venres, 10 de xaneiro de 2014

A NOITE COS SEUS PEITOS NEGROS


Por Pura Tejelo

                                                 Caín, onde está o teu irmán Abel?
                                                                                     Xénese-4,8


                                                                         Marisa Rodríguez
A NOITE COS SEUS PEITOS NEGROS
maquillaba a apariencia cruel do bosque
aquel inverno de luces perdidas.

Hansel abandonara a súa irmá,
vagando como un caín entre a podalla das primeiras árbores.
Mais un fino fío unira para sempre os orfos:
cada vez que ela suspiraba
el xacía morto atravesado por un lóstrego que lle azoutaba o peito.
Tres días tardaba en erguerse.
Tres días á intemperie e á fame.

Gretel medrou e venceu á súa pírica prisión
e,  aínda co ferinte  sabor do chocolate e o caramelo nos beizos,
buscou o irmán
para regresar á patria.
Atopouno nunha desas mortes na valgada ladeada,
perto dun lago mísero no que saciaba a febre.
Xuntos voltaron dunha historia de ausencia e terror,
collidos das mans, degrañando frangullas,
como antano.
Gretel  detivo a caída do mozo
mentres durou a maldición.

Un fermoso cisne sobrevoaba  o lago sen recoñecer a tristura dos nenos
 que lían un conto fraternal de final feliz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario