San Tirso está de festa en Oseiro. É o
santo a quen, para torturalo, decidiron metelo nun caixón de madeira e serrar como
se fose o tronco dunha árbore, pero tivo o favor divino e, no intre en que o
serrón tocou o seu corpo, aquel volveuse feble como a cera e non lle fixo dano,
por iso o santo leva consigo un serrón.
Este
é o santo que celebran na freguesía de san Tirso de Oseiro nestes días, arroupado cunha
interesante procesión na que se sacan uns pans apotropaicos; unha celebración a
que vos convidamos visitar e para a que hoxe recuperamos un artigo
publicado no periódico A Nosa Terra, en xaneiro de 1996, polos colaboradores deste
caderno Rosa B. Vizcaya e Francisco A. Vidal.
A procesión da Rosca de Oseiro
A procesión da Rosca, que se celebra na parroquia de san
Tirso de Oseiro (Arteixo) o último domingo de xaneiro, caracterizada porque
nela son portadas unhas bolas de pan adornadas con froitos. É unha das
primeiras festas agrícolas que se celebran ó longo do ano en Galiza; e,
asemade, unha das que mellor nos deixa ver a cristianización dun costume
claramente enraizado na cultura greco-latina. Por outra banda, os pans en si,
adornados e portados a modo de estandarte, que fan alusión á dualidade sexual chamándose
o pan do neno e da nena, poderíanse encadrar no que se vén chamando a arte
efémera, na que as obras son pensadas para ser desfeitas cando cumpren a
función para a que se criaron.
A ritualidade agrícola desta festa está clara se temos en
conta que a súa celebración coincide por proximidade coa festa da Candeloria (o
dous de febreiro), pero antecede a esta nos días que van desde o último domingo
de xaneiro (ou no seu caso o día de san Tirso) ó dous de febreiro, aínda que,
entre os santos que forman parte da procesión ocupa un lugar destacado a imaxe
de san Brais, que celebra o seu día o tres de febreiro; o que nos fai pensar
que nalgún tempo, a procesión da Rosca formaba parte dunha celebración moito
máis ampla, e que tiña como base unir ó patrón da parroquia coa Candeloria,
pero que, por algún motivo se desligou dela ata converterse nunha festa
independente.
É esta unha celebración que se fai xusto cando o día comeza
a medrar, cando empezar a aniñar os primeiros paxaros e florecen as primeiras
plantas. Non moi lonxe de Oseiro, en Sada, igual que en outros puntos da
bisbara das Mariñas, o día da Candeloria, os nenos, ó caer da tarde, acompañan
á imaxe do Neno Xesús con ramos de mimosas (unha das primeiras flores do ano),
e velas acesas.
Na Roma Antiga, as festas dedicadas a Proserpina, quen fora
raptada e levada ós infernos por Plutón, celebrábanse cunha procesión nocturna
na que tamén se levaban velas acesas e ramas adornadas con froitos e doces,
mentres era invocado o seu nome en ton triste, para rematar logo nunha festa de
xúbilo e desenfreo.
Por outra banda, segundo o xeógrafo Estrabón, na
antigüidade, en Sicilia tamén se sacaban uns pans en procesión, durante a
celebracións das Cotitias (festa en honor de Cotito, protectora dos animais e da
caza), que se facían de maneira parecida ás da Démeter grega, deusa dos
cereais, da que a Ceres romana tomou todas as características, e durante a que
os devotos portaban pólas das que pendían froitas e bolas de cebada.
O etnógrafo Taboada Chivite, ó falar da celebración da
Candeloria en Galiza, lembra unha tradición da provincia de Ourense na que
unhas nenas levaban pombas brancas e unha bica, bola de pan feita con fariña,
ovos e azucre.
Polo exposto, podemos asegurar que o caso da procesión da
Rosca de Oseiro non está illado, e que nela se mesturan, por unha banda, dada a
data, a celebración das Calendas e pola outra, dados os elementos usados, o
culto á agricultura.
A confección das Roscas de Oseiro atense a un ritual que
obriga a amasar o pan sen sal e sen lévado o día de fin de ano pola tarde, e
sacalo do forno antes de que se poña o sol, momento que se anuncia cunha salva
de foguetes. Logo, este “derradeiro pan do ano” dúas roscas que, como dixemos
fan alusión sexual o chamarse do neno e da nena, será gardado e exposto na
igrexa ata o día da procesión.
É costume que a procesión vaia arredor da igrexa, e
antecedendo ás imaxes dos santos colócanse as dúas roscas, a do neno e a da
nena, que logo serán repartidas o domingo seguinte ó san Brais entre todos os veciños.
O pan sagrado de Oseiro consérvase todo o ano sen coller
balor, e deben comer del persoas e animais para protexerse contra os males,
revestíndose así dun caracter apotropaico, que o converte en amuleto contra
todo tipo de maleficio.
Interesante festa! Fai 10 anos q vivo en Arteixo e non coñecia esta festa! O próximo ano non ha perdo! Gracias pola inf@!
ResponderEliminarSe non cambiaron as cousas, o próximo domingo, despois da misa debería volver a saír a procesión. Hai que consultalo antes porque non teño claro como levan agora o tema.
ResponderEliminar