domingo, 26 de xaneiro de 2014

ESPERANDO ÓS BÁRBAROS

Pepe de Rocaforte
    
esta edición en castelán
reproduce a portada italiana
cun oleo do propio Buzzati alusivo ó tema da novela.

        Retomando un fío anterior, volvo a “O deserto dos tártaros”, de Dino Buzzati, e a aventura do tenente Drogo, militar destinado a unha fortaleza nun lugar perdido da fronteira, onde se espera o asalto duns inimigos indeterminados, os tártaros.
            Na fortaleza transcorre o tempo e nada se sabe, nada sucede. O destino de Drogo será ir deixando pasar os anos nunha inactividade perpetua á espera dun futuro que nunca chega, men­tres se fai vello e se converte nun desarraigado sen ilusións nin esperanzas.
            O tema da espera dun perigo difuso, ou simplemente da espera, é relativamente frecuente na literatura. Relacionado en certo modo coa novela de Buzzati está, por exemplo, “Esperando a Godot”, de Beckett, e algún outro título que agora non me vén á memoria.
            O inicio da historia de Buzzati a min pareceume velo plasmado en imaxes no principio da película “O nome da rosa”. Tempo antes eu mesmo tivera un soño de contido similar, o cal me fixo pen­sar na posibilidade de se trataren de imaxes arquetípicas. Non sei.
J.M. Coetzee
            Tal vez Buzzati tomou a idea do poema de Kavafis, “Esperando ós bárbaros”. Recordemos os versos finais: ...porque cae a noite e non veñen os bárbaros, / e xente che­gada da fronteira / asegura que xa non hai bárbaros. / ¿E que será agora de nós sen bárbaros? / Tal vez ó cabo fosen eles unha solución.

            Aquí, neste punto, outro autor, J. M. Coetzee, toma o relevo e escribe “Esperando ós bárbaros”. Nesta novela Coetzee vai máis alá de Buzzati: a ameaza invisible vaise concretar, ímonos atopar cos bárbaros, uns seres mansos, indefensos, pero gracias a cuxa existencia o Imperio xus­tificará o uso da tiranía, a violencia e a crueldade, non só para sometelos a eles, senón principalmente a nós, os seus súbditos conformistas.

2 comentarios:

  1. Querido e admirado Pepe Rocaforte, buscando antecedentes da túa interesante exposición, que che parece, Languidez de Verlaine e incluso antes, Spleen 3, de Baudelaire? Ambos, penso, comúns no hastío e a inanición, que prepara a caída dos imperios, antes do "decadente final vendo como se acercan rubios bárbaros".

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Gracias pola excesiva louvanza. Estiven buscando e non dei atopado o poema de Verlaine a que fas referencia. ¿Tal vez poida ser debido á palabra elexida na traducción? En canto a Baudelaire, vexo coincidencia en canto á inactividade, a inanición, non así en canto a fastío, polo menos no sentido en que se entende comunmente, porque ¿é realmente fastío o do tenente Drogo na Fortaleza Bastiani?

      Eliminar