luns, 3 de novembro de 2014

San Huberto o cazador



      
      Huberto era un nobre afeccionado á caza que viviu no século VIII, e que un domingo, antes de meterse na igrexa a soportar os longos oficios, preferiu saír a practicar o seu deporte na espesura do monte, percorrendo todo canto recuncho había, ata que, de súpeto no alto dun outeiro, posto como adrede para que el lle disparase viu un cervo. Sen dubidalo, Huberto colocou a frecha na corda do arco e apuntou, pero entón o animal vírase cara el e o cazador puido ver como, entre a cornamenta, portaba unha resplandecente cruz, e ante o seu asombro, faloulle con voz humana: “Volve a Deus ou caerás no inferno”. 

            Que dicir ten que o cazador, nese mesmo intre, abandonou as armas e correu a confesarse e a converterse nun dos máis fieis seguidores da doutrina de Cristo; polo que hoxe é invocado como protector dos cazadores, dos cans e dos peleteiros, así como daqueles que contraen a enfermidade da rabia, pois, de feito, estando el dicindo misa, entrou un home con tal enfermidade ameazando a todos os presentes, e entón el, acercándoselle, cun simple sinal da cruz sobre a fronte, liberouno de tan nefasta enfermidade.
            As iconas representan a san Huberto co cervo por compaña. E desde ese día en que decidiu non disparar a frecha, Diana deixou de ser deusa e foi un mito do diaño.

Diana a cazadora



       
                 O mes de novembro tíñano os romanos posto baixo a advocación de Diana, irmá de Apolo, a deusa cazadora que toma os seus atributos da Artemisa grega, como deusa protectora dos montes, dos cans e da natureza non cultivada, tal vez porque aínda hai só quince días que foi a “berrea” marcando unha novo e fecundo ciclo anual, a pesares de que o inverno semella matalo todo.
            No templo de diana non podían entrar cabalos, por considerar que foron estes os que mataron ó seu namorado Hipólito, cando paseaba pola beira do mar e os animais se asustaron cunha ondas repentinas, facendo que o xinete caese e morrese. Pero si ten por animal da súa preferencia ó cervo, o animal cuxa cornamenta se pode confundir coas ramas das árbores e a quen lle nace unha nova ramificación cada ano, co que o cervo vén a converterse nun símbolo da vida que imos celebrar precisamente nestas datas en que nos lembramos dos nosos finados.

domingo, 2 de novembro de 2014

O FÚTBOL E OS ESCRITORES


Por Pepe de Rocaforte
   
         A lectura dun traballo de Xosé Pérez Mondelo sobre “Fútbol e literatura” tráeme ó teclado o tema de hoxe. Mondelo fai un percorrido polos nomes e a obra de boa cantidade de autores de textos de creación relacionados co deporte futbolístico, e no apartado referido á literatura galega o seu traballo resulta case exhaustivo.
            O “case” vén a conto porque me chamou a atención a omisión de dúas obras de Wenceslao Fernández Flórez: “De portería a portería”, recopilación dunha serie de artigos con temática futbolística publicados en “ABC”, e “El sistema Pelegrín”, novela que deu pé a unha película protagonizada por Fernando Fernán Gómez, moi popular en España a comenzos dos anos cincuenta.
            Como xa resulta case obrigado, antes de me poñer a escribir fun botar unha ollada a Google e entón sucedeume eso tamén tan común das cereixas e o cesto: colles unha e detrás véñenche outras enganchadas.
            Unha destas cereixas inesperadas traía o nome de Fernando Iwasaki, quen non hai moito, no prólogo a unha reedición de Fernández Flórez, chamábanos a atención sobre autores españois inxustamente esquecidos e reivindicaba a recuperación dun escritor da súa calidade, ó parecer non incluído nos plans de publicación das editoriais do país.
Fernando Iwasaki
            É curioso que Iwasaki, un peruano de orixe xaponés, actualmente residente en Sevilla, autor por certo, entre outros títulos, de “El sentimiento trágico de la liga”, sexa quen nos poña diante dos ollos estes autores olvidados, como, por citar outro nome, é o caso de Miguel Villalonga, autor de “Miss Giacomini”, unha novela breve sobre a cal o propio Iwasaki escribiu xa hai máis tempo e que na súa opinión (coa que coincido), se pode contar entre as mellores españolas do xénero no século XX.
            Así que, xa o sabedes, se vos queredes afastar un pouco da tiranía da moda que nos impoñen editoriais e suplementos literarios, eu, con Iwasaki, convídovos a ler (ou reler) tanto a Wenceslao Fernández Flórez como a Miguel Villalonga.

            Moitas gracias e a mandar.

.-.-.

Exploradores e explotadores

venres, 31 de outubro de 2014

luns, 27 de outubro de 2014

PORQUE SOMOS AUGA, VIDA




Por Pura Tejelo
                                                             Para Efraín Bartolomé



                                                                                                    Por Lola Fernández


Porque somos auga, vida
transparencia e  aire como
o mesmo río.

Porque hai un iguazú ao
final do camiño e a nosa misión
é remar cara a el

e polo camiño arrastrar coas
nosas bágoas a sabendas que hai un ceo
ao que nunca chegaremos.

Porque o edén está tan alto,
cando  só sexamos
pingas,
será importante
encontrar unha pouca de calor
para elevarse.

venres, 24 de outubro de 2014

Versos ó xeito popular (XX)


DAS LAGOAS I
Por Andrés Terra

Das Lagoas vese o mar,
O mar alto, o mar maior,
O mar que bate no Orzán,
Berbiriana e Riazor.
                                                                            
        

    Das Lagoas vese o mar
            Ata onde a vista morre
            Vese o mar desde o altor…
            ¡Xa non se dá visto a Torre!
Quen me dera das Lagoas
Ver a cidade anovada:
Limpa, leda, xusta e libre,
Unha nao no mar ceibada.
(1983)

xoves, 23 de outubro de 2014

"CARAS Y CARETAS"




Por Pepe de Rocaforte
            Cando o outro día escribía sobre José Piñeiro, de quen por certo non me resisto a mostrarvos hoxe unha ilustración de cómo na Arxentina se aproveita actualmente a popularidade dos seus versos, comentaba que colaborara en “Caras y Caretas”, a revista onde publicaron traballos autores da sona de Rubén Darío, Ricardo Güiraldes, Leopoldo Lugones, ou os españois Unamuno, Gómez de la Serna e o pintor Fortuny. Alí sairían os primeiros contos de Horacio Quiroga, e o propio Borges publicaría, en 1926, un soneto.
            Entre tantos nomes famosos non podía faltar a colaboración de varios autores galegos. O máis importante, sen dúbida, Xosé María Cao Luaces, quen se consagraría en “Caras y Caretas” como xornalista e, principalmente, como gran debuxante. Súas e do andaluz Manuel Mayol foron as celebradas portadas da revista.
José M. Cao Luaces
            Xosé María Cao, considerado o “pai da caricatura arxentina”, nacera en Cervo en 1862. Empezou a pintar na Coruña, onde tamén iniciou diversos estudios que abandonaría sucesivamente: Comercio, Maxisterio e outros. E aquí, nesta cidade, estrearíase como escritor no “Liceo Brigantino”. Militante do Partido Republicano Federal, logo do fracaso da Primeira República emigrou a Buenos Aires e alí colaborou nas revistas “Sudamericana” e “Don Quijote”, onde xa empezaron a sobresaír as súas cualidades artísticas.
            Fundou un xornal en galego, “El Eco de Galicia”, e dise que levaba tan metida na alma a terra natal que ata o violín co que nos seus últimos anos lle poñía música ás noites da súa casa de Lanús fora feito con madeira levada de Galicia.
             A súa consagración chegaría, como queda dito, en “Caras y Caretas”, a revista do “cambio de século (que) constituíu, sen dúbida, o máis fiel reflexo daquela Arxentina. Nas súas páxinas quedou impreso o fenómeno da inmigración, o desenvolvemento do comercio e a producción e, sobre todo, a metamorfose da Gran Aldea convertida en cidade”. (Pablo Mendelevich).
            Desa revista e, especialmente, do seu creador, Eustaquio Pellicer, intentarei proximamente contar algunhas cousas, porque ese emigrante burgalés foi (vouno dicir) tío-avó da miña muller e eso sempre tira un pouco á hora de escoller un tema.




mércores, 22 de outubro de 2014

O KORRUNTXO DO OKUPA




Eu que pasei por todos os niveis sosiais –aghás os de rico, moi rico, riquísimo, millonario e multimillonario-, lémbrome, e non me canso de me lembrare daqueles poucos anos que cos meus tamén poucos anos e moitos irmáns, viviamos e morabamos nun conventillo porteño, deste xeito que vos conto: todos nove (dous pais, quero disir, pai e nai, non como por veses acontese aghora!, e sete fillos varóns) nun cuarto… si, o cuarto dun enteiro, enteiro que, a non dubidalo, sería ben máis desafoghado… que daí ha vir o de chamarlle cuarto ao que outros chaman habitasión, que tamén disto se deduse que para vivir: unha habitasión e para malvivir: un cuarto de habitasión…
O tal cuarto tiña todo o nesesario: mesa con tallos e cosiña, a leña ou carbón, non me acorda ben… e máis tres colchóns (nin pensar en camas-liteiras!), un para os que lle chaman proxenitores e dous para os que non lles chaman, pero lles chamo eu proxenitados, así repartidos: os tres ghrandes nun e os catro cativos noutro, malrraio!, que con tanto rose saíron dous deles como saíron… e ollade que digho sairon e non saimos… pero bueno, cada quen que viva e folghe como queira, que diaño!
As dusias de cuartos amoreábanse en torno a un enorme patio (se cadra paresíame a min, que era cativo, ghrande sin que o fose), patio común, como común para toda a visiñansa éranvos o escusado, que escuso describilo, e o lavadoiro alí existentes. O tal lavadoiro, que máis paresía bebedoiro de bestas, tiña a secsión de lavárense os cristiáns e mail-as cristiás (aquilo era de ver) e lavaren a roupa, e a outra repartisión era para lavar os cacharros domésticos… servisios comúns, que máis que comúns eran causa de liortas cotiás contra aqueles que non acababan de velos como tales sinon como propios seus.
Ducha? perghuntaredes: fasedes cada perghunta! Así andábamos nós, que a maioria éramosvos coma os ghatos para a augha, ou sexa que nin para dentro do corpo (que para iso está o viño) nin para fora, que desghasta moito… ao tempo que a cotra conserva e abrigha que nindiós. Ecoloxistas a tope, para eses mesteres botábamos man do rio, boeno, un reghato que por alí pasaba como quen non quer, e que era coñesido pola Cañada (portughés canada, que os inghleses adoptaron talcual e os franseses, tan seus, deron en pronunsiar aghudo: Canadá, pero que eles escriben sin asento… mala sentella os coma! revirados que son: non me faghades moito caso, por eso, que, á primeira  de cambio, me pode o  ramalaso eurudito).
Pois con todo iso, sincuenta anos despóis e en Europa, e isto non é unha crítica, só unha evidensia: un okupa como este que o é… comparando… si que teño un cuarto para mín só (ata aghora imos ben), pero patio nanai, claro que hai escusado con ducha (ghrande avanse, abofé), pero bótase de menos o patio, xusto embaixo do seo ou firmamento; aquí ghrasias termos un pasillo (no que tropesamos uns cos outros des de cada dose), e, tamén é serto, a rua que é toda nosa, fora os coches.
Falando como os tolos: é o que disía estoutro dia un político esquerdeiro (como se fose o demo): Esta tradisión eleitoral debémoslla aos monxes medievais –para que logho dighan do escuro Medioevo-, que elixían o abade por maioría simple –tal como os cardeais ao papa, non? E seghía o homiño este: A fábula da democrasia ateniense, con seis veses máis escravos que sidadáns con dereito a voto… a esta altura évos impresentéibol! Así que, como din por Estremodura (sic): Condió!

domingo, 19 de outubro de 2014

A serpe no imaxinario relixioso-popular



Por Rosa Benigna Vizcaya
            Ademais de icona da medicina e da farmacia, a serpe estaba asociada á fecundidade. Teñamos en conta que ela era quen comía pequenos roedores que estragaban os silos, onde se gardaba a semente e o gran, chegando algunhas a ser animais de compaña xa na antiga Grecia.
            Asemade a deusa Isis en Exipto tiña unhas serpentes por compañía, igual ca outros deuses fenicios ou mesopotámicos relacionados coa vida. Sen embargo, na mitoloxía a serpe tamén aparece, nalgunha ocasión como representación do mal, tal cando Apolo, deus solar, se enfronta e mata a Pitón a serpe que atormentara a súa nai Latona.

Os romanos identificaban a algúns Manes coa serpe e dicían que a columna vertebral dos defuntos chegaba a converterse en cobra na tumba. ¿Ten isto algunha relación coa crenza de que as almas dos finados viaxan a Teixido en forma de réptil?.
Polo uso do seu veleno na preparación dalgunhas apócemas foi o emblema do deus da medicina, Esculapio, así como símbolo da resurrección dada a súa capacidade para cambiar de pel. E precisamente por ser animal que muda a pel, chegouse a recomendar en Galicia o caldo de serpe para axudarlle á parturiente a expulsar a placenta.
            Do culto á serpe quedaron varias mostras en distintos petroglifos galegos así como na coñecida pedra da Serpe de Gundimil, aínda que coa chegada do cristianismo, de clara influencia hebrea, a serpe foi asociada ó mal, e tal vez daí naza esa crenza misóxina segundo a cal, se se lle arrinca a unha muller un pelo con raíz, e se deixa nunha poza de auga clara, ese pelo acaba convertido en serpe. Non obstante, non sempre a Igrexa conseguiu desterrar antigos costumes relacionados con estes animais, como é o caso de algunhas poboacións dos Abruzos, en Italia, onde na procesión de Santo Domingo, a principios de maio, lévase a imaxe do santo cuberta de cobras vivas porque é avogoso contra as súas mordeduras.

            Contrariamente ó que poidamos crer, a serpe nin sequera na Biblia foi sempre animal maligno, pois Deus como remedio contra unha praga destes ofidios que causara moitas mortes, mandoulle a Moisés facer unha de bronce  para que os enfermos que a visen sandasen (Nm 21, 4-9), converténdose en obxecto de culto relixioso, a quen se lle ofrecía incenso, ata que a destruíu o rei Ezequías durante a súa reforma relixiosa (2 Re 18, 4); claro que isto ocorre nunca rexión próxima a Canaán onde a serpe era adorada como símbolo de fertilidade asociada á deusa fenicia da fecundidade Astarté. É esta creo que é unha evidencia de que o libro dos Números foi escrito antes de que os hebreos trocaran de opinión, e polo tanto, antes de que se redactase o libro da Xénese onde a serpe se nos presenta como encarnación do demo incitador do pecado, imaxe que chega ata nós convertendo a este animal nun símbolo do maligno.

.-.-.-.

Chourizos de cabezudo

sábado, 18 de outubro de 2014

San Lucas, o pintor

            Ademais de darlle nome a unha das feiras máis importantes de Galicia, as de Mondoñedo, o evanxelista Lucas, que se representa coa figura dun touro, entre outras razóns porque un touro ou un cuxo era o sacrificio que os xentiles ofrecían ós deuses, e precisamente ós xentís estaba dedicado o seu evanxeo.
Lucas, que foi testemuña do martirio de Pedro e Paulo, era médico de profesión, pero abandonou a consulta para acollerse á doutrina de Cristo despois de escoitar a Paulo, a quen acompañou en varias viaxes.
Tamén era este evanxelista un destro debuxante e pintor, e precisamente a el atribúeselle o primeiro retrato da Virxe María, de quen chegou a pintar sete cadros, quen mentres el a pintaba contáballe moitas das cousas que se narran no seu evanxeo.
            Non está claro como morreu, aínda que circula a crenza de que foi aforcado dunha oliveira. Como queira que sexa o seu corpo, tras ser enterrado en Patrás, foi recollido no 357 da nosa era para ser levado á Constantinopla de Constantino, e logo, andando o tempo trasladárono a Pavía e finalmente a Roma, onde se di que repousa

El é o patrón e protector de notarios, pintores e artistas.

venres, 17 de outubro de 2014

Versos ó xeito popular (XIX)



Por Andres Terra
 
Ben non sei inda se ire
Daquí pra aló ou pra acolá:
Logo de antonte veu onte,
Despois de hoxe ha vir mañá.
(1982)

martes, 14 de outubro de 2014

O KORRUNTXO DO OKUPA




Pensar que un é o último de sete fillos varóns e nunca por lobisome me tiven… nin me tiveron, nin sequera son sonámbulo, co cual xa me diredes onde vai aquela  singhularidade que aos lobisomes lles atribúen, inda que sexa para mal… Isto de levar a sona, como o rio Miño… Ou a outra suposta chata de naser baixo a influensia de escorpio… vaites, trátannos como a retortos e malaxente.
Claro que outro tanto lles acontese, noutra estrema, aos fillos únicos, eses si que pasan por xentes egoístas, meus coitados… como se non tivesen abondo con se criaren soíños e qué culpa eles terán… Ora, que visto cómo se levan sertos irmáns, maiormente á hora de repartir a herensia –que non é o noso caso, pois maldito o que nos deixaron os nosos pais-, case é mellor non telos.
Que tamén évos o que mesmamente lles susede a alghúns pais vellos cos fillos, que máis lles valera non telos tido ou produsido.
É como aquel que se cria sin pai: home, se é por morte, non vos é para envexar, pero, se é por mor de borracheira e paus, mellor lonxe que perto, ou non? Ighualiño que os matrimonios que se levan mal, máis lles valerá separarse e non dar mal exemplo aos fillos con pelexas e maltratos decotío.
Aquilo das herensias ou heransas moito mundiño move e remove. Se non se herdase ou se herdase unha parte, a estritamente nesesaria ou xusta –quén o mediría?- cánta liorta se evitaría e cántos avogados ficarían no paro…
É como o dos títulos nobiliarios. Se alghún dia (alghún dia medieval, quero disir) tiveron rasón de ser, para premiaren unha determinada heroisidade, o que nunca debéu ser é seren hereditarios; ighual conto aplicarse debería ás monarquías que, por iso alghúns pobos –concretamente na Alemaña- as consideraban electivas e como tal prosedían… éravos un sistema coma o papal, demosghrasiasadiós, que non é o mesmo que democrasias, adiós!
Voltando aos fillos únicos, o mal non está neles senón nos pais como os eduquen, pois na man destes está, para empesar, conseghirlles amighos que faghan as veses dos irmáns faltantes.
E os solteiros e solteiras? –falo dos solteiros sen parella ou solteiros puros, que os outros nin son solteiros nin nada que se lle paresa-… pois son unha espesie de fillos únicos que se tornan únicos eles mesmos, maismente cando os outros irmáns están emparellados. O colmo é o do fillo único e porriba solteiro! Ollo con el,  a este si que lle hai que dar de comer aparte.
Boeno… tomar estas elucubrasións superfisiáis, superfluas e supercalifragilísticas como o que son: as paridas algho amarghas dun lobisome frustrado, non vaiades pensar mal, ho!
Por serto, a todo isto e a propósito, e sen que veña a conto: tanto que acusan aos outros de populistas… para populistas os do PP, que tan “populares” se cren!

luns, 13 de outubro de 2014

JOSÉ PIÑEIRO



Por Pepe de Rocaforte

            Ando a ler “Descanso de caminantes”, de Adolfo Bioy Casares, texto entre diario e libro de notas, publicado por Daniel Martino dous anos despois da norte do autor. Entre outras cousas atopo aquí esta información: Hay versos que sabemos de memoria porque los aprendimos a lo largo de la vida … por ejemplo: “En el cielo las estrellas, / en el campo las espinas, / y en el medio de mi pecho / la República Argentina” … el autor de los versos se llama José Piñeiro y era gallego. Fue colaborador de “Caras y Caretas” y era poeta del barrio donde vivía…
            Inmediatamente fun a internet en busca de información. Non aparece na “Wiki” nin na “Galipedia”, pero entre algo de aquí e algo de alá puiden saber que este noso paisano era natural de Pontevedra, onde naceu en 1879. En 1896 chegou á Arxentina embarcado como polisón e alí empezou a súa andaina de emigrante traballando de “mozo para todo” nun almacén, onde durmía no mostrador, caso habitual segundo lle teño oído a outros emigrantes.
José Piñeiro
            Máis adiante foi acomodador nun cine. Dirixiu logo unha empresa de mudanzas e foi administrador dunha cadea de cines. Colaborou na revista “Caras y Caretas”, fundada por outro español, Eustaquio Pellicer, de quen falarei nunha próxima entrega destas notas erráticas. Colaborou así mesmo en “Fray Mocho”, e creou máis tarde, xunto con outros dous paisanos, o periódico quincenal “El despertar gallego”.
            Posteriormente, en 1918, foi administrador do xornal “Los Aliados” e morrería, con 87 anos, en abril de 1967, en Mar del Plata, onde as súas cinzas foron botadas ó mar.
            Os versos desta cuarteta, “expresión de arxentinidade”, escribiunos en 1901, durante unha visita a La Paz (Entre Ríos), para que unha nena, filla duns seus parentes, os recitase na Escola José de San Martin, daquela localidade. Co tempo, e con música doutro emigrante, o catalán Manuel Jovés, os versos fixéronse tan famosos e populares como entre nós poden ser os da “Rianxeira”, outro tema de orixe un tanto incerto do cal me gustaría tratar tamén neste blog.

venres, 10 de outubro de 2014

Meditrina e a medicina do viño.



          
  O cego curou a Lázaro de Tormes con máis viño do que o pícaro lle rapiñaba, protestaba o invidente, e é que o viño viña sendo coñecido desde o tempo dos romanos como unha menciña sagrada, e por iso, coincidindo cos idus de outubro, festexaban a Meditrina, a deusa das vides, quen, como o viño era menciña curativa, axiña pasou a ser a deusa da saúde.
            Durante o seu festexo mesturábase o viño recén espremido co viño vello  e bebíase recitando o salmo: “Bebo o viño vello, bebo o viño novo, e así cúrome das enfermidades vellas e das enfermidades novas”.
            Máis chegou un momento no que a deusa perdeu poder de convocatoria, e aínda que se chegou a asociar e incluso a emparentar a esta deusa co deus grego da medicina, Esculapio (o Asclepio grego), foi finalmente este quen se fixo patrón do festexo romano, arredor do ano 293 a.C. tras sufrir unha epidemia contra a que non puideron os deuses autóctonos e si unha das serpes sagradas que había no seu templo de Epidaura, pois foi chegar con ela a porto, escaparse a serpe e sentir todos os enfermos unha melloría repentina. Tal foi o milagre que alí onde a serpe fuxira erixíronlle un templo a Esculapio, e os devotos deron en pasar a noite no lugar coa esperanza de que, mentres durmían fosen curados do mal.

mércores, 8 de outubro de 2014

Versos ao xeito popular (XVIII)




Por Andrés Terra


Caravel, caraveliño,

Dame o teu caravel novo,

Caravel, caraveliño:

Non se vaia murchar logo.
(1979)

martes, 7 de outubro de 2014

O BARÓMETRO DA CULTURA



Por Pepe de Rocaforte
            Hoxe vou referir unha breve escena da que fun testemuña non hai moito tempo, neste verao pasado. O caso sucedía nunha librería dedicada á venda de libros de ocasión na rúa coruñesa do Rego de Auga.
        
    A protagonista principal era unha mociña que se puxo a fotografar un libro exposto nun dos mostradores. O libro era dun autor galego e a rapaza, despois de o retratar, virouse explicativa para un dos traballadores do local. “Saquei a foto porque o autor do libro é o meu pai e voulla mandar agora mesmo para que vexa que na Coruña non hai tanta incultura”.
            Aquí remata a historia. Agora a calquera, ou a min polo menos, se lle poden presentar varias interrogantes: ¿Por qué non hai tanta incultura? ¿Porque nunha tenda teñen expostos libros en galego? 

¿Porque teñen exposto un libro escrito polo pai da mociña? ¿Quen pensa que na Coruña hai incultura (sexa moita ou pouca; para eso seríanos necesario o dictame dun barómetro ou medidor incultural)? ¿É a mociña quen o pensa? ¿É o seu pai? ¿Ou trátase da opinión dominante no seu ámbito familiar? ¿Ou é a opinión xeralizada no resto de Galicia, país do que semella querérsenos excluír por parte dalgunhas elites auto-consideradas únicas posuidoras das esencias do galeguismo?
            Por se alguén ten interese en responder, ou en aportar novas preguntas, deixo aquí  o tema exposto á vosa consideración.