domingo, 19 de xaneiro de 2014

San Sebastián


            Xa se ven algúns gromiños florecendo. As acacias xa están a punto de soltar esa explosión de amarelo que inunda as estradas, múltiples pequenas flores que anuncian a ansiada primavera, a vida que estaba durmida comeza a aparecer vestida de cores. A fecundidade é froito da beleza, da flor sae o froito, e morto tamén estaba Sebastián, un atlético soldado que non quixo ceder ás propostas de índole sexual que o seu centurión lle facía, e acabou sendo acusado de pertencer a esa secta que non respectaba ós deuses do imperio e seguía as leccións dun condenado á pena da crucifixión. Sebastián foi xulgado e condenado a morrer aseteado polos seus propios compañeiros, e cando o deixaban xa por morto, unha piadosa muller recolleu o seu corpo e curouno, facéndolle crer a todos que resucitara, como resucita a semente soterrada durante o inverno.
            O santo converteuse en símbolo de renacencia e desde os primeiros anos do cristianismo foi invocado contra a peste, pois, igual ca un apestado, tamén el co corpo cheo de chagas volveu á vida, e por iso aínda en lugares coma Castro Caldelas se celebra a véspera do seu día unha procesión con fachóns acesos percorrendo todas as rúas da vila (a peste curábase e cortábase queimando todo o que tivera contacto co enfermo), purificándoa ata que todo o mal foi arrastrado para ser queimado con eses paos ardendo nunha grande fogueira onde se lle dan vivas ó santo, e logo a cinza resultante é esparexida polas rúas como se fose o abono dos campos.
            Ó san Sebastián do Pico Sacro, soben os romeiros e deixan no camiño, en lugares ben visibles, xeralmente encima de algunha pedra, anacos de pan e viño, curiosamente invocando ó Pico Sacro e non ó santo:
                        Pico Sacro, Pico Sacro,
                        sáname este mal,
                        este mal que traio.
E é que moitas veces, o lugar é máis máxico aínda co santo que o preside.          


Ningún comentario:

Publicar un comentario