luns, 6 de xaneiro de 2014

San Xulián


         
O san Xián ou Xulián que se celebra o 7 de xaneiro viviu no século III, pero na iconografía galega aparece vestido coma un noivo da época da ilustración. E digo noivo porque este mozo casou cunha rapaza moi linda, chamada Basilisa, quen a pesar do nome tamén chegou a ser santa, pois como a parella fixo votos de castidade e publicou ós catro ventos a súa intención de non consumar o matrimonio nin criar fillos para o imperio, sóubose que eran cristiáns, e como daquela estes estaban mal vistos, e ata niso de non querer xacer como matrimonio atopaban os xuíces da época un xeito novo de rebelión para non fornecer de sangue nova ó pobo e ós súbditos de Roma, daquela xulgáronos por contrarios e subversivos, torturáronos por non renunciar a ser o que eran e condenáronos a morte.
            A este san Xián e a santa María dirixíanse os fieis galegos cunhas estrofas que nunca adiviñei a conto de que,
San Xulián era meu curmán,
Santa María era miña tía.
Dábanlle o caldo e non o quería,
dábanlle o leite e que ben o sorbía.
            E aí o tendes, coa casaca vermella, porque foi mártir, coa pombiña que simboliza a fidelidade e a pureza, e co gorro na man, de cabeza descuberta porque era un home humilde e servicial.


Ningún comentario:

Publicar un comentario