Por Pepe
de Rocaforte
Falaba
na última colaboración da novidade dunha colección de teléfonos móbiles nun
pequeno museo das Arribes del Duero. Ten o asunto o seu aquel dada a medrante
importancia destes aparatos nas nosas vidas.
Desde
o prehistórico zapatófono do “Superaxente 86", unha delicia na inefable televisión
única dos anos 70, pasando polos mancontros de pirulos e villeus, sen
esquecer os mobilazos de cinto que decoraban a estilo pistoleiro as cadeiras de
horteras e pailáns a fins de século, ata os iPhones, iPads, e iPods utilizados
hoxe por canta xente quere estar ó día, hai unha longa historia, similar se non
en anos, si en evolución, á que vai do pleistoceno ós nosos días.
Neste
mes de paga extra (para os aínda non saqueados por Rajoy, Montoro e os seus
xefes das multinacionais financeiras), en preparación para posibles tempos
peores decidín facer uso atípico da extra asistindo a varios espectáculos dos
que saquei algunhas conclusións.
Fun
ver en primeiro lugar o Ballet Nacional de Rusia, no Palacio da Ópera, en “O
lago dos cisnes”. Alí, fóra dos carteis disuasorios ós que ninguén fai caso,
non oín ningunha outra prohibición do uso de móbiles. Desde a miña ubicación privilexiada
nos altos da sala observei unha marea de pantalliñas luminosas ata o pé mesmo
do escenario e pregunteime por que carainas pagara a súa localidade aquela
xente se durante a representación se dedicaba a chafullar no móbil, pero alguén
máis sabido comentoume que posiblemente estivesen gravando o espectáculo. Xa
me entraron dúbidas cando no intermedio todo o mundo continuaba hipnotizado
frente á súa pantalla, pero tal vez fose para observar os resultados da
grabación, vai ti saber.
A
segunda experiencia vivina no Teatro Colón. Alí actuaba o Chicago Mass Choir
cun espectáculo de música góspel. Antes do inicio da actuación os asistentes
fomos informados da absoluta prohibición de utilizar cámaras fotográficas,
gravadoras e teléfonos móbiles. A miña posición, no patio de butacas, non era
tan privilexiada coma no Palacio da Ópera e só podía dominar unha pequena
extensión diante de min, na cal, a pesar dos seus límites, localicei dous ou
tres móbiles en pleno funcionamento.
Terceira
experiencia: Coliseo dA Coruña, actuación do Circo do Sol. De novo en posición
privilexiada, polos altos, observo a marea de espectadores estendida en
abano ós meus pés. Antes do inicio do espectáculo advírtesenos por megafonía a
absoluta prohibición de teléfonos móbiles, entre outras cousas polo perigo que
flashes e pantalliñas iluminadas poden representar, como elemento de
distracción, para a integridade física dos artistas.
Este
suposto debe influír para que ó iniciarse a actuación se apaguen as pantalliñas
Pero a miña sorpresa prodúcese cando no intermedio unha marea delas florece ó
instante diante miña. Aquí a cousa víase clara: todo o mundo estaba con “mono”,
nun verdadeiro síndrome de abstinencia colectivo, coa necesidade imperiosa de
manipular inmediatamente o seu aparatiño.
E
eso xa debe dar un pouco máis que pensar, paréceme a min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario