luns, 13 de xaneiro de 2014

INTEMPERIE


Pepe de Rocaforte

            Nestes días pasados, por recomendación dun amigo, lin “Intemperie”, opera prima de Jesús Carrasco, autor extremeño afincado en Sevilla, e léndoa veume á memoria outra novela, esta de Dino Buz­zati, “O deserto dos tártaros”, que hai moitos anos me produciu unha fonda impresión.
            En realidade estas dúas novelas non teñen practicamente case nada que ver unha coa outra. Relaciónoas só polo papel protagonista xogado en ámbalas dúas pola paisaxe. Mais se na novela de Buzzati esa paisaxe ven representar unha especie de materialización da espera angustiosa diante do des­coñecido, en “Intemperie” non hai espera nin temor a nada descoñecido, senón fuxida dun horror xa experimentado.
            De calquera xeito, tanto nunha obra como na outra, a paisaxe paréceme fundamental para mar­car o ton da narración. Esas chairas inacabables, unha envolta na néboa que oculta o misterio, e a outra baixo un sol inclemente que todo o aplana, xogan un papel de máxima importancia no desenvolvemento da acción. E aquí reside, para min, o mellor valor da novela de Jesús Carrasco, de quen falo coma aquel que acaba de descubrir o Mediterráneo, cando parece ser que a súa obra xa foi, ou está a ser, traducida a trece idiomas. Ou en trece países, agora mesmo non estou moi seguro.


            Así e todo, por se a algún dos seguidores deste blog lle sucedese como a min, que ata hai pou­cos días estaba in albis sobre o asunto, déixolle aquí o meu consello: paréceme que paga a pena a lectura de “Intemperie”, primeira novela de Jesús Carrasco. Se é lector, anímese.

Ningún comentario:

Publicar un comentario