domingo, 5 de xaneiro de 2014

Os Reis Magos



O día de Reis remata o Nadal. Remata cunha grande festa de galanos e sorpresas que son a ledicia de todos os nenos e maiores, pero tamén, na nosa tradición tíñase o costume de cantar os Reis, a cambio do aguinaldo que consistía en doces e bebidas principalmente.
            Había sitios onde, os cantores de reis, levaban diante unhas máscaras chamadas do Vello e da Vella, e podían entrar nas casas, mentres os cantantes reunían á veciñanza, para subtraer algún chourizo, no que se pode interpretar como un roubo ritual, un roubo propio do solsticio, sen outro mal que amosar como o mal ten artes caloteiras para conquistar e enganar.
            Hai unha dúbida sobre a que iremos tocando nalgunha outra ocasión sobre a figura real destes personaxes: ¿quen é o Vello e a Vella?, ¿teñen algunha relación coa do “Arco da Vella”?, ¿ou coa Vella que peneira nas noites de xiada?, ¿ou son simples personaxes simbólicos para representar o pasado?.


Sobre o significado dos tres Reis Magos, que é un número que aparece na Idade Media, pois os evanxeos non especifican o número, representan as tres razas coñecidas no medievo, tres como os descendentes de Noé: Sem, Cam e Xafet, tres porque eran as tres idades do home e tres porque son os galanos que representan as tres condicións de Xesús, Ouro porque é rei, incenso porque é Deus, e mirra porque é home. 
Só este apunte para desexarvos que os Reis, ou quen no seu nome veña esta noite, vos traia ademais toda a felicidade do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario