ibérica como en moitas zonas da Europa central, pero este é o noso Oso.
Sae cada ano, o luns de Entroido, pola tarde, como se espertase dunha longa invernada para anunciar o novo tempo. Sae como un oso de verdade golpeando o peito, berrando para botar fóra a morriña do inverno, con fame e gañas de devorar o mundo. Cando o oso esperta esperta a natureza.
Os paisanos agardan por el nas rúas de Salcedo. Nótase o nerviosismo, porque non se sabe por onde vai vir, agárdase por esta rúa, pero un movemento raro noutra esperta a curiosidade e a atención, ata que de súpeto aí se ven vir os axudantes, os criados, vestidos de saco, roupas feas e feras, ameazando coa súa única presencia. Veñen mirando de lonxe, co seu caldeiro cheo de borralla en auga, buscando as víctimas que lle ofrecerán o Oso.

E detrás dos axudantes vén el, o protagonista, o xefe do clan, o deus da primavera, o símbolo do renacer dos campos e da vida. Como se espertase dun longo sono durante o que a terra estivo morta, inerte. A súa aparición é un grito de alegría “aí vén o Oso”, e unha excitación nerviosa invade a todos os presentes. Toda a tribo, o clan, toda a parroquia, toda a xente, toda persoa é unha posíble víctima das súas gadoupas enzoufadas de borralla e cinza, que os axudantes collen, reducen e lle ofrecen  para que sexan unxidos por el, para que teñan unha longa e próspera andaina o resto do ano. Todos son posibles víctimas, vellos ou novos, homes ou mulleres. Ninguén quere mancharse, pero as caras emborrolladas son caras alegres, porque son os rostros que foron benzoados polo deus da primavera. Todos se resisten, pero a forza da natureza, a forza do Oso que trae o tempo de sol e días medrados non se detén, e fai que os paisanos sucumben baixo as súas gadoupas borralleiras.
Quede claro que o oso de Salcedo non mata, bendice, unxe, sinala coa marca da fartura, porque a cinza e a auga son o abono máis sinxelo de calquera horta.

Estamos pois, diante dunha figura totémica, posiblemente moi anterior a cando os romanos chegaron a Galicia, pero, ¿xa estaba aquí cando eles chegaron ou trouxérona os Suevos no século V da nosa era?. 
E daquí cruzmos cara Chantada, para ver os Volantes

domingo, 2 de marzo de 2014

As Mazcaras de Manzaneda


Foi un sábado de procura, baixando para encontrarnos nestas abas do Invernadoiro, na serra da Queixa, onde nos sorprendeu a longa afluencia de xente, de coches que nun intre invadiron as beirarrúas, e alí aparcamos, curiosos e sorprendidos de tan repentina afluencia de público.
Mesturados coa xente encontramos esta singular figura que os paisanos chaman “Mazcara”, con ese “Z” que pretende identificar e diferenciar á curiosa vestimenta branca con algún mantón de Manila ou sucedáneo, moitos flocos voandeiros, e nos piramidais gorros compostos con esas brillantes e coloridas fitas de Nadal recicladas, flores de plástico e chocas na cintura.


O primeiro que pensamos é que a reciclaxe tamén chegou a Manzaneda, con esas fitas que sobraron dos adornos Nadal e agora adornan a cofia ou mitra ou pucho con que se engalanan, luz e cor sobre a pureza branca da roupa, danza continua, sen careta, a cara descuberta, danzando sempre, continuamente, diante do folión que os acompaña repenicando legoñas e golpeando tambores ata sorprendernos o compasado son.
 
E desde aquí, seguindo os camiños da fartura, imos cara A Pobra do Brollón, para recibir a benzón do Oso de Salcedo