domingo, 19 de xaneiro de 2014

O nacemento de Hércules:

   
 Os nós, as serpes e a vía Lactea
Sabido é que a muller embarazada, segundo é crenza popular entre nós os galegos, non debe atar o corpo con nós, para que estes non impidan o mal parto, nin pode facer nós ó peitearse, porque o neno pode nacer co cordón umbilical arredor do pescozo, nin facelos cando cose pola mesma razón. Porque os nós, atan e así como impiden que pase o fío tamén coutan a vida que chega por esa especie de cordel nutricional que é o cordón da vida.
            Son vellas crenzas xeradoras de costumes que aínda se estilan e se remontan á lenda que narra o nacemento de Heracles (nome grego do Hércules romano), o fortachón heroe fillo dos amores ilícitos entre Zeus e Alcmena, que tanto ofenderon á esposa do grande deus.
Foi por iso que a agraviada Hera solicitou das Moiras (unha especie de fadas malvadas) que impedisen o nacemento daquel crío, e daquela elas, un fato de ruindade, sentaron á porta da casa de Alcmena cos brazos e as pernas cruzados (como se fosen nós), polo que a parturenta rabiaba de dor pero o crío non saía. O maldito sortilexio estaba matando á pobre muller e ó que levaba no ventre.
            Apiadada dela Galintías, unha tipa de palabra fácil, que a acompañaba con funcións de matrona en tan complicado intre, saíu á porta dando a falsa noticia de que Alcmena xa parira, e fíxoo con tal convencemento, que as Moiras asombradas de que o seu método non funcionase, erguéronse e levantaron os brazos e os puños ó ceo, ameazando contra quen fose que lle quitaba poder, e entón, unha vez que se desfixeron os nós, o neno saíu como un foguete, gordo e repoludo.
            Hera, aínda non satisfeita, meteulle un par de cobras no berce, pero o neno, aínda neno, colleunas e estrangulounas coas súas manciñas, demostrando que xa desde que tan só tiña días de vida ía pelexar contra o mal.
            Máis o neno, repoludo como era, tamén era mamonciño por demais, e non había leite que lle chegase, e choraba a cada intre pedindo máis e máis comida, e daquela Hermes, o mensaxeiro, o amigo de andar con contos, recados e trangalladas, aproveitando que Hera durmía púxolle ó pequeno a mamar dos seus peitos; pero foi nesta que a esposa de Zeus espertou e vendo ó cativo froito dos amores ilícitos do seu esposo sobre ela, arredouno de malos modos, de xeito que o fortachón infante ó saír, sen acabar de separar os beizos da mama divina, disparou dos peitos da deusa un chorro de leite que formou a Vía Lactea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario