xoves, 13 de marzo de 2014

Anxos, anxiños e anxelotes

                                  
Os anxiños do ceo sempre están metidos polo medio nas máis incribles situacións. Atopámolos erguendo á Virxe, agochados entre nubes, tocando un sen fin de instrumentos e ata portando os símbolos da Paixón, desde o martelo e os cravos á coroa ou as tenaces, dándolle un toque de inocencia infantil ás máis duras escenas.

Sen embargo, as liberdades que se toman os artistas, ás veces, deixan moito que desexar e confunden o simpático co irrespectuoso, ata o extremo de que ás veces penso que deben ser as figuras máis mal tratadas pola iconografía. E así o vemos en Boiro, neste cruceiro que se ergue desde o río ata a varanda do viaducto da estrada que vai a Ribeira, xusto despois de pasar o cruce para Cures e Noia, de maneira que ó conductor quédalle a imaxe destas repoludas e anxelicais nádegas á altura do volante, como se o Pai Eterno non tivese un anaco de trapo para tapar as vergoñas dos seus anxiños.

1 comentario:

  1. Simpática a observación, o cal mostra o humorismo dos nosos mestres. artesans que non duvidan en mesturar os asuntos divinos cos humanos.

    ResponderEliminar