venres, 17 de xaneiro de 2014

LECTURAS NOVAS E VELLAS

 Por Pepe de Rocaforte
            O francés Georges Polti resumiu nunha lista as 36 situacións posibles como argumento dunha obra dramática, resumo extensible a calquera outra peza de creación literaria. Para quen lle interese, a lista pódese atopar facilmente en internet.
            Aceptada a proposta de Polti, non será estraño vermos en toda nova lectura reminiscencias máis ou menos explícitas de calquera obra anterior. A semana pasada comentaba como “Intemperie” me trouxera á memoria “O deserto dos tártaros”. Hoxe sucédeme algo parecido con outra lectura, a de “Terra sonâmbula”, de Mia Couto, unha excelente novela, por certo. (A información nas orellas do libro dinos que un xurado na Feira Internacional do Libro de Zimbabue destacouna como unha das dez mellores novelas africanas do século XX).
            Estaba, xa digo, lendo e gozando coa obra do mozambicano, cando as historias que esta historia me contaba retrotraéronme a “Cien años de soledad”. Ó meu ver, Mia Couto reelaboraba en clave de Mozambique a novela colombiana de García Márquez. Tal vez non sexa una opinión correcta, tal vez non se trate de nada parecido, pero sentino así.
            E á vista de nos últimos tempos calquera libro novo traerme fatalmente á memoria a lem­branza dunha lectura anterior, pensei que mellor me será volver a aqueles textos que me encantaron anos atrás. Neles, en cada revisión, case sempre leva un a alegría de descubrir algún atrac­tivo antes inadvertido.

            Algo sempre novo e mellor, penso e poño por caso as obras de Álvaro Cunqueiro, ese soberbio fabulador, desenvolvendo sen esforzo, tamén sen alardes, a súa incrible imaxinación para á volta de cada lectura facerme sentir arrolado coma nos brazos envolventes da música de Johan Sebastian Bach mentres liña a liña continúo a facer máis e máis descubrimentes felices e inesperados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario