mércores, 1 de xaneiro de 2014

Xano, o primeiro

                   
XA temos ó novo ano, que entrou da man de Xano o deus das dúas caras, do vello e do novo, do sorriso polo que vén e tristura polo que se foi, aquel que porta un báculo en que apoiarse e unha chave que o abre todo. É tempo de sortilexios, de querer adiviñar o porvir, de modo que segundo sexa o tempo meteorolóxico en cada un dos doce primeiros días deste mes, así será cada un dos meses do ano.
Xano é o deus que lle dá nome a este mes, que os nenos reciben percorrendo as rúas das súas vilas e aldeas cantando as Xaneiras e os Manueis, que son cantares de felicitación.
            Outrora era nesta data cando se facían plans para a comunidade, e Murguía lémbranos unha xunta de homes que en Pontecaldelas, cada primeiro de ano, se reunían antes da misa é debaixo dun carballo, para elixir a quen había de presidir o consello parroquial durante o resto do ano.
            En Verín e Laza xa aparecen algunhas máscaras, tal vez como pervivencia das Saturnais romanas, como tamén pode ser lembranza de costumes precristiáns que os rapaces saísen na última noite do ano a atrancar os camiños con carros, cancelas e outros elementos, como unha invocación a que o mal non pasase polas rúas.
            En fin, que xa temos aquí un novo ano, e moitos desexos de felicidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario