É este un apelido que tiña
o seu solar preto de Santiago, pero como aquí buscamos algún feito diferencial
máis aló da procedencia, lembremos que cando foi a do cerco de Zamora, e aquel
traidor chamado Belido Delfos, se escapuliu por unha das portas da muralla para
facilitarlle a entrada ó inimigo, foi un cabaleiro procedente das terras
santiaguesas, pertencente ós infanzóns de Somoza, quen o viu desde a muralla en
que facía garda (ou estaría xogando ós dados) e avisou ós seus para previlos.
Sen embargo, e a pesar de todas as precaucións tomadas, na batalla habida
morreu o rei don Sancho.luns, 17 de agosto de 2015
Somoza e os dados da sorte
É este un apelido que tiña
o seu solar preto de Santiago, pero como aquí buscamos algún feito diferencial
máis aló da procedencia, lembremos que cando foi a do cerco de Zamora, e aquel
traidor chamado Belido Delfos, se escapuliu por unha das portas da muralla para
facilitarlle a entrada ó inimigo, foi un cabaleiro procedente das terras
santiaguesas, pertencente ós infanzóns de Somoza, quen o viu desde a muralla en
que facía garda (ou estaría xogando ós dados) e avisou ós seus para previlos.
Sen embargo, e a pesar de todas as precaucións tomadas, na batalla habida
morreu o rei don Sancho.sábado, 15 de agosto de 2015
UN VERAO INZADO DE ILLAS
Por
Pepe de Rocaforte
¿A que se deberá este atractivo exercido polas illas sobre nós? ¿Será porque nunha illa se encontra Utopía, o paraíso cerrado onde se atopa a felicidade? ¿Deberáse á esperanza dunha aventura exótica tal vez? ¿Ou porque unha illa pequena, poño por caso, nos produce a impresión dun territorio facilmente abarcable sobre o cal exercer o noso dominio? ¿Será por unha esperanza de soidade e illamento, vala a redundancia, suxerida por un lugar en certo modo inaccesible, rodeado de mar?
Nunha illa situaban os celtas o seu Edén,
Avalon, paraíso cinguido polo mar onde ían os guerreiros mortos en combate, o
mesmo lugar onde Artur debe entregar a espada Escalibor, alí mesmo recibida da
man da Dama do Lago.
Poida que xa alguén teña dado coa explicación
axeitada, non o sei. Henry Michaux, seducido polo seu atractivo, fixo da illa
unha feliz comparanza cunha nube. Para logo rematar con esta observación:
"se os capitáns de navío non se empeñasen en ila ver desde máis preto..."
E Luís García de Vegueta, historiador canario,
deunos a súa frase chea de musicalidade, rotunda coma dous versos: "Sempre
foron amadas dos deuses as illas perdidas en medio dos mares". Pero nin un
nin outro me acaban de aclarar a cuestión. ¿Será a illa o mellor símbolo do
centro do mundo, ese Ónfalos ideal como imaxe da perfección difícil de acadar,
inaccesible case?
Tal vez ó cabo a cousa non radique senón na
sensación de pequena aventura exótica experimentada polos aventureiros que cara
a elas embarcamos en vacacións con viaxe de volta asegurada.
Doulle hoxe todas estas voltas ás illas,
porque este verao parece especialmente poboado delas. Temos esa anecdótica illa
grega seica ofrecida por Cristiano Ronaldo como regalo de voda ó seu axente
futbolístico. Temos "A Illa Mínima" de Alberto Rodríguez, proclamada
candidata a non sei cantos Premios Goya para este ano. Contamos tamén con
"A illa da infancia", presumible best seller do nouregués Karl
Ove Knausgard, exposto nas casetas da recente Feira do Libro da Coruña. E,
finalmente, esta mesma tarde, veño de gozar dun indescriptible solpor sobre as
Illas Cíes. ¿Algo que obxectar?
martes, 11 de agosto de 2015
O KORRUNTXO DO OKUPA
Cando estoutro dia
falaba eu de fotóghrafos COMPULSIVOS e ARMASENADORES formigheiros dos seus
produtos... para nunca máis revelos... nin por asomo pensaba nos meus
compañeiros Pepe e o Xefe do blogue, que son, cando lles peta, fotóghrafos,
directamente artistas, un para logho armar ou non belas presentasións, o outro
perseghido por un afán chamémoslle etnoghráfico. Aghora o Pepe reaxe
puntualisando e fai ben e eu insisto nas duas características, arriba
salientadas, dos que raian no frívolo ou superfisial, que se cadra tamén fan
ben se iso os fai felises.
Felises, digho eu,
uns e outros, aqueles que o fan por pasatempo e os que poñen alma e vida nesa
profesión, vida real e terminal cando de fotóghrafos de gherra se trata... E
uns e outros coa pesiensia e dilixensia das que outros caresemos para procurar
e conseghir belesa coa cámara, e iso que un é, de sempre, amante dese xenial
invento, así non o utilise ultimamente, un dos ghrandes inventos da Humanidade,
do que o sine e todo o que véu despois non son máis que unha derivasión.
Amante maismente da
fotoghrafía antigha, mesmo dos retratos desimonónicos, mesmo deses retratos ao
óleo de xentes daquel clasisismo, por alghúns modernamente cultivado a contracorrente
dos pintores abstractos. Amante trocado, daquela, en defensor, ao ighual que do
libro impreso, do tradisional álbum de fotos, que é talmente un libro en cuxas
páxinas é doado merghullarse cando a nostalxia o leva a reghodearse coa
revisión -revisión de rever e de revisar- dos bos momentos do pasado...
momentos que son os que normalmente recollen as fotos.
No meu desafogho
anterior debéu influir a sercana resepsión dun dropbós (ou busón) de sentos de
fotos –e non eran de xaponeses presisamente-, no que lles faltou faseren unha
selecsión e onde a ghrande maioría das tomas eran do xénero parvo... por máis
que mas mandasen coa sua mellor intensión, para me faser partísipe da sua
suposta aventura proghramada, o cal xa non lle permite ser aventura, poisque a
nada se aventuraron.
En falando de
fotóghrafos profesionais de gherras ou catástrofes calificadas de naturais
(quén fala xa do resente Nepal, ou dos anteriores Tailandia ou Haití, etc?), ou
destas mighrasións mediterráneas, teño que disir que eu alghún dia considerei
tamén compulsiva a actitude dos milleiros de homes e mulleres (con cativos
incluidos) que cometen a heroisidade de se larghar ao mar-deserto e ao mar-mar
coa ilusión de acadaren “mellor vida”... e tantas veses acádana... no sentido tradisional
e tortiseiro da palabra (a morte relixiosamente manipulada), sendo que eles
pretenden a mellor vida... pero en vida.
Ata onde se pode
calificar de insensatés esa desisión de deixar o malísimo coñesido (acaso pior
que a morte) polo menos malo por coñeser? Ata onde veñen enghanados
polostraficantes como, antes e aghora, lles pasa a tantas mulleriñas finalmente
condenadas á prostitusión no “primeiro mundo”? Confeso que houbo un tempo no
que eu lle daba máis creto á insensatés do que hoxe lle dou á desesperasión
desas xentes perante a gherra ou os asasinatos, proghramados ou non, perante a
fame ou a inxustisa, por eles incorporadas como inelutables...
(Me non ghosta este carís serio que hoxe adoptei e, tal como
dixo aquel rei dun dia, “lo siento mucho, me he equivocado (?) y no volverá a
ocurrir”).
venres, 7 de agosto de 2015
O turista con cámara fotográfica
Por
Pepe de Rocaforte
Di o
compañeiro que estes turistas, por tomar fotos, perden a posibilidade de
contemplar demoradamente os monumentos, figuras ou paisaxes que fotografan. Eu,
que pertenzo a esa clase de turistas, cando fago unha foto de algo é porque
antes me chamou a atención, é dicir, que o vin e poderei seguilo vendo,
admirando e gozando del despois de sacar a foto, traballo que me ocupará máis
ou menos un tempo de tres segundos, o cal quere dicir que en cousa de cinco
minutos podería ter sacado un cento de fotografías, o que non estimo como unha
perda de tempo moi considerable.
Tamén hai os fotógrafos que
precisan dispor dun tempo superior, buscan o lugar máis axeitado para efectuar
a toma, montan o seu trípode, controlan a luz, elixen filtro, axustan enfoque,
apertura e velocidade do obturador, etcétera. E fano porque están tratando de
realizar unha obra de arte, creo eu. O cal faime lembrar dunha viaxe de hai
poucos anos pola Magna Grecia, durante a cal un compañeiro de expedición,
diante das ruínas Selinunte, de Agrixento, de Siracura ou de Taormina,
sentábase na primeira pedra ó caso, botaba man da libreta de debuxo e parábase
a reproducir con moita calma o que outros simplemente miraban e/ou fotografaban
e proseguían camiño ó eu aire.
Ese menosprezo cara ó turista de
cámara fotográfica empezou a medrar coa invasión de viaxeiros xaponeses, sen
que se nos ocorrese pensar que, normalmente, esa xente dispón de moi pouco
tempo de vacacións e esas fotos vanlle servir, como a outros lle serven os
diarios e apuntes que toman, para reconstruír unhas vivencias que doutro xeito
tal vez se lle perderían nos recunchos da memoria. ¿Ou para este mester é menos
válida a fotografía que o apunte manuscrito?
Se eu non tomase, por exemplo,
esa foto da parella xaponesa co seu quitasol nos xardíns do Xeneralife,
seguramente non volvería lembrar unha vivencia determinada da que
posteriormente saquei outras varias consideracións. Nin me acordaría dos
obreiros que preparaban o escenario do Teatro Grego de Taormina para unha
representación de ópera. Se non lle tivese tirado unha reste de fotos coas
cales compuxen despois un “pps” no que me inventaba unha actuación de “La Fura dels Baus” considerando
ós obreiros como actores e o seu traballo como unha representación no estilo do
grupo catalán.
En fin, que hai xente para todo e
precisamos ser comprensivos coas maneiras de proceder de quen non tén os mesmos
prexuízos ca nós.
Porque en resumo de contas todos
vos é cuestión de puntos de vista.
luns, 3 de agosto de 2015
Agosto, sol no rostro
Este agosto das mil festas, cando remata a sega e se
fai a malla, é o mes dos agradecementos. Foi o mes de Ceres, a deusa dos
cereais, e foi no mundo celta o mes da Lugnosad, en honor de Lug e de súa nai
Tailtiu, a deusa da natureza.
E nesa festa da colleita que celebraban os pobos
celtas, o cabeza de familia, coa cabeza descuberta, cortaba un feixe de cereal
para ofrecerllo ó sol entoando un cántico de gratitude.
En Escocia escollíase para esta celebración un
outeiro, e tras a sega gardábase a última gavela cortada como símbolo de boa
sorte, para agasallar con ela ós animais de tiro o primeiro día en que se
volvese saír ó campo a labrar as terras.
O cristianismo solapou todos estes rituais coa
celebración da Ascensión da Virxe María rodeada de anxiños como os campos fértiles
se rodean de paxariños.
Pero agosto tamén é o mes que anuncia o cambio de
ciclo, con aquel Primeiro de agosto
primeiro de inverno que dicían os vellos, que tamén agoiraban que se Agosto mollado, neve pró ano ou Abril chuvioso, maio ventoso e agosto
caloroso, fan ó ano venturoso.
Como vedes, prognósticos hai para todos os gustos,
pero, pensando no santoral, atendede a aquel que advirte as couves polo san Lourenzo, nin nacidas nin no lenzo, así como
aquel outro Os nabos polo san Bartolomeu,
a cada paso o seu.
domingo, 2 de agosto de 2015
O KORRUNTXO DO OKUPA
A pel de
touro hispana parese que se vai cuarteando... O primeiro rachón deullo
Portughal hai oitosentos anos, século arriba século abaixo. Aghora
escandalísanse por Catalunya. Se isto pasase con Ghalisia, veríamos a tal pel
convirtida nun rectánghulo: fasede o xogho que eu fixen por puro divertimento:
ollo, non é que esté a favor (nin en contra) de tal rectanghulasión
xeoghráfica: xa chegha cos retalhos pecuniarios e de servisios esensiais...
Pero xa é
unha parvada suprimir Portughal -que se debera manter, iso si, coas
fronteiras marcadas, non sexa o demo...- cando os informes meteorolóxicos; o
mesmo que eses tratados de arquitectura ou artísticos en xeral que dividen por
provinsias os pasos, os cruseiros, os mosteiros, os castelos ou as igrexas,
mesmo cando separan os castros ghaleghos dos portugheses ou asturianos -cousa
que os arqueóloghos se encarghan no posible de obviar.
Disenme da
Coruña que os novos ghobernantes eliminaron as touradas: benvida a desisión,
que lle devolverá a esa cara sidade -digho cara no bo sentido, non no outro,
que tamén- algho da sua esensia ghalegha que lle viñeron retaseando (ou
retalhando) nas últimas décadas os “ignorantes e férridos” xefes munisipais:
disen tamén que disen os partidarios de tal salvaxada -torturadora de animais-
que a medida ven dada por un afán antiespañol.
Digho eu
duas cousas: a primeira, que o antiespañol sería seghir fomentando tal
espectáculo autodenominado tradisional (como se todas as tradisións,
verbighrasia a Inquisisión, fosen boas!); a seghunda, que a pouca clientela que
tal actividade ten en Ghalisia está falando de que se a españolidade radica
nela, xa éramos pouco españois de antes...
Porque se o
termómetro do español radica nesta es noutras mostras como a tonadilla ou a
arte dita flamenca... pouco ou nada españois son astures, cántabros ou
canarios... Deixémolo aí, meus caros.
Por iso,
cada volta ghústanme menos eses fotóghrafos compulsivos do “esmar” ou da cámara
(dixital ou non) que, por tomar unhas supostas boas vistas, se perden a
contemplasión demorada das mesmas... e, amáis diso, logho teñen tal acumulasión
de fotos que as miran unha ves e, cunha nova tanda para mirar, xa non atopan
xeito de as volver a desfrutar... e aí fican, perdidiñas ou traspapeladas nas
moreas de arquivos fotoghráficos ou “fails” dos ordenatas...
E xa que me
meto cos “esmarts” e os “móbiles” en xeral, o serto é que dá noxo ver alghúns
individuos camiñando cos ollos postos na pantalliña e, pior, os condutores fasendo
ighual, piormente cando condusen veículos colectivos e poñen en risco a tanta
xente e xentiña miúda.
Debe ser coa
sequía que hoxe se me deu por criticar a destro e sinistro, ou se cadra é coa
nubaxe, esta nubaxe sen chuvia, que para o caso... tanto como nesesitamos da
augha!
sábado, 1 de agosto de 2015
TRISTEZA E FESTA DO LIBRO
Por Pepe de Rocaforte
De todas cantas cousas se desfixo o que máis
dor lle causou, dime, foi o destino dado a unha boa cantidade de libros.
Andounos ofrecendo a bibliotecas, a centros escolares, a varias asociacións, e
en ningún lugar mostraron interese por semellante material. Nin sequera por
unha voluminosa Enciclopedia Larousse, que finalmente rematou, coma o resto dos
libros de que se desfixo, nunha máquina destrutora de papel.
Porque ese foi o único modo de que llos
levasen. Mellor dito, de que os levasen entre ela e unha amiga, cada unha no
seu coche, a un almacén onde compraban papel, nunha localidade do extrarradio
madrileño. Aínda que o de comprar sexa case unha figura retórica, porque á
pregunta de canto lle pagarían, a contestación foi que dependía da calidade do
papel. Finalmente a cousa rematou nun pago de dezeoito euros "para gastos
de gasolina".
E o detalle da enciclopedia faime lembrar de
Miguel de Unamuno quen, en "Por tierras de Portugal y de España", fai
unha desapiadada descrición do Casino de Trujillo, en cuxa biblioteca,
"pobrísima", non faltaba, eso si, "o inevitable Dicionario
Enciclopédico que serve para dirimir as cuestións con apostas". ¿Para que
fai falta agora un dicionario deses se a información se ten nun iPad ou nun
iPhone xa ó alcance dos nenos de dez ou doce anos?
¿E a que conto vén agora todo esto? Pois
relátoo porque esa tal aventura da biblioteca da miña amiga causoume moita
tristeza, máis que nada polos malos augurios respecto ó previsible futuro do
libro, e penso que non só do libro impreso, senón da lectura en xeral.
Para contrarrestar esa tristeza quérome
alegrar hoxe coa apertura da Feira do Libro da Coruña, a máis importante e
concorrida de Galicia. Ainda que posiblemente sen nos coñecer, espero vernos
todos por alí en calquera destes dez días que dura o evento.
martes, 28 de xullo de 2015
Unha táboa para distribuir o traballo
Para non andar detrás de
ninguén, sobre todo cando teñen feito o voto de silencio, este curioso
artefacto non é máis ca un horario, ou táboa para indicarlle ós monxes que
tiñan que facer, sen necesidade de falalo.
Atopámolo na Cartuxa de
Miraflores, en Burgos, onde os monxes cartuxos teñen prohibida a palabra agás
en contadas excepcións, e así, para indicar o labor correspondente a cada un
usaban esta táboa ou “bojarte”, que colgada a carón da porta da igrexa indicaba
a función de cada un deles.
xoves, 23 de xullo de 2015
Berlín Alexanderplatz
Por
Pepe De Rocaforte
Atoparía máis información sobre o
texto e o autor xa andados uns anos deste século lendo un ensaio de Günter
Grass titulado “Sobre o meu mestre, Döblin”, onde facía un percorrido pola obra
do escritor berlinés de quen se confesaba discípulo e admirador.
Logo lin a documentada
introdución de Muguel Sáenz á súa tradución do texto de Döblin, onde situaba a
novela entre as máis importantes do século XX. Comparábaa, pola materia
argumental, co “Ulises”de Joyce e o “Manhattan Transfer” de Dos Passos, para
dicir que, “formalmente Joyce é insuperable, pero a súa temática non é
atraínte”. En canto a Dos Passos, “as súas personaxes non teñen a densidade
sentimental das grandes personaxes novelescas”, aspectos ambos nos cales foran
superadas por “Berlín Alexanderplatz”.
Cambiando aparentemente de terzo:
Nestes días pasados acabei de ler “O anarquista e outros relatos” de Conrad.
Cando cheguei ó titulado “A Bestia” admiroume particularmente a convicción e a
naturalidade con que o autor nos introduce, sen alardes, no ambiente dunha historia
náutica, o cal me trouxo á cabeza o recordo de cando aínda non hai moito tempo
se falaba por aquí das carencias da nosa literatura. “Non temos novela negra”
(agora si), “non temos novela de kiosco”, “non temos novela do mar”...
Novela do mar. ¿Cómo a iamos ter,
carecendo de outores con verdadeira experiencia marítima? (e que me perdoen
Alfredo Conde, Valentín Carrera e algúns máis novos), o que me fai retomar o
nome de Alfred Döblin. O escritor berlinés, antes de escribir esta súa máxima
obra, publicara entre outros títulos “Os tres saltos de Wang-lun” e “Manas”, de
peripecia e ambientación exótica. Falando de “Berlín Alexanderplatz” dixo:
Coñezo Berlín Este desde hai decenios, porque me criei aquí, fun ó colexio e,
máis tarde, empecei a exercer a miña profesión. Mentres que antes concedía
grande importancia á fantasía (...) no último deceniou agudizouse a miña
visión, en realidade a miña conciencia, do meu propio entorno e da paisaxe onde
me movía: o Berlín Oriental. Puiden observar esa clase de homes (...) e
observeina da única forma verdadeira: vivindo, tratando e sufrindo con eles
(...) O libro ofrece unha mostra de cómo vin a aqueles homes. “ Podemos tomar
nota.
E agora, para combater a
xermanofobia que nestes últimos tempos se vén apoderando de min diante da
actitude do goberno alemán, disposta a machacar a Grecia co aplauso servíl dos
restantes países da Unión Europea, no que xa se pode considerar o inicio da
Terceira Gran Guerra, unha guerra na cal en lugar de utilizar a maquinaria
bélica se bota man da arma da economía capitalista, tanto ou máis letal á hora
de orixinar miseria, desesperación e morte nos países agredidos. Para combater
ese sentimento xermanófobo, digo, poreime a ler “Berlín Alexanderplatz”, de
Alfred Döblin.
mércores, 22 de xullo de 2015
Leo, o león de Nemea
Había un
león que habitaba en Nemea sementando o terror, devorando todo canto atopaba
por diante, xa fosen persoas ou animais, polo que os habitantes do lugar
imploraron a axuda dos deuses.
A fera
tiña por morada unha cova con dúas entradas, de maneira que se o atacaban por
unha sempre podía escapar pola outra e coller ós atacantes desprevenidos. Por
iso, cando a Hércules lle encargaron como primeiro traballo darlle morte a
aquel monstro, o primeiro que fixo foi taponar unha das entradas, e logo foi
cara el sen darlle oportunidade de escapulirse, facéndolle fronte, incitándoo,
agardando que aquel viñese cara el. E cando o fixo abrazouno polo pescozo, apertando
ata afogalo, e despois de arrincarlles as uñas, con elas mesmas esfolouno para
usar a súa pel como capa e a súa caveira como casco.
E gustoulle tanto a Zeus a aventura
do seu fillo, que puxo ó león entre as constelacións do ceo, coma quen pon nunha
repisa da casa o trofeo gañado nunha competición deportiva polo seu renteno.
martes, 21 de xullo de 2015
O KORRUNTXO DO OKUPA
Son as mesmas mentiñas que achan ou atopan estético e erghedor do seu
egho depredador aqueles trofeos e estes colmillos ou defensas dos elefantes ou
aqueloutros unicornos afrodisíacos (non afroasiáticos que disía un meu primo)
dos rinoserontes... Si, xa sei que o marfín é cousa fina (tamén o oso
alternativo ou susedáneo é para
apresiar), de xeito parello como as peles dos bechos, que non somente serven
para escorrentar o frio: claro, compriría distinghir entre o utilitario e o
simplemente ornamental (ou cornamental, seghindo co tema)...
...Como acontese cos sapatos feminiles de formas exóticas,
pretensamente eleghantes, eses tacóns-alfinete, por exemplo, que non fan senon
perxudicar de por vida os esqueletes dos pibóns... cousa máis parva que a
muller cabesaueca que tal adoita calsar, non é doado de encontrar.
Pero para que vexades que non só coas mulleres me meto... aí tedes aos
xerarcas políticos (maismente homes, inda que...) que nas roldas de prensa no
estranxeiro ou mesmo nas que conseden na casa cando os visitan alghúns seus
pares estranxeiros... responden a perghuntas sobre temas domésticos:
despropósito maior non cabe; e se non, ollade as carasdepóquer que poñen eses
pares, mentres os interpelados desbarran do que non ven a conto, contradisindo
aquilo de os panos suxos mellor lavalos de portas para dentro, mesmo caendo na
descortesía cara ao invitado de turno.
E en falando do seso de abaixo ou partes
(para abreviar), aí está o xentilisio feminino berghantiñana, que houbo quen o
trocou (con perdón) en vergha antillana... vallamedéus, que xa é ter a mente
sempre no mesmo lughar. Similar ao que me pasou aí atrás:
tanto que eu ghustaba do nome Corina... ata que unha amigha me dixo: Qu'orina?
E xa perdeu o tal nome o seu tal suposto encanto ou enghado enghaiolador!
E seghindo cos baixos... Por iso, habería que penalisar os baixos
baleiros dos edifisios... como sei que fan cos terreos rurais incultivados,
pois ambos van en contra da rasón colectiva, mesmo da economía ghobal... baixos
pechados anos e anos, que ata para refuxios humanos servirían, e dá pena. Como
pena maior (non Penamaior a de Beserreá) provocan os pisos baleiros (altos ou
baixos) cando tanta nesesidade de vivenda vos hai.
E logho está o que di Mahfouz o exípsio (talmente como aquel Sinhué):
que non é raro confundir o persoal as consoantes árabes kaf e qaf, dando como
resultado confundir can (kalb) con corasón (qalb): será tan ghrave a confusión?
Pois pola miña banda, a alghún can que eu me sei ghanas dan de chamarlle
corasón, tan querible como el é.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)









