domingo, 26 de xaneiro de 2014

Aves de luz e esperanza


Apuntes sobre a simboloxía das aves
Xa se escoitan cantar os paxariños, e atendemos a un elemento digno de destacar dentro da iconografía galega de época antiga, relativa ás representacións en petroglifos ata ben entrada a idade de Ferro, onde non soen aparecer aves e sen embargo hai moitas lendas relacionadas con castros ou monumentos megalíticos, nos que si aparecen como elemento protagonista, tal a lenda do galo de Armentón (Arteixo), ou a da galiña e os seus pitiños do castro de Lañas (tamén en Arteixo).
As aves non son elemento mítico exclusivo de ningunha cultura, a mesma Biblia conta como Noé, unha vez que deixa de chover, soltou primeiro a un corvo para que vise se había terra onde pousar, e este, ave preeira, ficou comendo cadáveres e non volveu, e logo, soltou unha pomba, que si regresou cunha ramiña de oliveira no pico, no que sen dúbidas se pode entender como o primeiro símbolo de paz.

As aves, que non acostumamos a velas en actividades cinexéticas nas iconografías do mundo clásico, si aparecen con frecuencia asociadas a distintas divindades como atributos propios, tal a aguia, considerada como a raíña das aves, por ser a que voa máis alto, a máis maxestosa e poderosa está asociada con Xúpiter, o falcón, capaz de ver desde longas distancias a súa presa, ou máis aínda o seu ollo, tómase como símbolo de Horus, ou o moucho, unha ave nocturna, serena, atenta e silenciosa con Minerva e a sabedoría.
Asemade as cores das aves son unha das claves iconográficas que observamos, non é o  mesmo o negro dun corvo ca unha pomba branca, pois igual có corvo de Noé, a choia, tamén da familia dos córvidos e das pegas, ave que tamén se alimenta de cadáveres, era considerada polos gregos como ave de mal agoiro, mentres que a pomba, ave da deusa fenicia da fecundidade Astarté, de Venus e Cibeles, era un símbolo do ben e da esperanza.
Tamén a cegoña se tiña como atributo dos viaxeiros, debido a súa migración, e asemade como símbolo de amor filial para os romanos, dado que se pensaba que esta ave alimenta ós seus pais na vellez, razón pola que se asociaba a Xuno.

Como vemos, unha mesma ave pode ter distintos significados e verse de distinta maneira segundo as culturas, en función das súas peculiaridades,  da súa cor, dos costumes ou usos, asóciase a distintas divindades desde antigo e con esa simboloxía se manteñen hoxe en día.
O galo de Barrañán
   
         Na praia de Barrañán, no concello de Arteixo, onde as iconas con aves son unha tradición que se remonta os primeiros séculos do cristianismo, semella que o monte rompeu como se se afundise de súpeto contra o mar, e no límite da praia hai algunha furnas que os elementos mariños foron esburacando a través dos séculos con profundidade variable. Algunha deses furnas comunícanse entre si, pero outras introdúcense no subchán de maneira que ninguén pode sondar a súa profundidade.
            Pois nunha destas furnas que abre a súa boca cara o ocaso, ese punto de onde as crenzas populares din que vén o frío, a noite e a morte, ninguén era quen de asegurar a súa profundidade nin a dirección que tomaba no fondo da terra, así que, a alguén, ocorréuselle meter un galo e agardar para ver por onde saía se é que saía. E ó cabo dun tempo, cando xa todos daban o galo por perdido, este cantou no alto de Lañas. Saiu á luz, despois de entrar pola boca das tebras, preto do castro de Lañas (o castro onde mora a galiña dos pitos de ouro), mirando para a parroquia de san Pedro de Armentón, onde podemos ver unha antiga inscripción que nos fixo sospeitar que antes de que os paisanos rendesen culto a san Pedro, o santo que dicide a quen lle abre as portas do paraíso e a quen se invoca contra os raíos, xa adoraban a Xúpiter, o deus que pon condicións para subir ó Olimpo e castiga ós que lle levan a contraria botándolles un raio. Ben a inscripción máis ben parece referirse á data de fundación do templo.
            Pero a pregunta que agora nos planteamos é a seguinte: ¿Fálannos estas lendas do tránsito polo subchán, dunha especie de peregrinación polo hades dos gregos ata atopar a luz?.

A lenda de Lañas
Fálanos esta lenda da presencia dunha galiña con sete pitos de ouro, rubios coma o sol e ricos como a fartura que simboliza o prezado metal, uns pitiños que moran no castro de Lañas, como mostra da riqueza que alí habita, ou habitou nalgún intre da historia, nalgunha época dourada que permanece na memoria da xente, e fica alí agardando a quen saiba desfacer o encanto. Trátase dunha galiña que aparece ó amencer de certos días do ano coa súa rolada.
Alguén os viu, máis ninguén puido collelos, porque só son a presencia dun tempo de riqueza que se foi.

(Apuntamos como complemento a este artigo o titulado Hórreos en Arteixo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario