luns, 23 de setembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (37)



                                                                                    O Curmán de Undochán

La carreta, no parque Batlle,
é lugar tradicional para fotos de turistas e veciños
            Aí atrás falamos do cabalo do escudo uruguaio. Tamén das esculturas europeas doadas ao Uruguai, entre as cales duas ecuestres: Colleoni e Gattamelata. Pois ben, facendo inventario, resulta que en Montevideo temos nada menos que once xinetes máis -entre eles o noso Artigas e os herois estranxeiros San Martín, Solano López e Bolívar-, que xa veñen sumando trece... sen contarmos os cabalos presentes noutros grupos escultóricos tales “Nuevos rumbos” -parella campesina dacabalo-, “El entrevero” -combate trenzado de homes dacabalo-, “La carreta” e “La diligencia”. (E é que o nobre cuadrúpedo  estivo presente, especialmente aquí, en moita parte da historia bélica do país).
La diligencia, emerxendo da
canada do parque El Prado
              Tales catro debidos ao escultor José Belloni (1882-1965), un dos dous nomes protagónicos, con diferencia, no embelecemento da paisaxe urbana da capital, sendo o outro José Luis Zorrilla de San Martín (1891-1975): aquel Garaicoechea e este Blanco dos seus apelidos maternos, basco e galego respectivamente, e este descendendo de Alonso da Contiña Blanco, da zona de Vila de Cruces. Se o filoitálico Belloni logrou con carreta e dilixencia -dous meios de transporte sucesivos- sitos en cadanseu parque da cidade, unha grande visibilidade, o filocántabro Zorrilla ten o seu “Gaucho” emplazado en pleno centro.    
                         Realmente, Montevideo, con amplos parques e belos grupos escultóricos, con delongada mariña e fermosos edificios, combina harmoniosa e cumpridamente arte con natureza... entre cuxa escultura quero mencionar o ben máis modesto monumento a Camoens... do mesmo autor (Joao Fragoso) e feitío que o sito na coruñesa praza de Portugal.
   
O prestixio do uruguaio alcanza
a países tan afastados como unha
das república da illa caribense (ollo a “Gervacio”),
retrato imaxinado polo
pintor nacional Juan Manuel Blanes
        
Ora, co pai da patria, José Artigas, acontece, como co Reformador do Ensino, José Pedro Varela, que os seus bustos proliferan ata o aborrecemento en comisarías e escolas, mesmo nestas con frecuencia coincidindo á vez ambos persoeiros... máis alá de estar aquel no lugar de honra de calquera ente público, como na filatelia e na numismática, esta volta en retrato. (O curioso é que todos os retratos do prócer son inventados, pois non resta del máis que un deseño da sua efixie anciá, no exilio paraguaio de tres décadas).
            O bo do caso é que co culto a Artigas, evítase o culto á personalidade de calquera presidente (ou rei fora das Américas). Por certo, que pintarán os reis na numismática e na filatelia dos seus reinos? Isto mostra o pouco que evoluiron os estados monárquicos dese primeiro mundo nesta materia. Ao respecto, rexe aquí unha vella lei que prohibe erguer estatuas ou nomear ruas ata transcurrida unha década do pasamento do personaxe, algo, ao noso ver, exaxerado se se tratar de persoeiro artístico ou literario ou científico, alleo á posíbel soberba ou endeusamento, previsibelmente nocivos para os gobernados, do político que ostentar o poder e manexar o goberno de turno.

Ripio extemporáneo, absolutamente decimonónico: “Quien por comer se interese/ o por masticar se afane/ busque al dentista Seoane:/ el hombre bien lo merece. (Por Antonio Seoane Pita, coruñés de 1858, a exercer en San Carlos de Maldonado, Uruguai). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario