Xa están medrando os días e nótanse un pouquechiño máis
largos. Quen mire con atención as cousas do campo, verá como nalgún lugar os
primeiros brotes anuncian o camiño cara a benevolencia da primavera. Cando a
chuvia nos deixa ver o ceo do amencer, ata escoitamos algún merlo madrugador. Aínda
é inverno, pero os días van a máis.
Non é estraño que ante milagre tal, os nosos antepasados
adorasen ó sol, ó único elemento dador e protector da vida, como se ve nesta
laxe na Casarota do Páramo, unha mámoa do alto do Iroite, o lugar máis próximo
ó ceo de toda a Barbanza, con permiso da Curota e dos Gallos, como epitafio
dalgún antepasado adorador do astro rei.
Hai expertos que aseguran que esta é unha representación
do deus Lug, o deus dos dedos longos, que soia amparar e protexer a toma de
posesión dun territorio por cada novo líder. Pode ser, pero iso que semellan
dedos longos tamén poden ser as polas dun ramallo. Como queira que sexa semella
que está ofrecendo unha especie de ramo ó sol.
Agora sería bo saber cal era o ritual daquel paisano, que
tipo de ramo leva na man, e que clase de obxecto soporta na outra ou como era a
careta con que se viste. Seguramente, ó largo deste mes e do próximo podemos
encontrar moitos elementos que nos aproximen ás súas crenzas. Á fin, este
homiño, ó noso entender, o que está é invocando a renacencia da vida tras o estéril
inverno.
Coma sempre, admítense opinións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario